Cinco resultados do 28A en Galicia e unha reflexión esperanzada

CC-BY-SA Praza Pública

1- As eleccións xerais do 28 de abril rexistraron unha participación do 74% en Galicia, unha cifra relativamente alta e sen precedentes no conxunto dos comicios celebrados en Galicia no actual período democrático. Aínda que as xerais adoitan ser as citas electorais que maior mobilización arrastran (a participación media nas eleccións xerais en Galicia sitúase no 63,2%, fronte ó 58,7% das autonómicas), ata esta data só acudiran máis do 70 % dos electores ás urnas noutras tres ocasións: 1996 (71,4%), 2004 (71%) e 2008 (70,5%).

Os resultados do 28A en Galicia revelan un electorado non conservador (a esquerda gaña as eleccións) pero si pragmático, que optou por votar ó cabalo gañador

Esta alta mobilización corrixe en parte a vocación abstencionista de Galicia, tradicionalmente entre as comunidades autónomas con menor participación, se ben volvemos quedar por baixo da media estatal (esta vez, do 75,6%). Tamén contrasta coa baixísima participación rexistrada nas eleccións autonómicas de 2012 (54,9%) e 2016 (53,6%), quedando aberta a posibilidade de darlle a volta a esta apatía electoral nas eleccións ó Parlamento de Galicia do vindeiro ano. 

2- Os resultados do 28A traducíronse na primeira vitoria do PSdG nunhas eleccións celebradas dende a restauración da democracia (co 32,1% dos votos fronte ó 27,4% do PP, segundo os datos provisionais publicados polo Ministerio do Interior), que á súa vez supuxo a primeira derrota popular en corenta anos. Haise que remontar ó triunfo da UCD nas eleccións xerais do 1979 para atopar uns comicios nos que o Partido Popular (entón Alianza Popular, baixo as siglas de Coalición Democrática) non fora o partido máis votado entre o electorado galego. 

O PP non pode culpar da súa minoría en escanos á fragmentación do voto de dereitas, pois o certo é que a suma dos partidos de esquerda gaña tanto en escanos (12 de PSdG+En Común Unidas Podemos fronte ós 11 de PP+Ciudadanos) coma en votos (a suma de PSdG+ECUP+BNG+En Marea supuxo o 53,4% dos votos, fronte ó 43,9% resultante de sumar as porcentaxes de voto de PP+C’s+Vox). Estamos pois ante unha derrota da dereita sen paliativos.

3- O 28A trouxo consigo unha certa recuperación do bipartidismo en Galicia. Non só é a comunidade autónoma na que maior porcentaxe de voto acumulan PP e PSOE (59,5%), senón tamén a única na que existen diferenzas substancias entre ambos partidos e os principais rivais en cadanseu bloque ideolóxico (o PSdG obtivo 17,6 puntos porcentuais máis ca ECUP, mentres que a diferenza entre PP e C’s estivo en 16,21 puntos).

4- A maior particularidade que revelan os datos do 28A en Galicia, quizais o único trazo propio en clave territorial, son os pobres resultados colleitados por Ciudadanos (11,2 % do voto) e, sobre todo, Vox (5,3%), dous partidos defensores de posicións abertamente centralistas e regresivas co sistema autonómico. Ciudadanos entra por primeira vez no Congreso por Galicia e acada dous escanos, pero faino coa segunda menor porcentaxe de voto en todo o Estado, despois de Euskadi; Vox, pola súa parte, só empeorou os resultados galegos en Euskadi, Catalunya e Navarra.

5- A ausencia dunha alternativa suficientemente forte supuxo o desdebuxamento do espazo á esquerda do PSOE e/ou nacionalista. A división da anterior coalición Podemos-En Marea-Anova-EU tivo como resultado a perda dunha forza de referencia na que depositaren a súa confianza os electores deste bloque, deixándose 3 dos 5 escanos logrados no 2016, mentres que o ascenso en votos do BNG apenas serviu para soñar cun deputado na Coruña que finalmente quedou a máis de 12.000 votos.

A vitoria do bloque progresista e a alta participación do 28A son dúas notas que esbozan unha posibilidade de cambio de cara ás eleccións galegas do 2020

Unha reflexión esperanzada. Os resultados do 28A en Galicia revelan un electorado non conservador (a esquerda gaña as eleccións) pero si pragmático, que optou por votar ó cabalo gañador e exercer de freo fronte ás posicións extremistas con aires de reconquista e recentralización que viñan dende a Meseta. Así, a vitoria do bloque progresista e a alta participación do 28A son dúas notas que esbozan unha posibilidade de cambio de cara ás eleccións galegas do 2020, presentándose como unha ocasión inmellorable para reverter as cifras de participación habitualmente baixas nestes comicios. Igualmente, os mapa político resultante do 28A e a delicada situación que atravesan os populares de Galicia, en posición de evidente discrepancia coa dirección de Génova e sitiados polo empuxe das novas forzas da dereita, constitúen unha oportunidade para os partidos do bloque progresista racharen co tradicional dominio do PP. Unha responsabilidade que deben asumir o PSdG, trasladando en clave autonómica o amplo apoio recibido nas eleccións estatais, e as forzas á esquerda do PSdG e nacionalistas, de seren capaces de configurar unha referencia sólida na que as galegas e os galegos queiran confiar o seu voto.

Pero antes haberá un exame previo, e relevante, nas eleccións locais e europeas do 26M.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.