Carta do Demo a Gonzalo Pérez Jácome

Gonzalo Pérez Jácome, alcalde de Ourense © Concello de Ourense

A circunstancia pola que esta carta chegou a min é cousa que non vou contar aquí. As razóns polas que a fago pública responden ao pactado co autor, e tamén quedan na gabeta do persoal. Só me foi permitido asinar esta breve introdución, pero escollo non facelo. O resto, como se verá, non é cousa miña. Só direi que me foi dada sen titular e co encargo de cubrir esta eiva, pero coa cita que se reproduce ao seu inicio. A partir de aquí só resta agradecer a cordialidade da entrevista e desexar que o título “gorente”, palabra moi do gusto do meu ilustre partenaire, o autor. Máis nada.

 

Si yo soy alcalde da igual pactar

con el PP, con el PSOE ou co demo.

G.P.J.


 

Gonzalo, permítome atuarte, sospeito que somos máis ou menos dun tempo. Eu nunca fun novo, aínda que crin selo, e a ti xa che oín queixarte unhas cantas veces da mocidade perdida. Dicides vós: Deus é pai, o tempo é tempo. E eu non son nin unha cousa nin a outra: sonche o Demo. Hai quen di que son un símbolo, pode que haxa alguén que pense que son mesmo un produto comercial. Símbolo tamén podo ser mais quen senta diante deste portátil son Eu. Preguntaraste a razón desta carta, a resposta, en parte, está na cultura popular desa terra que calcas: quen ao demo moito menta, logo se lle apresenta. Ademais, tal e como escribía Francisco Fernández del Riego o 31 de nadal, perdón, de decembro de 1938: “Los viejos amigos de otros días parecen haberse muerto todos”. Así que aquí estou para che falar e por cumprir un vello gusto polos pequenos pracedes: onte un electricista, hoxe un concelleiro, mañá... Mentáchesme e contesto, logo, por alusións. Non terás razón de quen poida dar queixa da miña educación, así que imos ao allo.

Miro a túa cidade e vexo que cando vén a noite os pobres, os drogadictos, os parias de Ourense seguen índose quentar na Burga, coma aqueles graxos que a fraca memoria desa cidade quixo borrar da súa historia. Pouco cambiou a cousa des que paseaba de ganchete co meu bo amigo Risco, rúa da Barreira arriba, camiño das canellas escuras nas que lle bisbei á orella moito do que logo asinou co seu nome. Tivo a decencia de querer contar a miña historia nun libro, mais eu xa fora pago e ben pago co que algún de vós teima en cualificar de certa sombriza tautoloxía. Pero o que toca agora é darche os parabéns, xa ben tarde, polo éxito electoral. Nada lle podo opor aos 13.000 veciños e veciñas que nas últimas eleccións escolleron o teu partido fronte ás outras opcións, novas ou vellas, do abano electoral municipal. As súas razóns terían. Eu, pola parte que me toca, moito che agradezo a deferencia de me contares entre os teus posibles parceiros na, por outra parte, ben magra cortiña ourensá. Algo é algo. Ademais, fronte a teoloxía, tan estudada e admirada, a demonoloxía pouca cancha gasta, ou poucas cátedras ocupa, e unha mención como a túa, por modesta que sexa, non se pode desaproveitar, madía leva!

Nisto ocorre como ca lingua galega. Se o castelán é cousa de Deus (eu non cho sei, porque non o trato, mais así semella pois é o que falan os seus ministros galegos, “con escasas pero honrosas excepcións” deixou dito Xabier P. DoCampo), o galego éche cousa miña e dos meus ministros, que se ven na obriga de falalo ás agachadas, arredor das queimadas, nomeando aves de má acordanza e bechos ruíns, ao pé das lareiras, nos relatos de lobos e aparecidos... Mesmo seica houbo un autor das vosas letras que planeou escribir un western no que os vaqueiros falaban castelán e os indios galego. Deus dea ghana de rir!

O Demo mora, direiche, por temporadas en Ourense. Gusta da calor dos seus adentros e non comparte a conveniencia de construír un parque acuático. Para min, como che ía dicindo e por irmos concretando, o síntoma que dá lugar a tan contundente resposta electoral ao teu favor ten moito de humor e un aquel nada desprezable de traxedia. Xusto as cualidades que máis me prestan! E non é nova a razón, mesmo era xa vella cando Risco ordenou en xuntar porcos e política para ben desa vosa literatura (si, tamén túa).

Porei logo que ao meu ver non es produto, nin tu nin o teu partido, da continxencia política local. Ben ao contrario, sódelo desa entelequia que Shakespeare puxo na boca de Hamlet. Dese “ser ou non ser” que moi ben encana pola vía política co laissez faire, laissez passer. En definitiva, da suma da ausencia de programa para o progreso da sociedade ourensá máis eses xestos baldíos que, en anos coma area, o PP quixo impostar en proveito propio e con engano para toda a sociedade. O relato é sinxelo e poderíase resumir nesta metáfora que me inspira o recordo da miña terra: para o calcinado ermo ourensán receitáronse anos de seca política. Financiada cos xenerosos fondos FEADER, iso si. O que fixo que, continxencias polo medio, se seguise a liña contextual (tamén vella) que imputaba xudicialmente primeiros responsables e facía do concello a casa do absurdo. Concordo contigo: vencido o Réxime da dereita montaraz chegou o mesmo partido con outras caras. Nunca albiscastes a normalidade política na vosa cidade. Concello e Deputación, en conivencia, empuxaron cidade e provincia costa abaixo cara aos sumidoiros demográficos, laborais... Ata que entre estas caldas xordes tu falando dun parque acuático. Xaora!

A situación que se presentou no concello foi, logo, entusiasta para ti, que mesmo ascendiches a alcalde, coma Don Celidonio. Ben entendo a túa felicidade. Porén para outros/as, entre quen me inclúo, o futuro virábase preocupante. En moitos aspectos e por moitas razóns. E o tempo veunos dar a razón. Mais como son persoa de logo me enlear en divagacións inútiles, centrareime nunha soa cuestión, unha das que máis me preocupan e que considero matriz de todos os complexos que che nacen e se espellan nesa túa esperpéntica política municipal. O voso idioma. Ese que me ensinou a amar o citado Risco, cando era alguén.

Ourense é un esteo (sabes que é esteo?) na historia do idioma galego. E o pasado é coma os alicerces da casa, non se ven pero terman do que somos. É dicir, Otero, o mesmo Risco, Blanco Amor... por concretar na rúa da Paz, esa milla dourada do voso capital simbólico moi superior, e por moito que non haxa maneira de facelo tanxible nin cuantificable, a calquera outra que poida montar a política do diñeiro. Calquera cultura sensata envexaría ese paseo/pasado. Calquera corporación municipal digna de tal nome poría a producir iso, o tesouro da lingua, en favor da nación (da que sexa), porque moi poucas cidades teñen a inmensa sorte de se robustecer coa boa literatura.

Con todo, ben vexo que ultimamente andas moi rufo co que dis. Pero ten conta, as palabras son carrachas e apéganse a un. Nas vindeiras eleccións a lista máis votada se cadra pende de novo cara á facción máis ocasionalmente civilizada da dereita local, que xa gobernou en minoría. Polo tanto é ese partido, titular tamén do goberno da Xunta, quen poderá ostentar a alcaldía na persoa do ex Manuel Cabezas (quen, coma o presidente Rueda, xa correu a dicir que “xamais” pactará contigo: como me gorenta esa contundencia!), igual ca no pasado estivo na do exconselleiro de Cultura e Educación, Xesús Vázquez. Se se trata de alimentar o voso idioma e cultura, Xesús Vázquez demostrou ser garante da peor fame (e despois falan de min...) e ao que pode vir xa lle coñecemos as habelencias. Pero que cabe esperar de ti, se atopas compango para esa remuda que xa planeas, cando nun vídeo que rula pola rede cargas o erro de expresarte en galego á chea de viño que levas?

Con todo, a ver se remelas, home, que non hai imposibles. Ourensás e ourensáns merecen máis que agardan (ben o sei porque, como dicides, o Demo coxo aínda sabe máis có Outro). E xa que non ha faltar quen che axude a repetir nesa condición de árbitro político, ben podes defender un Ourense cheo de historia e de gloria na protección e desenvolvemento da lingua. Non che han faltar nin a memoria nin as palabras de quen de verdade puxeron e poñen Ourense no mapa do mundo. 

Hai, seica, un deus dos coherentes. Espero che bote un cabo para facer política merecente de tal nome, se te ves noutra igual ca agora. Ourense e o voso idioma non che son calquera sitio. Do tempo, en fin, non te preocupes: cando reñe respondo con boca de cherna e é aí cando me ri e sei que aínda somos amigos. Este ano a primavera chegou cedo a Auria e é certo que a única vantaxe de envellecer é que tamén as células acalman o paso. 

Cordialmente.
 

O Home dos cornos, O Cornudo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.