O 16 de decembro de 2016, o tribunal constitucional federal de Alemaña inadmitiu a trámite un recurso contra a prohibición dun referendo sobre a saída de Baviera da RFA cun argumento contundente e lacónico: “Na República Federal de Alemaña, como Estado nacional baseado sobre o poder constituínte do pobo alemán, os Länder non son ‘donos da Lei fundamental’. De aí que baixo a Lei fundamental non haxa espazo para as aspiracións de secesión dun Land. Atentan contra a orde constitucional”. En Baviera, o independentismo é un fenómeno tan irrelevante que, polo visto, pode ser despachado pro forma cun par de liñas displicentes, destinadas ao seu arquivo e esquecemento inmediatos.
Non parece que en Cataluña esteamos exactamente na mesma situación. Certamente, a nación catalá non é titular do dereito de libre determinación, xa que non hai ningunha norma xurídica estatal, europea ou internacional que llo recoñeza, pero nunha democracia –e máxime nunha nación de nacións como España– é apenas concibíbel que non se poida medir nun referendo o apoio cidadán de que goza unha demanda de separación de moi ampla base social, continuada e ben estruturada. É posíbel que non haxa unha sólida maioría cidadá claramente partidaria da independencia, pero non hai moitas dúbidas de que a maioría da cidadanía si desexa pronunciarse sobre se quere e, en caso afirmativo, como quere pertencer a España.
Neste asunto, as nosas elites non fan precisamente gala de moderación, pragmatismo, lealdade e paciencia. As unionistas entenden que as demandas de secesión son irracionais no marco dun sistema de gobernanza multinivel. Porén, é innegábel que se está a dar, desde hai moitos anos, unha recentralización, é dicir, unha laminación sistemática das competencias autonómicas, que só é posíbel porque as Comunidades Autónomas carecen de núcleos substantivos de decisión soberana. Pola súa banda, as elites separatistas instrumentalizan a Generalitat a prol da secesión sen escrúpulo democrático ningún, mentres, embarcadas nunha revolución eufemística, implementan o taumatúrxico procés de desconnexió bosquexado na declaración de independencia aprobada o 9 de novembro de 2015 polo Parlament (e inmediatamente anulada polo TC), que prevé “un procés constituent no subordinat”, é dicir, non supeditado “a les decisions de les institucions de l’Estat espanyol, en particular del Tribunal Constitucional”.
Non, claramente, Cataluña non é Baviera. Así que cumpriría convocar un referendo –precedido dunha nova redacción do artigo 92.1 da Constitución e dunha lei de claridade semellante á canadense– e procurar gañalo ofrecendo basicamente tres cousas: unha idea desdramatizada de España como un país complexo, con identidades nacionais cruzadas cuxa articulación require unha nova lei fundamental; temperanza na abordaxe das identidades nacionais, que podería inspirarse na da Constitución Federal da Confederación Suíza; e, sobre todo, unha solución tan prudente, responsábel e razoábel como unha fórmula dúctil de soberanía compartida entre España, como Estado federal, e Cataluña, como Estado federado. España non está condenada ao fracaso, pero debe reinventarse con certa sobriedade. Quizais poida ser útil a fórmula suíza da Willensnation, da nación fundada sobre a vontade política. Queremos que a nación catalá poida sentirse cómoda en España?