Chapuzas Feijóo

O pasado día 30 de decembro o consello de goberno da Generalitat aprobaba o decreto mediante o cal os funcionarios cataláns percibirán o seu salario anual íntegro no ano 2015. O decreto deixa sen efecto tanto a supresión dunha das pagas extras vixente nos anos anteriores, como a redución de xornada, e polo tanto de salario, imposta ao persoal interino. O mesmo día o BOE publicaba a Lei de Orzamentos da Administración Xeral do Estado, na que se faculta ás administracións públicas a abonar aos seus traballadores, como máximo, unha cantidade equivalente a 44 dos días deixados de percibir na paga extra suprimida polo Real Decreto-Lei 20/2012. O día 2 de xaneiro o mesmo BOE publicaba a resolución conxunta das secretarías de Estado de Orzamentos e Gastos, dirixida pola antiga conselleira de Facenda da Xunta de Galicia, e a de Administración Pública, para facer efectivo o pago desa parte da paga extra.

Fagamos un pouco de historia. No ano 2010 o goberno de Zapatero minorou con carácter xeral, o salario dos empregados públicos nunha media do 5%. No ano 2012 o goberno de Rajoy suprimiu unha das pagas extras dos empregados públicos, o que representa unha minoración do 7% do seu salario. Dende o ano 2010 e ata hoxe os salarios dos empregados públicos están conxelados. A suba dos prezos ao consumo en Galicia, dende esa data ata hoxe, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística,, supera o 10%. En Galicia, no país das mil marabillas de Feijóo, os empregados públicos suman a estes recortes unha rebaixa salarial de aproximadamente un 5% ou 6%, dependendo do importe das súas nóminas;  reducións salariais  fixadas polos orzamentos autonómicos dende o 2013 e que se manteñen no 2015. En resumo, unha persoa que traballe para a Xunta de Galicia,  para unha universidade pública galega ou para calquera organismo público autonómico ten unha capacidade adquisitiva un 20% menor que a que tiña no ano 2010. Pero Galicia, como sabemos  polo moito que nolo repiten os voceiros do Partido Popular, vai ben.

A devolución ós empregados públicos dos 44 días devengados da paga extra suprimida no 2012, aproximadamente un 24% do total non abonado (que nun salario neto mensual de 1.500 euros serian uns 360 euros)  non é froito dunha decisión gobernamental libre. A estas alturas o goberno do Estado sabe, logo de centos de sentenzas xudiciais, que a norma do  2012 era unha auténtica chapuza lexislativa e que a aplicación retroactiva da supresión da paga extra non ten amparo no noso ordenamento xurídico. Durante estes últimos anos as administracións públicas tiveron que facer fronte a innumerables demandas xudiciais. E os xuíces e os tribunais superiores teñen sentenciando invariablemente que a norma non pode ser aplicada con carácter retroactivo, tal e como consagra a tan manida Constitución. Nunca saberemos o custe, que presupoñemos inmenso, que esta chapuza xurídica ten ocasionado ás administracións. Custe económico en forma de horas de traballo de letrados e directivos ou minutas de bufetes externos, horas de reunións inútiles con sindicatos e tensións innecesarias nas relacións laborais. Nada diso ten contribuído nin un ápice á mellora do funcionamento dos servizos públicos, tampouco á mellora da economía do país.

Non coñeceremos nunca os datos porque porían en evidencia o enorme tamaño da incapacidade para  a xestión eficiente dos actuais gobernantes. E tampouco coñeceremos nunca o custe que significa para o servizo público desmotivar aos empregados que o sustentan. Probablemente isto non sexa  visto polo Partido Popular como un custe senón como un verdadeiro obxectivo. A meta é facer que os servizos públicos funcionen mal por falta de persoal e  por falta de medios, como escusa para que a sua privatización sexa apoiada pola propia cidadanía. Pero non esquezamos que os que se beneficiarán destas políticas privatizadoras non serán os cidadáns. Por exemplo no Reino Unido, o que foi o grande obradoiro europeo do neoconsevadurismo, aínda hoxe é doado decatarse da situación de penuria social logo de décadas de gobernos conservadores tacherianos.

En Galicia as cousas aínda se fan peor. Feijóo ten que ser sempre o campión no desmantelamento dos servizos públicos e na privatización que é para o que ten demostrado estar máis capacitado. El e o seu equipo de goberno.

Aínda que o abono dos 44 días ten a súa explicación en que o Tribunal Constitucional acabará por ditar unha sentenza definitiva que avale as sentenzas xa ditadas, o goberno Feijóo mantense na persistencia do erro. No caso galego a lei de orzamentos publicada no DOG non dispón o pagamento dos 44 días que os tribunais están recoñecendo, tal e como a inmensa maioría das comunidades autónomas están facendo. De forma inexplicable o pagamento será de aproximadamente 22 días!!!. Podemos pensar que algo sempre é mellor que nada, pero a cuestión é que esta nova chapuza non impedirá que as administracións teñan que seguir enfrontándose a demandas xudiciais sen ningunha posibilidade de éxito e cos conseguintes custes en horas de traballo de avogados,  de costas xudiciais e pago de intereses… Onde está o aforro para as administracións públicas? O pago aprobado polo goberno Feijoo consagra ademais un tratamento inxusto aos empregados públicos galegos. Pero Galicia vai ben.

A recuperación do nivel retributivo do 2012, a Xunta de Galicia vencéllao á aprobación da Lei de Emprego Público, que será debatida no parlamento nos próximos meses. Cando se aprobe, os empregados galegos percibirán a diferenza cos  empregados públicos do Estado. Posteriormente ao longo de tres anos  irán recuperando a paga extra ao ritmo dun terzo por ano. Cal é a explicación deste tratamento? Moito nos tememos que o único é ter algún “caramelo” miserable co que facer máis tragable o proxecto de lei. A devolución da paga extra é a cenoria.
Isto dos recortes dos salarios é un doloroso exemplo da incapacidade dun goberno para a xestión da “cousa pública”. Un goberno que mais que gobernar o que fai é aparentar que goberna. Un goberno sen ética e sen dignidade. Un goberno cuxa única meta parece ser a de deixar de existir, desvanecerse no ar ante a falta de sustancia da súa acción. Tal vez a próxima novidade coa que nos sorprenda Feijóo, antes de desaparecer definitivamente polas rúas do barrio de Salamanca, sexa adxudicar o goberno de Galicia a algunha consultora internacional.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.