Na sucesión de personaxes que transitan pola sala de prensa da Moncloa e outras palestras mediáticas do Estado, entre políticos, expertos sanitarios, economistas e responsables dos corpos e forzas de seguridade, bótase en falta a presenza dun máis amplo espectro de perfís. Menos evidente e acuciante pero igual de importante, a xestión dunha pandemia ten moito de socioloxía, disciplina que non só ofrece armas para reflexionar, senón tamén para actuar. A ausencia é aínda máis significativa cando o gabinete do propio Pedro Sánchez inclúe a Manuel Castells quen, amais de ministro de Universidades, é un indiscutido referente na materia. Sen ir máis lonxe, en Francia o consello científico para o Covid-19 do presidente Macron, amais de galenos e epidemiólogos, inclúe a unha antropóloga, a doutora Laetitia Atlani-Duault, e ao sociólogo Daniel Benamouzig, que se atopan no mesmo cerne da xestión da crise dunha pandemia sen precedentes, aprehendendo progresivamente a poboación a súa gravidade e implicacións profundas.
Toda estratexia pública debería tomar conciencia do rol a desenvolver polas ciencias sociais porque, alén das urxencias sanitarias, económicas e de orde pública, tamén concorren variables que poñen de relevo dinámicas e riscos da nosa sociedade como tal
Toda estratexia pública debería tomar conciencia do rol a desenvolver polas ciencias sociais porque, alén das urxencias sanitarias, económicas e de orde pública, tamén concorren variables que poñen de relevo dinámicas e riscos da nosa sociedade como tal. Norbert Elias abondaba en que unha das características da evolución da humanidade era o “crecemento das cadeas de interdependencia”, chamando a atención sobre aquelo que escapa ás relacións directas entre homes ao colixir que non só estamos comprometidos por relacións visibles e evidentes, senón tamén por vencellos indirectos, distantes e subrepticios, conformando cadeas cada vez máis longas e complexas. Se ben estamos persuadidos da nosa independencia e autonomía, o certo é que estamos máis collidos ca nunca en nexos de complementariedade e interdependencia, poderosísimos, formando parte os uns dos outros, inmersos nun mundo que é unha rede de redes de relacións. Segundo Elias, unha das misións do científico social é facer evidente esta realidade pouco tanxible pero determinante.
A crise actual desvela precisamente esas interconexións entre homes aparentemente dispersos ao longo do planeta, á imaxe dos circuítos de intercambios económicos e a multiplicación de opcións de transporte que redundou na aceleración de mobilidades. A pandemia do Covid-19 xurde nun punto xeográfico concreto pero rapidamente se disemina e converte nun risco compartido, como xa ocorreu co SRAS en 2003, a gripe A H1N1 en 2009 e a gripe porcina de 2014. No seu traballo A sociedade do risco, publicado na Alemaña en 1986, no contexto post Chernobil, Ulrich Beck, teórico da globalización, xa aludía á interdependencia das sociedades humanas como ameaza fundamental da modernidade, non sendo susceptible a redución dun problema singular a un único país. Segundo Beck, a proliferación dos riscos ten que ver coa súa natureza pouco perceptible: o risco propágase máis rapidamente (dimensión temporal) e expándese máis amplamente (dimensión espacial) cando a súa invisibilidade é maior. Desde esta óptica, as ciencias sociais están chamadas a facer visibles os riscos e que non pasen desapercibidos, nomeadamente para anticiparse.
Segundo Beck, a proliferación dos riscos ten que ver coa súa natureza pouco perceptible: o risco propágase máis rapidamente (dimensión temporal) e expándese máis amplamente (dimensión espacial) cando a súa invisibilidade é maior
Segundo Beck, que recoñecía dificultades de orde cultural, bañamos nunha cultura focalizada na riqueza e confort materiais, en cousas tanxibles, de aí que a visibilización de riscos esixa o desenvolvemento dunha conciencia reflexiva, un cambio de mentalidades e a mutación nas formas de pensar e ver. O alemán focalízase na relación entre ciencia e poder, facendo dos científicos unha categoría central para pensar o risco e mesmo na súa toma de conciencia, en aras de impregnar o debate público e facer que os decisores actúen. Un risco é un perigo identificado para o cal podemos prepararnos, poñendo en marcha dispositivos a priori para minimizar consecuencias. Derívase a necesidade dunha política de investigación coherente, ambiciosa e de longo percorrido, que non existe no estado español, faltando voluntarismo, opcións claras e investimentos constantes. Esta crise pasará pero virá outra porque as nosas opcións como sociedade xeran riscos. Entramos nunha nova era e, desta volta, oxalá que tamén da man das ciencias sociais, que teñen un importante rol a desenvolver pola vulnerabilidade e interconexións entre uns e outros características das nosas sociedades.