Ciencia e comenencia

A xente do común levamos xa tempo escoitando a sisudos e ben mantidos economistas dicíndonos que para saír desta crise é imprescindible expandir o gasto público; e ao mesmo tempo, a outros tantos afirmando que o que hai que facer é achicalo

A xente do común levamos xa tempo escoitando a sisudos e ben mantidos economistas dicíndonos que para saír desta crise é imprescindible expandir o gasto público; e ao mesmo tempo, a outros tantos afirmando que o que hai que facer é achicalo. E algúns organismos de referencia no eido económico, tal como o FMI, o BMI ou a OCDE, encerellan aínda mais o nobelo e aconséllannos que bailemos con Ricky Martin “un pasito palante, María, un pasito patrás”, un día que o aumentemos e dous días despois que o diminuamos. Pero como é posible que as mentes preclaras da ciencia económica aconsellen medidas mutuamente contraditorias e excluentes? Que pensariamos das matemáticas se para o profesor Cibrán Arxibai dúas mais dúas foran tres, e para o seu colega Tobi de Bermés foran cinco? É realmente a economía unha ciencia ou só un feixe de opinións, comenencias e prexuízos ideolóxicos?

Un corpo científico, en calquera eido, non se constrúe sobre a unanimidade automática en cuestións particulares, senón sobre un conxunto comunmente aceptado de procedementos para resolver as posibles diferenzas

Un corpo científico, en calquera eido, non se constrúe sobre a unanimidade automática en cuestións particulares, senón sobre un conxunto comunmente aceptado de procedementos para resolver as posibles diferenzas nas cuestións que van xurdindo e cando hai abondos datos dispoñibles. A teoría da relatividade de Enstein non foi aceptada de présa e correndo pola meirande parte dos físicos, nin o propio Enstein pretendía que así fose sen pasar pola peneira das probas empíricas. Cando o comportamento da luz durante unha eclipse de sol proporcionou a proba desta teoría, os resultados inesperados convenceron a outros científicos de que Enstein levaba razón. O que distingue á ciencia é precisamente que as teorías mutuamente contraditorias non poden coexistir indefinidamente, senón que unha das dúas prevalece e a outra desaparece. Na combustión, a teoría do “flogisto” á teoría do osíxeno; na astronomía, a teoría de Ptolomeo deu paso á de Copérnico. Pola contra, ideoloxías e crenzas mutuamente contraditorias poden coexistir durante séculos coma dúas rectas paralelas, sen unha solución posible ás súas diferenzas.

A análise sistemática de termos coidadosamente definidos e a confrontación sistemática das súas teorías coa evidencia empírica, son parte de calquera estudio científico. É evidente que a economía avanzou nesa dirección dende os seus inicios. Porén, a economía non pode levar a cabo experimentos controlados, o que lle empece dotar as súas teorías da precisión e respectabilidade  que si teñen outros campos do saber. Pero esta eiva non só afecta á ciencia económica. Poñamos por caso a meteoroloxía. Aínda que ninguén cuestiona os principios científicos nos que se basea a predición do tempo, a incerteza que arrodea ás infindas combinacións de factores que poden concorrer nun lugar concreto e nun día en particular, fan que a previsión de calquera suceso meteorolóxico só poida darse en termos de probabilidade asociada. Que caia unha tronada en Cadrón a semana que ven é un acontecemento que a meteoroloxía pode asociar a unha probabilidade “x”; agora ben, non lle podemos pedir que nos diga a cantidade de raios que lle van caer nos cornos á vaca Teixa ou á Marela.

Outra que tal baila é a ciencia médica. Tampouco ninguén dubida da seriedade dos principios que a sustentan, pero do que é mal, todos sabemos da súa imprecisión. Un médico non che pode asegurar o día exacto da cura, nin tódolos efectos secundarios; e aínda que non cho diga, xamais pode descartar unha complicación, por baixa que sexa a súa probabilidade. Ademais da súa falla de precisión, a economía, a meteoroloxía e maila medicina comparten algo mais: as tres son tema de conversa universal. De que falamos cos descoñecidos, ou cando xa non temos de que falar? Pois do tempo que fai ou vai facer, dos achaques do corpo ou do escorrida que tes a carteira. E todos temos algunha noción de meteoroloxía, de medicina e de economía; as mais das veces, por ditos e refráns transmitidos de xeración en xeración dende o principio dos tempos.

Os economistas, como individuos, teñen as súas propias preferencias, prexuízos e comenencias, o mesmo que tódalas persoas; pero a incidencia que poidan exercer aquelas é moi distinta nos diferentes eidos da ciencia

Os economistas, como individuos, teñen as súas propias preferencias, prexuízos e comenencias, o mesmo que tódalas persoas; pero a incidencia que poidan exercer aquelas é moi distinta nos diferentes eidos da ciencia. Por exemplo, non vexo probable que a ideoloxía dun matemático inflúa no posicionamento diante dun teorema controvertido e aínda non comunmente aceptado; porén, si é mais que probable que a ideoloxía dun médico lle faga tomar posicións sobre asuntos coma o aborto, a eutanasia ou os métodos anticonceptivos; ou que a ideoloxía dun economista lle faga ver só os pros de tal ou cal medida de política económica, e esquecerse por completo dos contras, que case sempre hai tamén. E que dicir das comenencias? Cantas firmas farmacéuticas non estarán detrás de artigos nas revistas especializadas de medicina? Non o sei, pero a lóxica de como funciona o mundo dime que poden ser moitas. E cantos modelos teóricos ad hoc non financiaría o FMI, o BMI ou a OCDE para darlle consistencia científica ás receitas do Consenso de Washington? Prefiro nin pensalo.  Incluso eu mesmo estaría disposto a elaborar toda unha nova Teoría Xeral que guindara o demo de Keynes no mais fondo do inferno, de vez e para sempre. Iso si, sempre que pagaran a miña honra como é debido.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.