A contundencia da vitoria acadada por Pedro Sánchez nas primarias socialistas superou os prognósticos mais favorábeis ao ex-secretario xeral. Sorprende, certamente, o resultado obtido por alguén que contaba coa oposición explícita da grande maioría dos cargos orgánicos, de moitos referentes históricos do PSOE (Felipe González, Alfonso Guerra, Zapatero, Rubalcaba...) e dos principais grupos mediáticos que operan no Estado español. A nómina de perdedores da votación do día 21 sobarda, pois, os nomes de Susana Díaz, Patxi López, Abel Caballero, García Page, Ximo Puig, Fernández Vara e demais “ilustres” compañeiros de viaxe da presidenta andaluza.
A dureza descualificadora utilizada contra Pedro Sánchez non sintonizou coas opinións e o estado emocional existentes en amplos sectores da afiliación socialista. Mais aínda: a soberbia argumental exhibida por quen non era capaces de xustificar a abstención na investidura de Mariano Rajoy actuou como un boomerang demoledor sobre as previsións construídas a partir da recolleita dos avais.
O resultado destas primarias certifica algunhas certidumes e suscita varias incógnitas para os vindeiros meses. Unha das circunstancias indiscutíbeis é a forte división que padece, neste momento, o Partido Socialista. A pesar de que durante esta campaña interna non houbo un debate serio e sistemático sobre a evolución electoral e política da socialdemocracia europea nin tampouco se realizou unha análise crítica a respecto do xiro radical asumido polo goberno Zapatero no ano 2010 seguindo as indicacións de Bruxelas e Berlín, si é verdade que se manifestaron dous relatos diferentes sobre o sucedido a partir dos comicios xerais de 2015. As visións diverxentes sobre o que cada quen dixo e fixo foron complementadas por unha ruptura case xeralizada das afinidades persoais preexistentes. Como ten sucedido noutras organizacións, a carencia dunha empatía mínima entre dirixentes multiplica o efecto destrutivo dos disensos programáticos constatados (aínda que sexan de menor dimensión da que, teoricamente, podían revestir).
Mirando para o futuro, cabe imaxinar unha escisión protagonizada polos sectores que apoiaron a Susana Díaz? Aínda que agora se rexistran un conxunto de condicións que nunca se deran dende a legalización do PSOE no posfranquismo, non é verosímil que Felipe González e os demais promotores dese eventual cisma asuman o custe de abandonar unha siglas que non están tan arruinadas coma outras da contorna europea.
E cal será a reacción do electorado socialista -do que mantivo a fidelidade nas urnas e daquel que emigrou cara Unidos Podemos e as confluencias- ante o que se viviu nestes días? Aquí radica, sen dúbida, un dos factores fundamentais que condicionará o desenvolvemento da crise socialista. Hai motivos para pensar na eventualidade dun duplo movemento: fuxida de certos votantes cara Cidadáns e recuperación dalgúns dos que están apoiando ás organizacións que conforman o terceiro grupo parlamentar do Congreso.
En todo caso, o retorno de Pedro Sánchez á Secretaría Xeral vai provocar a redefinición das relacións e/ou alianzas entre as forzas de esquerda que comparten os escanos da oposición a Mariano Rajoy. Se gañara Susana Díaz todo resultaría mais previsíbel.