A City londinense foi durante estas catro décadas de construción da UE a verdadeira beneficiada economicamente. Foino pola posibilidade de converterse en gran centro de negocios internacional. A UE respondía á necesidade dos especuladores financeiros ingleses de mellorar a súa posición ante o mercado global. Pero esta estratexia económica que pasaba pola desregulación dos mercados, apertura de fronteiras, posta en común con socios europeos… nunca seduciu ao Reino Unido no seu conxunto.
A campaña foi polarizada polos medos á inestabilidade e á inmigración; isto serviu de oportunidade á extrema dereita
Esta mesma City empregou durante a campaña do Brexit o mesmo argumento que durante a campaña do referendo escocés: o temor á deriva económica. Desta forma, a campaña foi polarizada entre dous medos: o medo á inestabilidade e o medo á inmigración. Esta circunstancia serviu de oportunidade de ouro para a extrema dereita. Por primeira vez tiña vía libre para monopolizar a identidade nacional, e ao mesmo tempo, presentarse así mesma coma unha opción de protesta ante os “burócratas” europeos, converténdose así, nunha alternativa ao establishment continental. Hoxe a extrema dereita británica está capitalizando unha vitoria política no corazón financeiro de Europa.
Ningunha corrente de esquerdas logrou despuntar cun discurso declaradamente anti-troika
Nin tan sequera o asasinato da laborista Jo Cox fixo perder no reconto aos partidarios do Brexit. Uns laboristas que tampouco foron capaces de monopolizar a campaña a favor da permanencia, deixando ese espazo á parte europeísta do partido conservador e ao, agora, ex-primer ministro Cameron.
Dos líderes do Estado español só podemos sacar unha idea clara: os referendos só traen problemas
Tampouco ningunha outra corrente de esquerdas logrou despuntar durante a campaña no espazo do leave cun discurso declaradamente anti-troika co que, a partir de hoxe, podería disputarlle á extrema dereita o monopolio da vitoria do leave. E o peor é que este triunfo dálles folgos a todos os partidos de extrema dereita de Europa que avogan declaradamente por saír da Unión en base a argumentos velada ou manifestamente racistas, e que deste momento en diante, vanse presentar como a alternativa natural á UE para a recuperación da soberanía estatal, seguridade interna da poboación e control de fronteiras.
Un último apunte. Consultando os diarios e intervencións dos principais líderes políticos do estado español podemos sacar unicamente unha idea clara e compartida por case todos/as: os referendos so traen problemas. Nin un chío sobre o perigoso ascenso da extrema dereita en Europa. O cuestionamento dun mecanismo democrático como son os referendos, e o silencio cómplice coa extrema dereita, debilitan os plantexamentos dirixidos a profundizar, expandir e radicalizar a democracia. Difícil ver algo positivo neste Brexit!