Carta ao Sr. Feijóo

Son médico de familia nun centro de saúde, e diríxome a vostede para lembrarlle que é a Xunta de Galicia que preside quen ten as competencias en sanidade e de vostede é a responsabilidade do que sucede na sanidade galega, esa da que tanto presume e agora, que as cousas veñen como veñen, escúdase tras o Ministerio de Sanidad coma se a cousa non fora con vostedes. 

Son vostedes os responsables do que pasa nas residencias socio-sanitarias. Si, esas que vostede privatizou e repartiu entre fondos voitre e amiguiños para facer negocio a conta dos maiores

Son vostedes os responsables do que pasa nas residencias socio-sanitarias. Si, esas que vostede privatizou e repartiu entre fondos voitre e amiguiños para facer negocio a conta dos maiores, da enfermidade mental e de pacientes crónicos. 

Mire, o COVID19 sacou á luz o insoportable trato e coidados que se dispensan nestas residencias. Mais non é de agora. Vostedes son coñecedores porque foron moitas as ocasións que se lle preguntou a vostede, señor Feijóo, polo que pasaba neses centros socio-sanitarios. Interpelárono a respectos dos salarios de miseria das empregadas, porque a maioría son mulleres; a respecto dos horarios e de cocientes de persoal inaceptables; da calidade da comida dos residentes; e do uso de dobre cueiro para o que chaman “aforrar cambios e gañar tempo”. Preguntáronlle tamén a respecto do tempo que pasan os anciáns nunha cadeira de rodas, porque apenas mostran certa dificultade para camiñar ou camiñan lento, séntanos en cadeiras de rodas aínda que estas non estean pensadas para estar tantas horas nelas. Preguntáronlle polo excesivo numero de residentes anciáns encamados e mesmo amarrados, e asegúrolle que cando abusan das inmobilizacións, algún falece atado na cama… Podería seguir referindo mil atropelos que se suceden en moitas nas residencias, salvo excepcións, e que agora o COVID19 sacou á luz. Pero vostede sábeo; mais sempre entendeu que os coidados ao final de vida tamén son un negocio. Por que non? E por iso púxose a repartir concesións de residencias entre os seus. 

Cóntolle agora o que pasa na Atención Primaria. Mire, vostedes recortaron o que quixeron e máis neste ámbito. A Atención Primaria carece dunha Xerencia propia. Fixéstela depender do Hospital e dos especialistas. E agora, co COVID19, se as cousas non empeoraron mais foi, como sempre, pola iniciativa dos profesionais que sacan o traballo adiante. A Atención Primaria leva o peso da maioría de casos de COVID19, porque a maioría, afortunadamente, non ingresan. Así que nós, os médicos de familia, facemos o seguimento destes pacientes e dos que son dados de alta hospitalaria; e ademais procuramos seguir dando atención aos pacientes crónicos e as urxencias que nos chegan. 

Preocúpanos que pasará cando os centros de saúde vaian retornando a unha certa normalidade. Non volverá ser todo igual. Pasaron semanas nas que non puidemos facer o seguimento habitual de moitos enfermos

Preocúpanos que pasará cando os centros de saúde vaian retornando a unha certa normalidade. Non volverá ser todo igual. Pasaron semanas nas que non puidemos facer o seguimento habitual de moitos enfermos. E preocúpanos non telos atendido e non sermos quen de atendelos. Imos necesitar máis persoal, máis investimentos. E preocúpanos porque vostedes só coñecen a palabra ‘recortes’ e o só usan o termo ‘colaboración público-privada’, o eufemismo co que tapan o desvío de enormes cantidades de diñeiro aos hospitais e fundacións privadas, parasitarios do público. 

Estes días vostede e a Xunta de Galicia realizan unha enquisa epidemiolóxica, que se pon en marcha á conta do traballo da Atención Primaria e sen consultarnos aos profesionais. É lamentable que saibamos dela pola prensa. Dáse conta do enorme traballo que supón para os profesionais de Atención Primaria, moitos dos cales están de baixa polo coronavirus? 

Vostedes saben que a enquisa era unha sobrecarga, pero pesa máis a disputa política co Goberno central. Esta enquisa que a Xunta de Galicia fai é igual á que promove o Goberno central. Daquela, por que non suman forzas? 

Deixe, señor Feijóo, de escudarse para o que lle convén no Ministerio de Sanidad. Vostedes son uns irresponsables. Son os culpables de que o persoal sanitario traballe en condicións pésimas e sen saber se padecemos ou non o coronavirus

A seguinte pregunta é: dado que dispoñen vostedes de 56.000 tests que lle facilita o Goberno central –a pesar de que o señor Feijóo prometeu comprar el os tests, pero “dos bos” –, sería moito pedir que dedicasen unha parte a realizar os test ao persoal sanitario? 

A Atención Primaria esta sendo golpeada polo COVID19. Hai varios centros de saúde con moitos profesionais afectados. Faise necesario coñecer as circunstancias dos contaxios –deixando a parte a polémica das máscaras–, e é imprescindible facer tests ao persoal. Tampouco podemos visitar domicilios sen as precaucións necesarias en canto a equipos, nin sen saber se somos difusores do coronavirus. 

Necesitamos mais tests en Atención Primaria e o SERGAS é o responsable de que non se estean realizando: súas son as competencias e lémbrolle que non están suspendidas polo decreto de alarma. Deixe, señor Feijóo, de escudarse para o que lle convén no Ministerio de Sanidad. Vostedes son uns irresponsables. Son os culpables de que o persoal sanitario traballe en condicións pésimas e sen saber se padecemos ou non o coronavirus.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.