Seguimos a ser a mesma xente que existe e resiste adoecida nun contorno que se sabe lexitimamente propio pero aínda así, forzosamente alleo
Asociar a Rosalía coa palabra catalizador non é un exercicio novo. Lévase pondo en práctica dende hai décadas, dende o século pasado; mesmo dende o pasado milenio. As pelegrinaxes líricas aos lugares rosalianos do século, do milenio pasado saben resistir o paso do tempo, sendo posíbel unha actualización do seu visionado, salvadas as distancias do coloreado descolorido da cinta e as irregularidades lingüísticas dunha normativa aínda espontánea na clandestinidade. Seguimos a ser a mesma xente que existe e resiste adoecida nun contorno que se sabe lexitimamente propio pero aínda así, forzosamente alleo. Mudan as modas, varían os tecidos, cambian as formas lingüísticas que cremos verdadeiras, a pátina do ritual, o estilo do peiteado e o ademán; o protocolo e a forma da cerimonia, mais a problemática de fondo segue a sernos familiar, demasiado familiar.
“Castellanos de Génova-Madrid, Frankfurt, Bruxelas, Luxemburgo, Pekín, Basilea, Londres, Johannesburgo, Chicago... tratade ben á clase traballadora galega”
Pasaron cento cincuenta anos dende a primeira edición de Cantares Gallegos en Vigo e aquí hoxe, cantamos diferente pero tamén parecido. Mantemos apenas os mesmos amos, parecidos abandonos, similares inxustizas e fomos ampliando as identidades agochadas detrás dos opresores. O número de vítimas segue en aumento. “Castellanos de Génova-Madrid, Frankfurt, Bruxelas, Luxemburgo, Pekín, Basilea, Londres, Johannesburgo, Chicago... tratade ben á clase traballadora galega” cando lle fagades as contas nas bolsas, nas entidades de valoración do rating, nos mercados da usura, na expropiación do medio, porque houbo un tempo en que convivimos coa sensación de que existía unha vontade real de polo menos ir encetando o desexo da vontade de comezar a ir querendo subsanar esa débeda eterna. Si, a mesma que deixa en insignificante e irrisoria a cacarexada débeda do sector público que fala no idioma macroeconómico. Un átomo de vontade para renunciar, en palabras de Lois Pereiro, a facer xirar a roda hidráulica dunha cíclica historia universal da infamia. Non se preocupen, xa logo lles organizan unha master class sobre o refinamento da mentira, o control das masas, a manipulación nos medios de comunicación para ir vendo de depurar a técnica.
“Cando van van como rosas, vostedes seguen a amañalo todo cos pagos nos sobres en negro.”
Que pensaría Rosalía se vivise no mes de febreiro do ano 13 do terceiro milenio?
Pero imos ao noso. Que pensaría Rosalía se vivise no mes de febreiro do ano 13 do terceiro milenio? Que sentiría ao saber que o artellado actual moi probabelmente a obrigase a substituir a concreción da data por unha expresión temporal de índole económica do estilo “rexistro activo do primeiro semestre”? Como se vería afectada a súa lírica sabéndose nun contexto tan extraordinariamente caótico na praxe e produto dun discurso con arelas exemplificantes alicerzado nun cinismo superado polas circunstancias?
Iso foi o que decidimos preguntarnos a nós mesmas e ao conxunto da sociedade un grupo de mulleres escritoras
Iso foi o que decidimos preguntarnos a nós mesmas e ao conxunto da sociedade un grupo de mulleres escritoras convocadas dende a AELG a través de Rexina Vega, vogal desta asociación en Vigo. O resultado, sendo como era inicialmente un proceso bidireccional, quedou desafortunadamente reducido ao vídeo “Todas con Rosalía”. Desafortunadamente porque existía unha segunda proposta finalmente truncada por cuestións de calendario e multiplicidade de convocatorias simultáneas consistente nun acto que se sentía máis necesario que reivindicativo, que tamén, na así chamada Cidade da Cultura. Nesta nosa cultura habería que deixar algo do tempo da verbena para o after hour. Certo é que os antencedentes rexistratados nos últimos días non se prevían moi prometedores; está visto que hai xente que resulta cada día máis molesta porque persiste nesa teima estraña de querer traballar con dignidade nun oficio que de tan vello lle leva facendo a crónica á propia humanidade dende que esta se recoñece como tal. As máquinas son case sempre tan dóciles...
Por fortuna quedou o rexistro do vídeo para ir botándolle algo ao dente. E arestora entramos no tempo do agradecemento. Agradecer pola parte que me toca ás "cinco fantásticas" que se deron en xuntar comigo no MARCO nun deses días de chuvia intensa que todo o complica e cos que a metereoloxía lle fai o acompañamento á melodía da desazón constante dos últimos anos. A Enjamio Castro, ilustrador reconvertido en marionetista grazas ao guión inmisericorde da crise, por atreverse a compartir a súa incríbel Chari nun rexistro diferente. A Pura González e a María Lemos por mimar a serra do Galiñeiro. A Manuel Forcadela pola disponibilidade á hora da gravación ás portas do círculo de empresarios – club financeiro. A Lucía Riveiros, por conseguir facer coincidir un anaco de tarde para rirmos xuntas. Ás amigas coas que subín ao Castro para gozar dun sol de sábado mentres xogabamos a vivir versos actualizados. A Raquel Rei, por darlle forma ao magma. A Xina Vega, por querer formular unha proposta en aberto que deu nun proceso cooperativo moi enriquecedor cando o habitual é aínda repetir unha única formulación dun xeito vertical e excluínte.
Que palabra pode condensar a esencia de Rosalía? Iniciación, vento, sonata, dor, exemplo... Eu engadiría conciencia, identidade, resistencia, denuncia.
A Cesáreo Sánchez, por escoitar. A todas as que participastes –non sei dicir que vídeo me gusta máis, todos son aguilloadas urxentes– e tamén, por que non, ás que finalmente decidistes non facelo. Por que algún día nos saibamos atopar.
Que palabra pode condensar a esencia de Rosalía? Iniciación, vento, sonata, dor, exemplo... Eu engadiría conciencia, identidade, resistencia, denuncia.
Amizade.
Catalizador.