Chámome Ramón e son un repepé

Chámome Ramón e son un repepé. Coma quen di, un ninguén. Ollo, dixen repepé, que non repipi nin requeté, que ben sei que existen esas cousas mais non teñen nada que ver comigo. Tampouco son pepé stricto sensu, que veñen sendo aqueles que votan PP co gallo de defender o Patrimonio Propio. Non, amigos, eu vou mais aló. Chimpando tódalas leis do entendemento e a lóxica humana, e sen que ninguén entenda o por que, eu tamén voto PP. Levo toda a miña vida de asalariado cunha nómina de merda, e dende hai medio ano, coa merda do paro. Pero voto PP. Ou sexa, que son PPPP, Patrimonio Propio Pero Pobre. E non estou só, sei que hai moitos coma min. O que pasa é que non somos de agruparnos para nada. Nós ó noso, que xa nos chega. Por iso pasamos moi desapercibidos, e para o resto da xente é coma se non existiramos.

Levo toda a miña vida de asalariado cunha nómina de merda, e dende hai medio ano, coa merda do paro. Pero voto PP. Ou sexa, que son PPPP, Patrimonio Propio Pero Pobre

Sempre hai alguén que quere saber o que penso da situación política de aquí ou acolá, pero eu sempre lles respondo o mesmo: que non entendo de política, que sei do meu e, se ti queres, algo do tiquitaca do Barça e do contragolpe mortal do Madrí. Cadaquén sabe do seu e de política saberán os políticos, digo eu. Claro que, agora que o penso, tampouco lle dei nunca unha patada a un balón e porén distingo perfectamente un 3-4-3 dun 4-5-1. Pero non me leedes, que non vexo contradición ningunha entre non entender de política e votar PP. Tamén non sei nada de relixión e mais son cristián. É algo natural que nos ven dado, coma mexar de pé ou comer sentado. Tamén me preguntan ás veces que penso dos casos de corrupción e eu dígolles que os políticos son todos iguais. Sáeme así, non preciso pensalo moito. Porén, doume conta de que se o corrupto é do PSOE, do BNG ou de maría santísima, engádolle un “Era visto..”, e non me preguntedes o por que. Non sei, será que hai desigualdades dentro da igualdade. Pero, repito, non me leedes.

Teño moi claro que se lle fago as beiras ós que teñen o poder e mailos cartos, algunha faragulla rematará por caer no meu peto

Polo que levo contado igual pensades que non teño nada claro, mais non vos é así a cousa. Teño moi claro que se lle fago as beiras ós que teñen o poder e mailos cartos, algunha faragulla rematará por caer no meu peto. Xa sei que ata o de agora non vin un pataco pero é cousa de perseverar e teimar, que algún día chegará. E non por iso me considero un lambecús senón unha persoa realista e pragmática. O mundo é o que é, e tal como é así o vexo eu. Non coma outros, que mais que vivir soñan cun mundo que non é nin pode ser. E tampouco me considero un desgraciado, por aquilo de aceptar a desgraza como dada e inamovible. Teño moi claro que así como a riqueza se pode pegar tamén o pode facer a pobreza; polo que, canto mais preto da riqueza, mellor; e canto mais lonxe da pobreza, moito mellor. Comprenderedes, pois, que arrime o mais que poida á xente de cartos e posición, e que fuxa coma do demo de tódolos que son mais pobres ca min. Daqueles sempre podo agardar unhas moedas na porta grande da igrexa; destes, unhas navalladas en calquera recanto escuro para quitarme as mesmas moedas. Agora entendedes, ou? Home, por deus, se é lei de vida!

Hai xente que semella lista e espabilada, mais non o é. Coma o meu paisano Sucasas, por poñer un exemplo. O outro día explicoume o por que e mailo por que non de moitas cousas. A crise, a débeda pública, os bancos, … Ata me contou non sei que da prima de Risco, pero aí perdinlle o fío xa que non son eu de meterme na vida privada de familias que non coñezo. Debulloume as razóns polas que, neste intre e só con ela, a política de recortes no gasto que practica o PP é coma pretender curar un enfermo matándoo á fame. Incluso chegou a demostrarme que se todos nos poñemos a cancelar as nosas débedas ó mesmo tempo podemos acabar debendo cada vez mais. Xúrovos que lle entendín todo, de pe a pa. E teño que dicir, e díxenllo a el, que leva razón.

"Ai non. Douche a razón, pero o voto non … son cousas distintas, meu, ou non o ves?"

-Queres dicir logo que desta nos vas votar –díxome o Sucasas, cun contento nos ollos que os facía brillar.
-Ai non. Douche a razón, pero o voto non … son cousas distintas, meu, ou non o ves? –contesteille.

O que vos dicía, listo de todo non é.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.