Chegou o Plenario, mandou parar

Vai media lexislatura tanto galega como española e a nova organización política En Marea (EM) pasou o período infantoxuvenil. Vestida coas roupas usadas da Alianza Galega de Esquerdas (AGE), do 15M, coa semente de Nunca Máis, co impulso da toma das alcaldías de varias cidades e vilas e cun posible grupo parlamentario galego no Congreso o 30 de xullo de 2016 creouse en Vigo En Marea, un partido instrumental e de adscrición individual, un acordo da esquerda nacional galega, nacionalista e non nacionalista para ofrecer unha alternativa crible e factible fronte ao Partido Popular. Non o esquezamos, este é o obxectivo: crear e consolidar unha alternativa de cambio e de esperanza para a sociedade galega, con Galiza como marco territorial, con novas formas e procedementos tanto organizativos como de participación e coa liberdade e igualdade como bandeiras.

En Marea naceu como segunda forza política galega, con grandes expectativas e coa posibilidade paralela de grandes decepcións. Certo é que hai argumentos para esta última, madia leva. Tivemos que agardar dous anos para oír falar da axenda galega en Madrid por parte do non nato grupo galego (aínda con honrosas excepcións), pero benvida sexa esta aprendizaxe e toma de conciencia nas Cortes. Tamén nestes dous anos deuse pé a que os medios do PP puidesen falar de divisións e loitas polo poder interno. Estes xornais non precisaron inventar fake news, xa que as organizacións políticas iniciais (Podemos ou Esquerda Unida) insistiron, acotío, en facerse visibles por separado de EM, as siglas polas que se presentaron e saíron elixidas para o parlamento galego, e Anova, para a miña sorpresa, semellaba máis ocupada en tumbar a actual coordinadora e o seu liderado que no traballo de cementar esta nova alternativa política.

Pero, atención, EM vai cumprindo coa cidadanía. Se sabemos separar estas páxinas da imaxe de división podemos ver unha presenza parlamentaria valiosa en todos as comarcas e problemas da poboación galega, desde os lumes e a defensa do noso territorio, ata frear as ambicións empresariais de liquidar a actividade industrial en Cee ou a defensa da nosa cultura, a defensa das liberdades, a denuncia do saqueo e privatización da nosa sanidade e ensino públicos ou a busca dunha política social que permita atender como o merecen aos nosos maiores e ás persoas discapacitadas. E máis e máis e máis. Recientemente gozamos de iniciativas alentadoras como a de Luis Villares de propoñer aos outros grupos crear unha comisión de investigación sobre a privatización da sanidade desde a chegada de Feijoo, e de feitos tan graves como a morte de pacientes con hepatite C ou na sala de espera do PAC da Estrada. Se de verdade cremos que a prioridade é derrotar ao Partido Popular, ese é o camiño, liderar a construción dunha alternativa a tres, co PSOE e BNG.

Xunto á actividade política e parlamentaria En Marea tamén foi medrando como organización. Ninguén pode negar o traballo inmenso e altruísta tanto do voceiro Luis Villares como das voceiras Ana Seijas e Victoria Esteban así como do resto da coordinadora. Con só dous anos de percorrido, partindo de cero, neste momento EM preséntase como unha estrutura diferente aos partidos tradicionais. Tal é así que non pode ser avaliada segundo os parámetros habituais. Non hai unha estrutura xerárquica, as persoas inscritas teñen que residir en Galiza e comparten por acordo libre e voluntario un código ético e uns principios básicos, con total transparencia. Os acordos dos plenarios son públicos, as actas das mareas sectoriais pódense ver na web, calquera persoa pode participar nunha marea sectorial, incluso sen estar inscrita en EM. As mareas locais son independentes e participan do espazo de EM por vontade propia. Cada seis meses hai un plenario onde cada inscrita pode emendar as teses e facer propostas. Quen da máis?

O espectáculo xornalístico de Podemos con acusacións particulares ‘de que se levas media vida en Madrid e usas Galiza como trampolín’ ou ‘ti que falas que nunca pisaches un círculo e estás máis en Italia que na Coruña’ e ... non forma parte do que estou describindo. Gómez Reino e Bescansa non ofrecen un proxecto político, descualifícanse mutuamente pero si parecen estar de acordo en que queren liderar ‘En Marea’, a pesar de que el non rende contas á mesma e da falta de implicación dela.

No Plenario do 27 de outubro as inscritas de EM, sendo respectuosas con Podemos, que forma parte deste espazo político, non imos falar das súas eleccións ou candidaturas, imos analizar a situación política actual, nun mundo cambiante e con ameazas como as políticas neoliberais, empobrecedoras, insolidarias e racistas que representan individuos como Trump ou o novo xuíz do Supremo estadounidense ou Le Pen ou Salvini en Europa. Falaremos do movemento cívico catalán que non renuncia á autodeterminación e da creba democrática que supuxeron as agresións do un de outubro en Cataluña, das posibilidades de ruptura dunha España cautiva das políticas do PP e Ciudadanos e da nova estratexia política a seguir despois do apoio á moción de censura do PSOE.

No Plenario do 27 de outubro tamén decidiremos a estratexia para as eleccións europeas e como elixir o próximo consello das mareas, un consello que ha de ser o inicio, por fin, da madurez da organización e da cooperación e o traballo en común.

Por moito espectáculo que nos vendan nos xornais, chegou o Plenario, mandou parar. A opinión e voto das persoas inscritas e que participen no Plenario do 27O será a que decida o rumbo e a política de En Marea, ninguén máis.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.