Castellanos de Castilla

A emigración dos galegos á sega é un longo e durísimo episodio da nosa historia que as novas xeracións apenas coñecemos polos versos de Rosalía

A emigración dos galegos á sega é un longo e durísimo episodio da nosa historia que as novas xeracións apenas coñecemos polos versos de Rosalía e pola referencia dos manuais de divulgación, necesariamente efémera.

Eu que de meniño vin pasar pola miña rúa do barrio de San Roque de Lugo os derradeiros segadores camiño da estación do tren nas tardes calorosas de xuño, nunca lera descrición ningunha feita polos castellanos sobre esa migración: desde o outro lado, por tanto. Até o outro día, cando me regalaron un libro da vida e da historia de Cuenca de Campos, ben escrito, contido e moi elegante. Reproduzo a continuación o que lembra o autor sobre os segadores, posto que tratou con eles.

Eu que de meniño vin pasar pola miña rúa do barrio de San Roque de Lugo os derradeiros segadores camiño da estación do tren nas tardes calorosas de xuño, nunca lera descrición ningunha feita polos castellanos sobre esa migración: desde o outro lado, por tanto

Comezaron a chegar xentes galegas, ás cales puxeron en contacto con esta zona os conquenses dedicados ao comercio con aquel reino (...). Durmían no campo, remansados nas morenas, agás o día da Nosa Señora e o de San Roque. Digo remansados porque a maioría das tardes, cando chegaba o “corredor de olla”, coa cea, xa posto o sol, erguíase un vento que enchía as marmitas de palla. A comida non se diferenciaba moito da dos donos, consistía nun cocido con touciño, chourizo e carne de ovella ou cabra, xeralmente acecinada, coñecida por castrón. A sobremesa consistía en cebola, leituga, cogombro, etcétera. Non lles faltaba viño da colleita para beber, aínda que algún amo racionábao. Coñecido foi o refrán referente á dieta dos segadores

Por la mañana pan y cebolla
Al mediodía la olla
Y por la noche
Vuelta al pan y la cebolla.

Isto segundo o repaso feito polos distintos cadernos de contabilidade de varios labradores, non era tan rigoroso. O que resultaba rigoroso e extenuante era o prolongado traballo a ceo aberto da sega. Diremos no entanto que a comida non se axeitaba á temperatura á que traballaban.

Eles e elas sempre vestidos con roupa máis ben ruda, defendíanse do sol no descanso cunha sombreira apoiada en catro ou seis varais, mangados noutros tantos chuzos ben fincados no solo. Alí acubillábase algunha crianza que tivo que acompañar á súa nai porque aínda lle daba o peito. Imaxinámonos o pouco leite que tería a nai, todo o día ao sol e coa fouce na man. Aconteceu que algún cativiño saía da sombreira gateando, insolaba e morría. Ese día viña a cuadrilla ao enterro e algunha máis cando as campás das torres tocaban a gloria. Fouces e dedís de cana  e coiro descansaban polo menos medio día.

A todos os segadores lles asignaban máis pan do que consumían, do cal tomaba nota o amo, e o día antes de emprenderen a volta para os seus fogares, metían para o forno a cantidade aforrada e aínda máis que mercaban para, ben colocada, levala nos burriños.

O conxunto da cuadrilla non sacaba de media unha iguada por día e fouce, aínda que case todas contaban cun segador rapidísimo que o conseguía. Houbo un paramés que sobardou esta avultada medida. E nun “pueblo” de perto da localidade zamorana de Mombuey, segando centeo a cerro, varios mozos remataban unha tarefa diaria de 7.000 metros cadrados.

As segas dos galegos en Castilla foron rematando nos anos sesenta, cando se mecanizou o agro.

  • Cuenca de Campos, Ayer. Aderito Pérez Calvo. Diputación de Valladolid. 2003.
  • Galicia a a sega en Castela ó longo dos tempos. Consello da Cultura Galega. 2002. (Con varios traballos e memorias interesantes, especialmente os titulados "Segadores e identidade galega", de González Reboredo e "Notas sobre segadores desde Terra de Campos", de José Luís Alonso Ponga).

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.