Chistes de cataláns

Desconfío do meu propio xuízo, pois sempre pensei que a xente de letras sabía moitas cousas de asuntos literarios e culturais que me atraían, pero hai moito tempo que aprendín a desconfiar do seu xuízo sobre os avatares da vida persoal e social. Con excepcións que alegran e iluminan, nin caso, xa que adoitan repetir lugares comúns aínda que con enxeño ou sentenciosidade. Con todo, ás veces esa xente ten algún trazo de fantasía que pasa do extremo do lugar común ao da xenialidade.

Un compañeiro de traballo co que conversei antes sobre poesía e filosofía sóltame “o de Cataluña é un plan xenial de Rajoy”

Un compañeiro de traballo co que conversei antes sobre poesía e filosofía sóltame “o de Cataluña é un plan xenial de Rajoy”. Déixame desconcertado, como hai pouco que nos tratamos busco na súa cara se me fala de broma ou en serio, e non consigo discernir. Asevera: “estou convencido de que é un plan”, e xa a miña mente empeza a preguntarse por que clase de plan será ese. Sorrí e afirma con rotundidade: “estou seguro de que Rajoy e Mas o pactaron”. Un novo golpe ao meu entendemento, tento imaxinalos poñéndose de acordo nun lugar secreto e dando a man. Creo que acerto a soltar unha serie de frases inconexas, “pero que dis. Que non, home”, e polo estilo. Repóñome momentaneamente e pregúntolle se realmente el cre que os cataláns son máis parvos e persoas menos informadas ca nós. El cóntame que están adoutrinados a través de TV3, iso oíullo a un xornalista catalán nun programa de televisión. Nese momento debo replicarlle que hai xente para todo pero xa me ten superado, estou á súa mercé. Déixame K.O. co golpe definitivo, sorrí con ollos pícaros e sóltame “para partir o PSC. Non ves como o deixa? Rajoy é intelixentísimo, é un plan xenial”.

Repúxenme novamente e rebatín a súa opinión, conteille que hai anos que observo con curiosidade, difícil de explicar, os cataláns e que teño amigos e relacións en Catalunya que me permiten dicir que iso é un disparate e que é un asunto moito máis serio.

O que ocorre en Catalunya é algo tan importante, tan vivo e sorprendente que non deixa de sorprenderme como o viven os poderes españois: negando esa realidade e ocultándolla á cidadanía

Non sei dicir se aquela foi unha conversa seria ou humorística, non estou completamente seguro pero inclínome a crer que el falou en serio. O meu compañeiro agora transformouse para min nun desafío intelectual, parecía un home moi formal, pero ten unha mente de imaxinación alegre e sen límites. Podería ter argüído que, visto desde ese punto de vista tan mesquiño e partidario, o problema de Mas non é o PSC senón ERC, pero non valía a pena, a mesma idea de Mas e Rajoy tramando en segredo a destrución do PSC era tan inverosímil que só puiden sorrir con risa amarga. O que ocorre en Catalunya é algo tan importante, tan vivo e sorprendente que non deixa de sorprenderme como o viven os poderes españois: negando esa realidade e ocultándolla á cidadanía. Non sei o que se oirá en Catalunya pero fóra de alí óense todo tipo de disparates, non se trata de que sexan opinións distintas ou contrarias, senón disparatadas.

O poder autoritario necesita cidadanía desinformada para levar adiante as súas políticas. En relación co que ocorre en Catalunya o groso da cidadanía española está completamente desinformada. Persoas que se din de dereitas ou de esquerdas repiten con maior ou menor contundencia ou enfado os mesmos comentarios das televisións e emisoras da ultradereita. A hexemonía desas ideas é o que lle permitirá ao sistema político español que a sociedade acepte como natural unha medida política antidemocrática: prohibir a celebración dunha consulta. As preguntas que queren ser sometidas a votación parecerannos peores ou mellores pero son preguntas, non é unha proclamación de independencia. O mesmo resultado non ten por que ser xuridicamente vinculante, outra cousa é que politicamente si o sería.

Os dous partidos de ámbito estatal que son o tronco do sistema político xa estreitaron o seu abrazo e terán a maioría da xente detrás. Polo que leo, a prensa catalá está dividida acerca da independencia e mesmo acerca de que se celebre un referendo en contra da decisión do Goberno de Rajoy pero, quitados algúns medios na rede, a prensa española está completamente de acordo na súa liña editorial: apoian o Goberno e non queren que se celebre o referendo. Uns sosteñen unha verdadeira campaña de axitación españolista e outros fano con máis finura, con tribunas constantes sempre na mesma dirección e informacións nesgadas. Non ten sentido argumentar unha e outra vez que Catalunya non sería viable economicamente, que lle iría mal, que o Goberno non lles permitiría entrar no euro, que ninguén lles fai caso por aí fóra (ben, agás a BBC).

Poderíase dicir con tanta razón que lle interesa aos nacionalistas españois e, moi en concreto, ao Goberno. Pois Rajoy coa súa posición consegue que a preocupación nacionalista española deixe en segundo plano as súas políticas antisociais

Imaxinar eses escenarios sombríos obriga por decencia intelectual a imaxinar a viabilidade dunha España sen Catalunya, como lle iría, que estado era ese que vetaba a entrada na UE dun novo para prexudicalo? E é unha fraude culpar a 'burguesía catalá' se non se fala inmediatamente da burguesía madrileña ou española, que tamén defende os seus intereses particulares. E é unha dobrez dicir que o conflito lles interesa aos nacionalistas cataláns, pois se podería dicir con tanta razón que lle interesa aos nacionalistas españois e, moi en concreto, ao Goberno. Pois Rajoy coa súa posición consegue que a preocupación nacionalista española deixe en segundo plano as súas políticas antisociais.

De feito, se Rajoy fose un presidente responsable tería que empezar por pedirlle perdón aos cataláns por animar campañas xenófobas contra esas persoas. O de recorrer o estatut ante o Tribunal Constitucional foi un desastre político pero é coherente coa súa ideoloxía, pero animar boicots é algo imperdoable, como van crer os cataláns que é tamén o seu presidente.

En todo caso o meu compañeiro, amante da filosofía e a poesía, non accederá aos medios de comunicación cataláns e só se informará por eses outros medios españois. Uns medios que reducen o conflito aos intereses duns partidos para ocultar a verdade: que hai millóns de cidadáns alí que están a reclamar esa consulta. Cando se reduce esa demanda a un xogo de siglas fáltaselle ao respecto a todas esas persoas.

O de recorrer o estatut ante o Tribunal Constitucional foi un desastre político pero é coherente coa súa ideoloxía, pero animar boicots é algo imperdoable, como van crer os cataláns que é tamén o seu presidente

Estou convencido de que, sen quitarlle fondura política en absoluto, no fondo este preito ten moito de dignidade ferida por parte dos cataláns. Desde Catalunya buscouse renovar a integración catalá nun proxecto compartido cun novo estatut: o estatut aprobado polo parlamento catalán mantiña a integración da nación catalá en España. Pero, en nome de España, o Tribunal Constitucional negou a constitucionalidade do recoñecemento nacional que pretendían e agora o Goberno e os seus apoios dinlles que non poden consultarse a si mesmos. Que queda senón marchar? A propaganda acaba cegando os mesmos que a difunden, acaban créndoa, cren que os cataláns son uns nenos inmaturos que simplemente se emocionaron e que xa se lles pasará cando vexan que non poden facer nada.

Paréceme que non se lles vai pasar e que a maioría da sociedade catalá, e en consecuencia Catalunya como país, xa non forma parte de ningún proxecto compartido que se chame España

Non dubido que estean emocionados, estano; dun modo distinto aos que axitan a rojigualda. Pero paréceme que non se lles vai pasar e que a maioría da sociedade catalá, e en consecuencia Catalunya como país, xa non forma parte de ningún proxecto compartido que se chame España. A maioría dos cataláns xa cruzaron mentalmente unha raia, contemplan a España desde fóra e non se ven dentro. Creo que xa é unha realidade que máis da metade da poboación xa se imaxina como un estado aparte.

A nación española de Franco baseouse no sometemento absoluto das persoas, baseábase no sometemento, pero pola forza non existen proxectos compartidos. Unha España que teña sometidos os cataláns pola forza non é unha democracia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.