Catalunya. Hungría, 1956?

Non sei vostedes, pero eu si lembro que Aznar, para afrontar o Plan Ibarretxe, fixo aprobar unha lei ad hoc para encarcerar o Lehendakari se a cousa chegaba a maiores. Por suposto, unha e outra vez fixo saber que non tería inconveniente en suspender a autonomía vasca, seguindo o Artigo 155 da Constitución. A Aznar gustáballe ameazar: formaba parte do seu estilo. Unha das primeiras cousas que fixo Zapatero cando chegou ao poder foi derrogar esa Lei.

Non sei vostedes, pero eu si lembro que Aznar, para afrontar o Plan Ibarretxe, fixo aprobar unha lei ad hoc para encarcerar o Lehendakari se a cousa chegaba a maiores

Acórdome, porque non chego a entender ben que é o que se supón que sucederá se a consulta catalá sucede. Ou ben, se non sucede, pero, no seu lugar, convócanse eleccións anticipadas, de feito plebiscitarias, coa independencia como punto nodal. O feito de que Rajoy non faga nada, como esfinge, nin incorra en bravatas, como Jose Mari, suxírelle a moita xente que encerra unha sabedoría de orde superior, misteriosa, druídica, inaccesible ao non iniciados. E que esa gnose fará posible unha solución. Eu non me fiaría, a verdade.

Así pois, pasa como naquel chiste de Les Luthiers en que un home afectado de fimose se achegaba á consulta médica e preguntaba: Doutor, que pasa se o doutor se pasa? Non hai nada escrito no ceo que asegure que unha terceira vía vaia a abrirse camiño. E, máis ben, hai moitos motivos para inferir que ese trazado alternativo non vai existir. Que se abrise paso algunha forma de federalismo asimétrico sería o razoable, dadas as actuais circunstancias, pero contradiría non só a opinión dominante nos dous grandes partidos, e noutros máis pequenos, como UPyD e Vox, senón, paréceme, no pobo español. Tampouco é seguro que os cataláns queiran xa volver ouvir falar desas cousas...

Que se abrise paso algunha forma de federalismo asimétrico sería o razoable, dadas as actuais circunstancias, pero contradiría non só a opinión dominante nos dous grandes partidos, senón, paréceme, no pobo español

Hai que lembrar que a sentenza do TC de 2010, ese inmenso erro que abriu a deriva actual, foi antolóxica por ontolóxica. Concretamente dunha antoloxía do disparate -xa se sabe que non todos somos mamíferos- e precisamente o que fixo foi pechar a porta a esa posibilidade. De pasar o filtro constitucional aquel Estatut xa cepillado polo Congreso non estariamos aquí.

Suponse que nos opomos ao totalitarismo, ao fundamentalismo e á intolerancia, e que somos partidarios do diálogo aberto. Que o Século XX tivo lugar e que superamos a querenza polas esencias de varia condición. Con todo, no canto de avanzar cara a unha teoría do Estado que fose máis aló de Bodino, e das vellas concepcións da soberanía, de orixe teolóxica, como lembra Carl Schmitt, os xuristas do TC distinguíronse por bosquexar unha sentenza cun cheiro a rancio digno da escolástica máis teimuda e plúmbea. Un dos maxistrados máis conservadores, Rodriguez-Zapata, tivo o valor de remontarse até o mesmísimo Pentateuco para razoala.

A identificación entre Nación e Estado que emana da sentenza devolveunos a unha época para a que non houbo pensamento filosófico de Hegel ou Fichte para aquí

A identificación entre Nación e Estado que emana da sentenza devolveunos a unha época para a que non houbo pensamento filosófico de Hegel ou Fichte para aquí. Kimlycka, por suposto, nin lles soará aos señores xuristas. De tomala en serio teriamos que darlle a razón ao máis decimonónico dos nacionalistas. Os máis conspicuos entre eles non parten de supostos diferentes. Outros, por fortuna, ouviron falar de cousas como estado composto, gobernanza multinivel e federalismo asimétrico.

Así pois, se non é posible esa terceira vía, que? Porque, se o entendo ben, do lado catalán o que parece haber é unha confianza cega, case mística, nas virtudes do procedemento democrático. O suposto básico, implícito, é que, de suceder a consulta, ou unhas eleccións de feito plebiscitarias, a mesma Unión Europea que, de momento, lles nega o pan e o sal á súa demanda, sairía a defender unha negociación entre Catalunya e España.

En parte, esa mediación sería por motivos prácticos, dado que a hipótese contraria -a lea montada no seu flanco suroeste- sería engadir un problema máis, e non pequeno, aos que xa afectan a Europa. E, en parte, por motivos morais. Porque podería Europa, sen negarse a si mesma, sancionar unha solución pola forza dun diferendo que os cataláns quixeron sempre que transcorrese por vías escrupulosamente democráticas?. De facelo, sería cruzar un Rubicón: a lexitimidade Europea quedaría polo chan a ollos do mundo. Esa parece ser a hipótese catalá de fondo.

A situación é bastante confusa para admitir todas as interpretacións. Rajoy parecería supor que o proceso desaparecerá por sorpresa, como sucedeu co Plan Ibarretxe

Así que ese é o terreo dun xogo que, ás veces, adquire tons propios de Cantinflas. Porque, do partido que se xoga entre Catalunya e España non sabemos quen gaña, nin se imos perdendo mentres gañamos ou imos gañando mentres perdemos. A situación é bastante confusa para admitir todas as interpretacións. Rajoy parecería supor que o proceso desaparecerá por sorpresa, como sucedeu co Plan Ibarretxe. Os cataláns confían, talvez máis do estritamente esixido polo seny, nos Deuses aos que se abandonan. A democracia sen sombra de mácula e Europa.

Pero, e se as cousas se encrespan? A propósito da confesión de Pujol sobre as prolongadas mordidas en que parece consistir a súa vida laboral na Generalitat, José Antonio Zarzalejos escribiu isto:  “España está débil e padece moitas patoloxías pero o Estado deféndese cando percibe que está a ser atacado. Os políticos secesionistas de Catalunya -non todos, pero si algúns importantes- demostraron que, ademais de inxenuos, son imprudentes. O independentismo de Mas et alii expúxose desde Barcelona como unha partida de mus sen cartas gañadoras. E así non se fai política de volteo da situación, de ruptura dun Estado con séculos de traxectoria”.

Se o choque de trens se produce non hai que descartar nada. O peculiar coronel Martinez Inglés asegurou que xa está planificada unha posible intervención militar, denominada Operación Estela en Catalunya. E o colectivo de militares pola República Anemoi -por certo representado por xente da Armada, corpo que, desde Topete, é dicir, desde a Revolución gloriosa de 1868 non se pronunciou- indicou que de ningún modo se han utilizar as Forzas Armadas como factor de inhibición dos desexos de cambio político e económico.

Se o choque de trens se produce non hai que descartar nada

Con todo, non é a intervención militar o máis probable. O máis lóxico sería o modesto uso da policía, cumprindo ordes do Ministerio, para deter os líderes cataláns. Iso sería un desastre e podería provocar seica algo parecido á rebelión húngara de 1956, salvando as distancias, dado que España é unha democracia e o país maxiar non o era. Política ficción?. Ogallá que si. Pero exporse con claridade a ese taboleiro talvez axudaría a que o desenvolvemento das xogadas non nos leve a unha lameira que poría España, outra vez, nese recuncho autoritario, atrabiliario, cruel, sucio e desordenado ao que prefeririamos non ter que volver.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.