'Ciudadano Kane' de nova xeración

Dende que xurdiron os medios de comunicación de masas, as clases dominantes (sexa cal sexa o seu nome e formato de exercer o poder) tiveron os seus efectivos voceiros como xeito de transmitir a mensaxe  que máis favoreza a supervivencia do statu quo, é dicir transmitir aquela información interesante para xerar unha opinión favorable aos seus intereses. O que en palabras de Armand Mattelart é o chamado proceso tecnoinformacional.

Dos vellos  e os novos tempos, os medios de comunicación sempre estiveron en posesión de grandes propietarios, pero a grande diferenza é a resonancia que hoxe en día ten a mensaxe. Falamos dunha grande cantidade de receptores e dun nivel global. Porque hoxe os propietarios son poderes económicos, mercados, banca...poderes difusos que non se localizan nun único estado, permitindo así xerar globalmente unha mesma ideoloxía, unha mesma mensaxe.

Do mesmo xeito a materia prima vital por tanto para eses poderes económicos é a información tal e como sinalou Manuel Castells na súa obra A SOCIEDADE DA INFORMACIÓN.  O poder de transmitir, modificar e manipular a realidade. De transmitir valores, e conformar un imaxinario cultural na masa social acorde con esa clase dominante, ou cos seus intereses.  Entenderemos isto, sempre e cando entendamos o papel fundamental que xogan estes medios xa non só na globalización en xeral, senón especialmente na conformación cultural da nosa sociedade. Estes axudan a homoxeneizar comportamentos e xerar novas necesidades que unha vez cubertas fan que os “consumidores” lexitimen ao sistema. (consumo de bens e servizos comúns no primeiro mundo, ou tradicións coma Halloween).

Se nós somos capaces de lexitimar a ese sistema porque podemos cubrir necesidades xeradas artificialmente a través dos medios, colaboraremos a manter ese sistema. Teoría que xa aparecía na obra O HOME UNIDIMENSIONAL de Marcuse. Un consumo que pasa a ser pecuniario, a través do cal transmitimos personalidade e valores culturalmente consideramos coma éxito.

A forza importante e que diferencia os medios de hoxe cos doutros momentos é precisamente como xa dixemos antes a simultaneidade a hora de transmitir “información” e a amplitude dos receptores que ao mesmo tempo funcionan como elementos que axudan a facer “resonancia”. Este medios aceleran a transmisión da mensaxe, e pode chegar a mesma información a un público moi amplo de miles ou milleiros de persoas.

É dicir transmiten e reproducen a ideoloxía dominante conformando unha masa social coherente e conforme cos seus intereses (económico, político, social ou cultural). Falamos dunha plasticidade contaxiosa respecto a conformación dun imaxinario social cunhas mesmas bases culturais que favorecen a pervivencia do capitalismo e por ende dos intereses da clase dominante.

As características da transmisión da información a través dos Mass Media nesas sociedades de masas son que por un lado as persoas que expresan públicamente as súas opinións son unha minoría en relación cos que reciben as ditas opinión (en xeral serán dentro dun determinado espectro ideolóxico  no que existe lugar a “contestación” aceptada polo sistema). Os receptores da información carecen de canles de contestación ( as mensaxes non teñen un destinatario en específico senón que en xeral son unha variedade de públicos compostos por unha variedade de individuos,). As institucións que gobernan e controlan a sociedade de masas condicionan igualmente as opinións emitidas e iso condiciona a opinión pública.

Tal e como di Noam Chomsky “o  propósito dos medios masivos non é tanto informar sobre o que sucede, senón máis ben dar forma á opinión  pública de acordo coas axendas do poder corporativo dominante”.  Para iso os medios recorren á parte emocional máis que ao intelecto por iso teñen grande influencia para manipular a mente individual e colectiva, difundindo doutrinas e ideoloxías coherentes co mantemento da paz social.

Falamos por tanto dun efectivo mecanismo de control social que ao transmitir uns mesmos valores e patróns culturais nunha sociedade xera uniformidade ideolóxica e cultural e conformidade social, polo tanto equilibrio e masa acrítica  coa realidade social inxusta.

“Cando descubriron que a información era un negocio, a verdade deixou de ser importante” (Ryszard Kapuscinski)

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.