Carta do meu tío aos Reis Magos. Que facemos?

"Tudo me pareceu oco e tive a impressão fria de que não há solução para problema algum”.(O livro do desassossego, Fernando Pessoa).

Queridos Reis Magos:

O nacionalismo galego padece una grave doenza e o choio non pinta nada ben porque, a día de hoxe, non só non hai trazos de que se vaia atopar o antídoto, senón que os menciñeiros que lle pretenden curar a súa malura carecen da pericia e da vontade real necesarias para aliviarlle ese maldito andazo perdurable. O caso é que algúns andamos patexando coma cadelos rabiosos aos que lle acaban de empapar o rabo cun bidón de vencina. Non por non ulir o que se vía vir hai tempo, senón pola torpeza e desidia dos que debían facer o que tiñan que facer para que as cousas saísen doutra maneira.

Os que levan varios anos confundindo o BNG cunha leira da súa propiedade andan completamente distraídos, apagando as poucas belas que lle quedaban acesas, ata escurecer algo máis a escuridade, soprando cara o ceo e botándolle a culpa a aires estraños. Seguen pensando que, traballando a terra co arado romano e estercando con estrume, poden acadar unha colleita semellante aos que fan os labores con sistemas mecanizados e usando fertilizantes.

Os de CxG tiveron a lucida ocorrencia de alancar por riba da razón, pretendendo demostrar que unha cosa é un partido político, e outra cousa é participar nas eleccións. Ata houbo dirixentes ousados que pretenderon explicalo, convencidos de que, cando se adoitan actitudes absurdas, tamén se poden atopar argumentos para xustificalas. Vaia! É coma se os da Conferencia Episcopal decidisen non abrir as igrexas os domingos, argumentando que no Vaticano non se acaban de pór de acordo sobre a prédica dos oficiantes da misa, e lles dan liberdade de culto aos fregueses, mentres non se resolvan as discrepancias.

E os de Anova estoupan de contentos, pensando que, porque lles tocou a lotaría, grazas a un décimo que lle regalaron uns de alén o Padornelo, poderán gozar do premio, sen pagarlle os trabucos ao fisco madrileño.

E nesas andamos. Os gurús do Bloque reflexionando como refundar o irrefundable, os de CxG á caza dos biosbardos, e os das Mareas agardando ordes, a ver o que pasa. Mais o que acontece é que, a min pétame no corpo que os galegos xa non teñen ansia de ningún benegá –refundado ou non- e, realmente, o Beiras auténtico e os sucedáneos xa case non lle interesan aos nacionalistas galegos. De maneira que, ogallá me equivoque, mais se non hai quen o remedie, imos seguir tendo un problema de collón de mico, ata que escampe e apareza algo de claridade neste escuro panorama.

Ah! Felices festas! Lisardo Quintas Teixeira.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.