Caso Valtonyc: máis derrotas para o cumio xudicial español

CC-BY-NC-ND Fotomovimiento

O rapeiro Josep Miquel Arenas ( Valtonyc) foi condenado no 2017 por ese Tribunal de excepción chamado “Audiencia Nacional” á pena de tres anos e medio por delictos de expresión, nomeadamente inxurias graves ao daquela Xefe de Estado (a quen alcumou de “ladrón”) e supostas loubanzas á ETA, xa desaparecida na altura e con quen non tiña vencello directo ou indirecto ningún, o que determinaba que as malfadadas e insultantes verbas dESTE Valtonyc non levaran inserida ningunha ameaza violenta directa nin indirecta, senón expresións, si, desaqueladas e ferintes, mais que non serían delicto noutro Estado europeo

Esta sentenza foi confirmada polo Tribunal Supremo estatal que preside Marchena no 2018 e, xa que logo, o Valtonyc, até daquela unha besta parda nas súas falas e cantares, fixo o que faría calquera persoa normal que coñecese, como sen dúbida coñecían os seus avogados, a dinámica xudicial destes anos de chumbo represivo e lawfare: liscar ao Reino plurinacional de Bélxica e porse baixo a protección da rede xurídica, política e de apoio do President Puigdemont e dos consellers e consellera exiliadas no Estado flamengo-valónico. Persoas, que por certo, seica foron quen de lle abrir as neuronas do sentidiño, do seny, ao mallorquín. 

Mais non estamos a analisar os cantares desaqueladamente ofensivos (mais nunca delictivos) dun rapaz de 20 anos no intre dos feitos, senón da represión áceda e cruel do Reino de España, que leva tres anos tentando acadar a extradición deste home de Flandres, onde reside dende aquela, a medio dunha euroorde que, como as do president Puigdemont, a consellera Ponsatì e máis o conseller Puig, vai camiño de ser desestimada polo Tribunal de Apelación de Gaant, que o 23 do mes que andamos vai analisar o recurso presentado pola Fiscalía belga que representa ao Reino de España contra da decisión do xulgado de instancia, que desbotou cumprir esta euroorde por se tratar de delictos de opinión non incriminados na libre Bélxica. 

E a razón é dupla. Por unha banda o Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) respostou unha cuestión prexudicial do Tribunal de Apelación de Gaant rexeitando que o delicto de loubanza do terrorismo fose de entrega automática no marco da lexislación das euroordes, pois que éste fixa en tres anos as penas mínimas para activalas, cando o Código Penal español no intre de se cometer os delictos fixaba a pena máxima en dous anos, circunstancia esquecida pola euroorde española, que alegaba a lei penal vixente dende 2015, máis rigorosa que a vixente cando o Josep Miquel cometeu os feitos. Como diría un castelán castizo: “pillaos con el carrito de los helaos “ .

A estratexia catalá do exilio, sen a que non se pode entender o roteiro decorrido polo rapeiro mallorquín e máis a súa transformación (ben para mellor) intelectual e humana nestes últimos catro anos, amosa, máis mes a mes ca ano a ano, que a democracia española é de baixa calidade

E, pola outra, o delicto de inxurias ao Xefe de Estado, vixente no Reino de Bélxica por lei de 1847 e que supostamente abeiraba tamén a euroorde española, ven de ser declarado inconstitucional polo Tribunal Constitucional do reino plurinacional, que resolveu deste xeito a segunda cuestión prexudicial que remesou o asisado Tribunal de Apelación de Gaant que, facendo pedagoxía para toda a Europa, amosa ter en conta tanto o Dereito europeo común como o Dereito Europeo de Dereitos Humanos.

Porque a Alta Corte belga ven de declarar inconstitucional o delicto de inxurias ao Rei (penado até con tres anos de cárcere e, xa que logo, habilitante de primeiras para alicerzar unha euroorde de prendemento e entrega) pola sinxela razón de que vulnera a liberdade de expresión recoñecida na Constitución daquel Reino, que segue o criterio do artigo 10 da Convención Europea de Dereitos Humanos, , como ordenan tanto a constitución belga como a española, que coinciden en se suxeitar ao Dereito convencional europeo de dereitos fundamentais na intrerpretación que del fai o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH) de Strasbourg

É dicir, a xustiza belga non só ven de frustrar a extradición do rapeiro mallorquín, senón que tamén ven de demostrar a inconstitucionalidade do artigo 491 do Código Penal, que sanciona as inxurias ao Rei, porque o TEDH é a máxima autoridade xudicial española no eido dos dereitos fundamentais, consonte co artigo 10.2 da Constitución española que tantas veces ao día nomean Filipe de Borbón, Casado e Abascal.

A estratexia catalá do exilio, sen a que non se pode entender o roteiro decorrido polo rapeiro mallorquín e máis a súa transformación (ben para mellor) intelectual e humana nestes últimos catro anos, amosa, máis mes a mes ca ano a ano, que a democracia española é de baixa calidade e que o cumio xudicial español dirixe o deep state na historia represiva que tenta a subsistencia do proxecto oligopolístico, recentralizador e de apropiación rapaz das elites borbónicas representadas no palco do Bernabeu, aliadas co populismo españolista do “a por ellos”. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.