"A política está suxeita a voar como as perdices e estase precisando política de longo alento"
Pepe Mujica
Artigo redactado por Ana Miranda e Xosé M. Marcote
Foi un día no Twitter que empezamos a falar da participación democrática. Porque ademáis de facer política nas rúas e nas institucións, fálase de política na rede, dando lugar a diálogos ben interesantes. Nun momento de maremoto no que hai unha mudanza de paradigma en todos os eidos e unha recomposición ou posicionamento dun novo ciclo político, unido á desafección coa política en xeral, pareceunos acaido como militantes dunha organización política relanzar o eterno debate da participación política.
O BNG, como fronte e instrumento político nacionalista de esquerdas da sociedade galega está nunha encrucillada que debe, debemos, resolver con intelixencia, sen acritudes, cun horizonte futuro e garantindo a pluralidade interna.
A algún de nós, como membros dunha dirección política tamén nos chamaron os medios. Decidimos non opinar públicamente, respeitando a quen o faga -salvo as opinións despectivas con outras e outros, vaites vaites!-
Mais o facemos conxuntamente neste artigo despois de apresentar hoxe unha enmenda aos Estatutos do BNG, co fin de propor a elección dos futuros órganos de dirección internos a través de primarias en listaxes abertas, apostando polo camiño iniciado en Iniciativa pola Unión.
Na espera do que aconteza pola sabia decisión da militancia do BNG, que é a que ordea, cremos estar diante dunha oportunidade, máis que dun problema, como queren facer ver algúns medios de comunicación moitas veces fuxidos cando se trata da contenda electoral ou do arduo traballo
Na espera do que aconteza pola sabia decisión da militancia do BNG, que é a que ordea, cremos estar diante dunha oportunidade, máis que dun problema, como queren facer ver algúns medios de comunicación moitas veces fuxidos cando se trata da contenda electoral ou do arduo traballo. Fican ávidos de saber con inmediatez e en ocasións con ánimo de linchamento preconcebido cando perciben a mínima diferenza.
Mais insistimos en que debater é o habitual. Porque o disenso é intrínseco a calquera colectivo vivo e plural, tamén ás organizacións políticas. Esta oportunidade consiste na refundación do BNG e adecuación ao momento histórico e ás demandas da sociedade galega. Oportunidade sabendo das virtudes dunha militancia traballadora, implicadísima, á que respeitamos por riba de todo, con conciencia e entrega; unha radiografía do País baseada no traballo a pé de rúa, de conflictos, de propostas, de palpar a realidade territorial. Por suposto, tamén grandes eivas, polo que estamos no proceso de autocrítica seria e participativa. A modestia máis que nunca como virtude é o óptimo.
Sair á sociedade cun proxecto fresco, transparente, nun espazo de participación real da xente no que non se considere, como existe esa caricatura exterior, que as decisións son tomadas dende dentro por cúpulas concretas de organizacións internas
Sair á sociedade cun proxecto fresco, transparente, nun espazo de participación real da xente no que non se considere, como existe esa caricatura exterior, que as decisións son tomadas dende dentro por cúpulas concretas de organizacións internas, dacordo coa existencia de colectivos existentes históricamente dentro do BNG.
O que propomos a través desta enmenda estatutaria é que ademáis do debate organizativo que vai darse si ou si para a reconfiguración futura, falemos franca e abertamente de primarias abertas para a elección dos órganos de representación da nosa organización política. Que se opte por un sistema que garanta a pluralidade no sentido estricto para optar, para ter dereito a optar, na escolla sen condicionamentos previos de ningún tipo.
Plantexamos esta opción democrática porque é fundamental un proceso que profundice na participación. Eis a opción máis democrática e un dos polos fortes de afouteza interna e externa.
Temos recibido moitos comentarios e críticas pola nosa afirmación contínua de que no BNG manda a xente. Desterremos eses mitos, ás veces falsos, ás veces certos, de quen manda ou deixa de mandar e permitamos que flúa a xente e o ar.
O que propomos a través desta enmenda estatutaria é que ademáis do debate organizativo que vai darse si ou si para a reconfiguración futura, falemos franca e abertamente de primarias abertas para a elección dos órganos de representación da nosa organización política
Trátase, en definitiva, de contribuir ao debate de xeito constructivo e respetuoso cunha nova fórmula de elección da Executiva e do Consello Nacional, por voto directo en listaxes abertas.
Imaxinemos un escenario dunha soa listaxe de consenso, con diversas visións no proceso que estamos a viver de redefinición. Entendéndose de consenso, presuponse a lexitimidade política de garantir a pluralidade. No caso de que existir disenso e haber dúas ou varias listaxes, a pluralidade non vai estar garantida con regras aritméticas ou porcentaxes, máis cando unha boa parte da militancia é independente, moito menos neste momento no que se agarda de nós paso firme, futuro, ilusión, consciencia e responsabilidade.
No fondo estamos plantexando un avance dos estándares democráticos como unha contribución aos mecanismos de toma de decisións políticas. Temos a certeza que vai ser ben vista, pois no fondo, como organización asemblear que somos, este sistema será asemblear puro. Por suposto, esta escolla é algo máis que un símbolo ou ensaio cara o exterior, é a mellora da decisión política de cada muller e home militante, ou non militante si decidimos dar pasos noutro sentido.
Polo momento, plantexámolo neste nivel interno con respeito e como un desafio do dereito á autodeterminación de cada persoa militante a presentarse e a escoller a quen lle pareza mellor opción, sen condicionantes. Para decidir xuntos o futuro político e o proxecto ansiado para Galiza que é en definitiva a nosa maior preocupación e horizonte inmediato.