Cen días soe ser o período de gracia que supostamente ten un goberno para comezar a andar. Un período que a opinión pública, polo menos a publicada, acostumaba respectar antes de facer balance da nova xestión. E digo acostumaba, porque o acelerado ritmo de consumo informativo que vimos padecendo, tende a ir desdebuxando esa especie de paréntese. Moito máis aínda no caso que nos ocupa, o das negociacións postelectorais que levamos examinando con detalle dende o día 21 de decembro e que seguro seguirán dando pé a numerosas reflexións.
Cen días nos que a xente está moito menos preocupaba do que afirman os medios. Tal e como sinala o CIS, non ter goberno non figura entre as principais preocupacións da cidadanía. Menos mal, din algúns, sen embargo, é este un argumento propio do ideario liberal e capcioso en si mesmo, pois os principais problemas: desemprego, desigualdade, crise dos refuxiados, Siria ou corrupción, si requiren solucións políticas. Deste xeito, alentar a idea de que a política é parte do problema e non da solución non só é irresponsable, senón que decanta unha profecía autocumprida, de repetirse eleccións, moi probablemente a participación será menor.
Cen días nos que por máis que repitamos que o bipartidismo morreu, a lóxica bipartidista non desaparece. Agora en lugar de dous partidos temos dous bloques diferenciados que non acaban de rachar co tradicional eixo esquerda-dereita. Nada substantivo parece que vaia mudar se se repiten eleccións, apenas un leve transvase de escanos entre PP-Ciudadanos e PSOE-Podemos, un cambio mínimo que dificilmente desbloquearía a formación de goberno e que nos podería deixar nun interminable día da marmota.
Cen días nos que, cada vez máis, precisamos un goberno que supere a situación de impasse na que nos atopamos. Porque non podemos esquecer que seguimos tendo un goberno en funcións que apoia acordos ilegais que van en contra dos dereitos humanos e da opinión do parlamento español; non resposta ás preguntas dos representantes da cidadanía e descoida os problemas da xente, dese 99% que sigue padecendo as políticas dun goberno que o fai de costas á cidadanía.
Cen días nos que o poder das enquisas foi en aumento. Un poder que de seguro medrará no mes que temos por diante antes de que expire o paso para a formación de goberno. Experiencias como a catalá e o pacto in extremis de Junts pel si e a CUP deron boa mostra de que na mesa das negociacións as enquisas tiñan un peso enorme e que sondaxes electorais adversas son argumentos moi potentes para desbloquear acordos que semellan impracticables.
Cen días nos que por moito que o repitan, un goberno con actores novos, véxase Ciudadanos, e un goberno de cambio, non son sinónimos. E máis aínda, un goberno con actores novos e un goberno para a maioría, son cousas diferentes. Neste senso, o acordo entre o PSOE e a formación laranxa que non anula a reforma laboral, que non implica unha subida seria do salario mínimo, que non derroga o artigo 135, nin aborda unha verdadeira reforma fiscal que garanta o financiamento suficiente do gasto social, por máis que se repita, non é un pacto que poda reverter a situación inxusta de desigualdade crecente na que vivimos.
Cen días nos que se buscan e sinalan culpables de non chegar a un pacto, opinións hai para todos, pero cen días nos que, en definitiva, os números non varían, e nos que 161 seguen sumando máis que 130.