Chapeus de pedra pómez

“Talvez porque eu pense demais ou sonhe demais, o certo é que não distingo entre a realidade que existe e o sonho, que é a realidade que não existe”. (O livro do desassossego, Fernando Pessoa).

Ao mellor, necesitamos atopar o chapeu axeitado, un chapeu de pedra pómez que nos limpe e púe as ideas, que nos torne o sol de maio disposto a derreternos os miolos

Tiña toda a razón Xavier Vence cando, no fervor da campaña, lle recordaba ao flamante alcalde de Santiago, Martiño Noriega, que a cabeza debería valer para máis cosas ca para levar o chapeu. O que acontece é que todos, sen excepción, deberían aplicarse –ou deberiamos aplicarnos- o conto, e nomeadamente os que lles toca liderar unha organización nacionalista ou galeguista. E por suposto, tamén deberían facer o mesmo aqueloutros que, pola súa significación no País, pola súa condición de referentes sociais, ou por ter sentido de pertenza, dispoñen de vagar para a autocrítica, previa e necesaria para atopar a maneira de facernos respectar como galegos nos novos tempos que se aveciñan.

Ao mellor, necesitamos atopar o chapeu axeitado, un chapeu de pedra pómez que nos limpe e púe as ideas, que nos torne o sol de maio disposto a derreternos os miolos, ata que perdamos a ansia de pensar con sentidiño. Ao mellor, o maldito chapeu de pedra porosa pode ser un excelente antídoto para evitar que se nos quenten os cascos e mesmo desprazar a calor cara o corazón. Ao mellor, necesitamos leucocitos novos e limpos, para tratar de que nos chegue aos ventrículos sangue fresco e osixenado para defender o País de axentes patóxenos, de dentro e de fóra, dispostos a fumigarnos a pouca existencia que nos queda.

Agora que o divorcio xa tivo tempo de amolecer, xa vai sendo hora de que os nacionalistas –ou galeguistas- deixemos de mirar cara o embigo e nos poñamos a cavilar, coa cabeza fría e co corazón quente, no mellor xeito de conformar o futuro dos nosos fillos antes de que o País desapareza irremediablemente. En fin, levármonos ben e pensar que, para traballar polo que nos une, non é preciso que durmamos xuntos, nin é imprescindible que uns venzan e capitulen outros. Só temos que chegar ao acordo de non repartir a miseria que posuímos, só temos que saber cal é a parte que debe conformar a bolsa dos gananciais.

Xa vai sendo hora de que os nacionalistas –ou galeguistas- deixemos de mirar cara o embigo e nos poñamos a cavilar, coa cabeza fría e co corazón quente, no mellor xeito de conformar o futuro dos nosos fillos antes de que o País desapareza irremediablemente

Se nos puxeramos máns á obra e nos atreveramos a impulsar unha pequena empresa cos pés na Terra, cun accionariado galego cen por cento; se foramos capaces de pór no mercado o avituallamento necesario para chegar ás Cortes do Estado nas vindeiras eleccións, cunha mensaxe nítida de defender a existencia de Galicia, estariamos listos para evidenciar o noso sentido de pertenza. E senón, apaga e vámonos!

Ah! O teimudo do meu tío Lisardo pensa que a cousa aínda pode ter remedio. Se deixamos de comportarnos coma auténticos pánfilos, agardando que nos salven os alpabardas incapaces de atopar o mínimo común denominador que nos permita amancebarnos, sen máis trámites, talvez cheguemos onde temos que chegar. Malia será que non o consigamos!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.