Cidadanía por pisos

A seguir, quero trazar en 10 puntos as principais consecuencias do plan do PP para favorecer que os cidadáns estranxeiros, fundamentalmente chinos e rusos, ao mercar un piso por un valor igual ou superior a 160.000 euros adquiran o pasaporte español. Hai consecuencias directas, e sobre todo indirectas, moi curiosas e que dan para máis de unha reflexión:

1. Sobre o concepto de “nacionalidade” o PP sempre dixo ter unha idea moi clara, e na práctica ademais moi estreita. Tanto, que se limita case á “españolización” da que falaba o ministro Wert, a imaxe franquista do matrimonio tradicional de mantilla e misa de domingo. Sen embargo, esta caste española tamén abriu as portas ao estranxeiro con capital, fose alemán (nos trinta) ou sueco (nos sesenta), e tamén agora chino ou ruso. Primeira mensaxe preocupante: a nacionalidade depende de cánto diñeiro se teña e de que se poña a disposición do que á elite nacionalista española lle interesa.

A “cidadanía” degrádase gravemente porque, no canto de entenderse como o conxunto de dereitos e responsabilidades construídas colectivamente a partir do consenso para a suxeición de cada persoa a un sistema de regras e leis iguais para todos/as, se reduce á capacidade da persoa para pagarse o acceso a eses dereitos

2. As identidades non se compran. Ningún chino ou ruso abandonará, por moito piso que merque ou pasaporte que teña, a súa identidade. A elite española recoñece este punto: poden ter pasaporte ou tarxeta “de identidade” de España e carecer na práctica dela e, por tanto tamén, do suposto compromiso con España. Feito curioso se temos en conta que non recoñecen esta circunstancia se, no canto de ter nacido en Moscova ou Pekin, naciches en Barcelona ou en Donostia ou en Santiago de Compostela.

3. A “cidadanía” degrádase gravemente porque, no canto de entenderse como o conxunto de dereitos e responsabilidades construídas colectivamente a partir do consenso para a suxeición de cada persoa a un sistema de regras e leis iguais para todos/as, se reduce á capacidade da persoa para pagarse o acceso a eses dereitos. As responsabilidades desdebúxanse case de todo. A necesidade do consenso desaparece sen deixar rastro. A solidariedade colectiva se substitúe pola capacidade individual de pago –erosionando o sentido comunitario do sistema de regras e de leis e, por extensión, a xustiza que o lexitima.

A burbulla económica aumenta se continúan as medidas que, ademais de liquidar o stock de vivendas sen vender, fomentan o modelo económico de crecemento sustentado no sector inmobiliario

4. A burbulla económica aumenta se continúan as medidas que, ademais de liquidar o stock de vivendas sen vender, fomentan o modelo económico de crecemento sustentado no sector inmobiliario. A estas alturas creo que todos/as temos claras as debilidades deste crecemento. Os traballos esixen baixa formación, o crecemento non se pode soster no tempo, e a oferta inelástica de solo urbanizable unicamente pode levarnos a unha espiral de prezos altos e vivendas inasequibles. Un camiño suicida. Unha ruta de pracer no curto prazo, pero de fondo sufrimento no medio e longo prazos.

5. As medidas deste calado introducen incerteza no marco da UE no tocante ás políticas de estranxeiría, circulación de persoas, e mesmo de condicións interna do mercado comunitario. Especialmente nas condicións de mercado, moitos grandes empresarios de Rusia ou China ou India ou calquera outro estado emerxente, poderían introducir as súas compañías e produtos no mercado interior deteriorando a competitividade, e mesmo promovendo un dumping social latente que acelerase o deterioro das condicións de traballo e as oportunidades de empregabilidade da cidadanía comunitaria.

As mafias terían tamén unha oportunidade. Hoxe lles resulta case imprescindible recorrer a testaferros e sociedades interpostas con titulares do propio estado para exercer este tipo de prácticas

6. As mafias terían tamén unha oportunidade. Hoxe lles resulta case imprescindible recorrer a testaferros e sociedades interpostas con titulares do propio estado para exercer este tipo de prácticas. Unha complicación organizativa que, quéirase ou non, facilita a detección de fraudes ou prácticas ilícitas. Sen embargo, permitir o asentamento destas redes directamente en España, facendo máis sinxelo o seu asentamento, complica as cousas en todos os demais termos. Unha preocupación crecente, por exemplo, na UDYCO –Unidade de Drogas Y Crimen Organizado dependente da Policía Nacional.

7. Non todos os “inmigrantes” serían iguais. Se a coherencia da mensaxe nacionalista ten unha consecuencia positiva é a de establecer claramente os límites entre quen pode formar parte ou non da comunidade nacional. As prácticas latas, como a que promove o PP, desprazan os marcos da certeza. A inmigración pasaría a ser non unha cuestión moral senón económica. Igualiño ca para as nulidades eclesiásticas: a única diferenza estaría en se podes permitirte pagar o custo do trámite ou non. Como dixo o representante do Foro Galego da Inmigración estes días: “a proposta vai dirixida para os [inmigrantes] ricos”.

Non todos os “inmigrantes” serían iguais. Se a coherencia da mensaxe nacionalista ten unha consecuencia positiva é a de establecer claramente os límites entre quen pode formar parte ou non da comunidade nacional

8. A comunidade nacional desdebúxase dende o momento en que, para quen a forman, os límites de outrora xa non teñen igual validez e valor. A nacionalidade deixa de ser exclusiva. Os criterios que marcan a pertenza xa non serven máis. Os novos factores achegan cambio e innovación, pois a comunidade nacional xa non sobrevive conservándose internamente, senón adaptándose a novos factores. Coa tensión xerada por este cambio de pé, claro, entre os máis favorables á conservación fronte aos favorables á innovación. España acelera o seu cambio sociopolítico interno cara a non se sabe onde.

9. O cambio abrupto da socioloxía de España ten tamén consecuencias políticas. Novos grupos de demanda implican tamén novas ofertas políticas. Quizais pronto veremos como estes grupos demandan unha maior sensibilidade das administracións públicas aos seus trazos diferenciais e identitarios. Será a dereita española capaz de soportar a presión deste novo discurso? E as esquerda? Impulsarán politicamente un grupo propio de liderados para defender os seus intereses e necesidades? Convén reflexionar tamén sobre o impacto nesta dimensión da representatividade e da súa capacidade para condicionar a partir de agora o contexto político –como acontece tamén noutras partes onde teñen presenza estes grupos.

A vivenda como inversión ou como dereito? A dereita aposta pola inversión. Aínda que a Constitución Española a recolle como un dereito, vinculado mesmo á dignidade das persoas

10. A vivenda como inversión ou como dereito? A dereita aposta pola inversión. Aínda que a Constitución Española a recolle como un dereito, vinculado mesmo á dignidade das persoas. Mentres sexa así, mentres non se elabore unha política para as persoas, movida ata o de agora dende o PP unicamente por intereses de curto prazo –mesmo con graves consecuencias a medio e longo prazos, saír da crise económica será máis unha cuestión de casualidade que de causalidade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.