Ciencia, comenencia e táboas Excel

Todo achado científico presupón que o axente descubridor andaba na súa procura; ou cando menos, que andaba polos arredores. Newton sesteaba á sombra da maceira remoendo as súas pescudas, e cando lle bateu unha mazá na cabeza, exclamou: Recoiro! A lei da gravidade! A min tenme pasado o mesmo, e a só acertei a berrar: Ostia terrible! Por que reaccionamos de xeito tan diferente Isaac e mais eu? Pois porque a miña sesta era pasiva e os únicos pensamentos que remoía eran festeiros e de lecer. Xa de cativos, nada que ver un co outro: Namentres Isaac perdía o tempo inventando trebellos para que as nenas xogaran coas bonecas e os nenos cazaran paxaros e lagartos, eu mataba paxaros, comía lagartos e choutaba valados detrás das nenas.

Certo é, tamén, que non sempre descobres xustamente o que persegues. Ás veces, buscas “A” e rematas certificando o “non-A”; e outras, non das co “A” nin co “non-A”, senón que atopas “B” ou “C”

Certo é, tamén, que non sempre descobres xustamente o que persegues. Ás veces, buscas “A” e rematas certificando o “non-A”; e outras, non das co “A” nin co “non-A”, senón que atopas “B” ou “C”. Nestes casos adóitase falar da sorte, da casualidade ou do azar.  Pero non son tal. Se non andaras na procura da existencia do A, nada descubrirías do B nin do C. Vai aló para tres anos, no 2010, que dous economistas de Harvard, Carmen Reinhart y Kenneth Rogoff, publicaron o seu estudo O crecemento nun período de débeda, onde xuntando datos de aquí e acolá, escollendo os que lles parecían mais aquelados e remexéndoos logo nunha táboa Excel, chegaban á conclusión de que unha débeda pública que superara o 90% do PIB provocaba un crecemento negativo do 0,1%. Recoiro!, que diría o bo de Isaac Newton. A débeda pública era o cancro do crecemento económico! A fume de carozo, tanto o FMI coma o BCE e a Comisión Europea, aplaudiron coas orellas a nova descuberta e incorporárona de inmediato ó corpus teórico da ciencia económica.

Xuntando datos de aquí e acolá, escollendo os que lles parecían mais aquelados e remexéndoos logo nunha táboa Excel, chegaban á conclusión de que unha débeda pública que superara o 90% do PIB provocaba un crecemento negativo do 0,1%

A nosa pertinaz inocencia forzounos a aceptar –aínda que fora a regañadentes- a nova lei económica e non se nos pasou pola cabeza que houbera gato encerrado. Non lle demos importancia a que un dos descubridores, o tal Rogoff, fora Conselleiro Económico e Director do Departamento de Estudos do propio FMI, organismo que daquela mantiña unha cruzada a favor da santa austeridade dos Estados e, xa que logo, contra o seu endebedamento. Tampouco chegamos a dubidar da boa fe, rigorosidade e imparcialidade da parella de economistas na escolla dos datos e dos modelos econométricos axeitados. Por non sospeitar, non sospeitamos de nada. Ata demos por aquelada a utilización dunha vulgar táboa Excel como ferramenta informática de tratamento de datos, e mira que nos ten dado mais dun susto a moi tarambaina!

Non lle demos importancia a que un dos descubridores, o tal Rogoff, fora Conselleiro Económico e Director do Departamento de Estudos do propio FMI

Pero a Deus grazas, non toda a xente é tan confiada. Hai cousa dun mes, un estudante de doutoramento, Thomas Herndon, e dous profesores de Massachussets, Michael Ash y Robert Pollin, fixeron outro achado: cos mesmos datos utilizados por Reinhart e Rogoff, pero corrixindo inconsistencias matemáticas na manipulación dos datos e erros na folla Excel, e botando man dun modelo econométrico mais aquelado, chegaban á conclusión de que os países que superaban o 90% de débeda a respecto do PIB presentaban un crecemento positivo promedio do 2,2% (fronte ó negativo 0,1%). Ademais, Herndon, Ash e Pollin  Herndon, Ash y Pollin atoparon que Reinhart y Rogoff excluíran do estudo países con datos que contrariaban o resultado final e empregaran un método moi  discutible para ponderar o peso dos países.

Reinhart e Rogoff moveron a montaña de datos o xusto e preciso para ver confirmadas as súas crenzas de partida e así poder casar a ciencia coa conciencia

En suma, que Reinhart e Rogoff, ben porque así o crían ou por algunha comenencia, buscaban probar con datos históricos que altos niveis de débeda pública levaban inexorablemente a crecementos negativos. E como cando a fe é moita pode ata mover montañas, -e neste caso, ademais, había comenencia a mancheas-, pois meu dito meu feito: Reinhart e Rogoff moveron a montaña de datos o xusto e preciso para ver confirmadas as súas crenzas de partida e así poder casar a ciencia coa conciencia. Coma nos tests de figuras enmascaradas,  cadaquén remata vendo a realidade como a quere ver.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.