Chegou o 9N

Parece que non dá chegado o domingo. Lembro aquela primeira consulta pola independencia de Catalunya en Arenys de Munt no ano 2009, daquela acadar este 9N parecía un soño. E hai dous días fixen 1200 km dende Compostela a Barcelona, para poder ir votar este domingo.

Onte estiven cuns amigos en Canet, outra vila tamén do Maresme, perto do lugar onde se iniciou todo o proceso. Os balcóns estaban cheos de estelades e vivíase un ambiente festivo. Fomos tomar un café e cada quen explicou como e onde ía votar. Eu díxenlles que tiña previsto ir coa miña nai e a miña filla, unha foto que de certo quedará para a posteridade.

Na conversa xurdiu que estes días andan a circular polas redes sociais todo tipo de imaxes onde son protagonistas o exército español ou a chamada policia nacional. Eu, coas miñas amizades,  chegamos á conclusión que a pesares do discurso do medo por parte do goberno Español, isto xa non hai quen o pare.

A forza da xente que saíu á rúa é o motor deste proceso. E esa forza non pode ser inútil. Dixemos alto e claro aos políticos o que había que facer, é dicir, un referendo para decidirmos o futuro do noso país. Talvez un pouco decepcionados porque o goberno de Artur Mas se botse atrás en relación á primeira consulta, pero a xente vai ir votar. Vaise demostrar, unha vez máis, que o mellor que ten Catalunya é a súa xente. Por iso os castellers é unha das imaxes máis emblemáticas do que é o pobo catalán, a enxaneta que coroa o castell non podería chegar alí enriba sen os que están abaixo fent pinya, sostendo o castelo.

Hai moitos interrogantes sobre como tería que artellarse ese futuro estado catalán que partiría dende cero, e non só dende o punto de vista económico, tamén social. Mais está claro que nós imos precisar un estado que defenda os nosos dereitos, e que non estea a mallar enriba das nosas cabezas cada día. Primeiro coa sentenza contra o Estatut, despois con aquelo de que “hai que españolizar os nenos cataláns”.

A defensa dunha identidade sempre é unha loita case que a morte por conseguir algo moi léxitimo como é o recoñecemento por parte do outro. O día que no Congreso dos Deputados se poida falar éuscaro, galego e catalán, eu sentireime respectada.

Mais polo de agora, seguiremos loitando.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.