Cidadáns-infantes (sobre La Roja e a identidade)

Non sei onde lin o outro día que A Guerra das Galaxias fora a primeira fita que nos convertera a todos en nenos e nenas perpétuos, anxiños infantilizados convencidos de que o  mundo divídese en bos e malos. E debe de ser así, porque, como sabemos, cada vez á xente cústalle máis madurar (hai adolescentes de trinta anos con psicoloxía adolescente e comportamentos adolescentes) e, sobre todo, hai un infantilismo social na análise das cousas, no xeito de contárnolas e no xeito de as recibir, que así o indica. Deste xeito, construimos unha sociedade de cidadáns-infantes sen criterio, doados de manipular, entregados ás ordes de quen emite a información e as visións imperantes da realidade.

Construimos unha sociedade de cidadáns-infantes sen criterio, doados de manipular, entregados ás ordes de quen emite a información e as visións imperantes da realidade

Todo isto vese con claridade cando nos achegamos, con afán crítico, á análise mediática do tratamento informativo de todo o que teña que ver co fútbol. Con diferenza, é o tema que máis importa no país, dado que é ao que se lle dedica máis espazo. Incluso o propio telexornal das televisións públicas, centran boa parte do seu tempo en falarnos xa non de deporte, senón do espectáculo do fútbol. E cóntase todo como se fose unha loita entre bos e malos. Ou, peor, como se fose unha cuestión transcendental na que se nos vai a vida. Reparade, por exemplo, na maneira en que se editan as imaxes previas aos partidos, nunha cámara hipersupermegalenta acompañada de músicas case de películas de romanos, vendéndolle directamente a quen está do outro lado, a idea de que do que pase nese campo, do resultado co que o partido remate, depende A Vida, así, en maiúsculas (e debe de ser certo tamén vendo as manifestacións de ledicia louca ou de tristura tristeira coa que a xente reacciona, sempre, ata as bágoas).

Escoitar os xornalistas deportivos expresarse, sobre todo usando ese plural que me rebenta por idiota do estilo de "gañamos", como se todos xogasemos ese partido, ou "somos campións"

O asunto é xa esaxerado a máis non poder no caso de La Roja. Escoitar os xornalistas deportivos expresarse, sobre todo usando ese plural que me rebenta por idiota do estilo de "gañamos", como se todos xogasemos ese partido, ou "somos campións", como se a copa nola deixaran levar para a casa uns días...iso é algo que linda perigosamente coa parvura máis estrema e é algo que nace do convencemento de que si, de que quen está escoitando é pequerechiño e que ten moi poucas luces (iso, por certo, fano eles pero tamén os de por aquí cando falan do Celta ou Dépor). Ao expresarse desa maneira, o que se consegue é facer partícipes a todos os nenos-infantes que están do outro lado da idea de que o seu concurso é importante para conseguir determinados logros. E que sen eles non se podería ter conseguido. É dicir, o cidadán-infante séntese importante (mira que pareado).

Mais esa implicación nos problemas colectivos non a sentimos cando se fala de botar unha man para sair da crise ou, por exemplo, para axudar á industria cultural galega, por dicir algo sen segundas intencións. Eses son asuntos adultos e, xa que logo, dependen dos políticos, dos banqueiros ou da nai que nos ha volver a botar.

Esa implicación nos problemas colectivos non a sentimos cando se fala de botar unha man para sair da crise ou, por exemplo, para axudar á industria cultural galega, por dicir algo sen segundas intencións

Esa infantilización absoluta da realidade e das persoas concrétase perfectamente cando se saca o asunto da identidade asociada a unhas cores ou ao que fagan os deportistas (só os que gañan, ollo: o automobilismo non lle interesaba a ninguén por aquí ata que chegou o "noso" Fernando Alonso). E a nada que se analice, tanto ten ser de La Roja ou da Irmandiña, do Celta ou do Dépor, de Nadal ou de Federer, ou de Heidi ou Marco. Que máis dá. Esa xente fai o seu traballo o mellor que pode e non o fai para nós. Nin ten por que facelo. E quizais por iso gusto moito, cando vou aos coles falar, dicir iso que non ten mérito ser de Vigo e ser do Celta pois, de ter nacido na Coruña, esas crianzas que me miran abraidas serían do Dépor.

Coma sempre, desta sociedade de cidadáns-infantes hai quen tira moito beneficio. Xa sabedes quen son: os que confunden a sociedade cunha gardería.
A ver se medramos de vez.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.