Claudio Rodríguez Fer rescata do esquecemento ao mestre e poeta antifascista Santiago Marcos

Claudio Rodríguez Fer ante o cemiterio de Roales de Campos © Cedida

Rodríguez Fer, Claudio (2023). Santiago Marcos, poeta topo contra el fascismo. El Viejo Topo, Barcelona, pp. 120.

Claudio Rodríguez Fer acaba de publicar o seu novo libro, Santiago Marcos, poeta topo contra el fascismo, no que dá conta da vida e da obra do mestre e poeta español Santiago Marcos Marcos

Claudio Rodríguez Fer acaba de publicar o seu novo libro, Santiago Marcos, poeta topo contra el fascismo, no que dá conta da vida e da obra do mestre e poeta español Santiago Marcos Marcos. Como investigador, Claudio Rodríguez Fer xa se mostrou preocupado pola recuperación da memoria histórica coa súa tese doutoral A literatura galega durante a guerra civil. Escribiu, só por citar algúns exemplos, sobre autores recoñecidos como Antonio Machado, Jorge Luis Borges, Ánxel Fole e José Ángel Valente, do que dirixe a Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética na Universidade de Santiago de Compostela. Agora presenta este libro sobre o aínda pouco coñecido, ou recoñecido, poeta Santiago Marcos.

Esta biografía acompáñase de imaxes que retratan ao poeta toupo con algúns dos seus irmáns ou en solitario, pero tamén se reproducen algúns dos seus manuscritos ou as cubertas dos seus libros. Máis significativa resulta a imaxe que fecha o libro, onde se retrata a Claudio Rodríguez Fer en compaña do seu pai Claudio Rodríguez Rubio, grazas ao que coñeceu aos irmáns Marcos, de quen foi amigo dende a súa infancia até os derradeiros días.

O mestre e poeta Santiago Marcos foi un dos que, como tantos outros, tiveron que fuxir para salvar a vida a raíz da guerra civil española

O mestre e poeta Santiago Marcos foi un dos que, como tantos outros, tiveron que fuxir para salvar a vida a raíz da guerra civil española. Naceu en 1904 no seo dunha familia que traballaba para os Condes de Peña Ramiro na provincia de Valladolid, quen prescindiron dos seus servizos sen explicacións en 1920. Santiago Marcos foi o único dos catro irmáns que cursou estudos superiores, xa que estudou Maxisterio en León e exerceu en Llano de Olmedo como profesor identificado cos valores republicanos, o que provocaría a súa persecución. Por iso mesmo e polo seu laicismo anticlerical, tras o golpe de Estado de 1936, viuse obrigado a fuxir, aínda que o poeta tamén o achacou a envexas e calumnias. Sublevados armados foron á súa casa para detelo e, moi probablemente, asasinalo. Ao non atopalo torturaron á súa nai, como lles ocorría habitualmente aos familiares dos fuxidos, da que Santiago Marcos non puido despedirse unha vez falecida.

O seu coñecemento da natureza permitiulle fuxir polo monte e tivo distintos escondedoiros antes do definitivo: a bodega de dez metros cadrados do casarío familiar en Coto de Solaviña. Durante vinte e dous anos, dende 1936 até 1958, Santiago Marcos mantívose oculto co único contacto dos libros e dos seus irmáns, que foron chave para propagar a falsa idea de que se suicidara para que deixasen de buscalo, así como na axuda que fraternalmente lle prestaron ao mantelo con vida, podendo isto custarlles a súa propia. Grazas a eles, o poeta mantíñase informado do que pasaba no exterior, razón pola que as súas composicións denuncian o franquismo e aos seus colaboradores nazis durante a Segunda Guerra Mundial e honran a memoria das súas vítimas, ás que Santiago Marcos dedica composicións colectivas e, en determinados casos, individuais como, por exemplo, a Secundino Chamorro e Gaspar Fernández, alcalde socialista e secretario da Casa do Pobo en Roales de Campos. Deste xeito, Claudio Rodríguez Fer presenta numerosas composicións do poeta toupo que exemplifican os seus ideais anticlericais, antifranquistas, antifascistas, pacifistas, pero tamén de denuncia da desigualdade de xénero e de clase.

Claudio Rodríguez Fer presenta numerosas composicións do poeta toupo que exemplifican os seus ideais anticlericais, antifranquistas, antifascistas, pacifistas, pero tamén de denuncia da desigualdade de xénero e de clase

Ademais, como lles ocorreu a outros toupos, Santiago Marcos viu perigar a súa vida en varias ocasións durante as dúas décadas e dous anos que permaneceu oculto. Unha delas, a fractura dun brazo, foi precisamente pola que acabou sendo detido, xa que o médico deu parte á Garda Civil. Unha vez apresado foi posto en liberdade debido ao tempo que pasara dende a súa busca e aos bos informes dos veciños. Santiago Marcos recuperou así a liberdade, pero endexamais a vida que puido ter vivido. Imposibilitado para o maxisterio exiliouse a París, de onde volveu completamente decepcionado cando non editaron as súas composicións. Con todo, ao final da súa vida puido editar os seus escritos nos aínda pouco difundidos Mi lira canta ¡Escucha! Primera parte (1988) e La tragedia de las libertades sofocadas (1993), aínda que existen algúns inéditos en mans de Claudio Rodríguez Fer.

Santiago Marcos, poeta toupa © Cedida

Claudio Rodríguez Fer analiza os tópicos máis frecuentes na poesía de Santiago Marcos que son o locus amoenus e o beatus ille, na súa condición de poeta toupo, home en contacto permanente coa natureza e afastado do mundo e o seu «mundanal ruído»

Ao seu regreso ao Coto de Solaviña abriuse outra etapa creativa na que introduciu temas familiares, amistosos e sentimentais, mais sen abandonar a denuncia e a defensa da xustiza a raíz de sucesos tiránicos que se estaban producindo en distintas partes do mundo. Coa morte dos seus irmáns maior e menor, Santiago Marcos e Marcos Marcos, queda desamparado e acaba falecendo en 1997 en Roales de Campos.

En adición, Claudio Rodríguez Fer analiza os tópicos máis frecuentes na poesía de Santiago Marcos que son o locus amoenus e o beatus ille, na súa condición de poeta toupo, home en contacto permanente coa natureza e afastado do mundo e o seu «mundanal ruído». Nesta liña, ao longo da súa produción mantense inalterábel a súa identificación e o seu compromiso con Castela e o espazo rural, motivo polo que denuncia o problema da emigración xuvenil con versos tan significativos como: «que la juventud no emigra, / huye desesperanzada / de los campos de Castilla» (p. 105).

É o reflexo das historias de moitos outros, que como a familia Marcos, son tan pouco lembrados ou incluso continúan ocultos, é dicir, esquecidos

En conclusión, Claudio Rodríguez Fer pon de manifesto a historia e a obra dun poeta que viviu vinte e dous anos oculto e que compuxo máis de dez mil versos. Non obstante, o autor deste libro xa escribira sobre el no diario Liberación «Santiago Marcos, un maestro y poeta que vivió 22 años como un topo» (1984), que o propio poeta puido ler e agradecerlle ao seu autor, e «Os irmáns Marcos e o poeta topo» (2005) en O muiñeiro misterioso. Con este libro faise xustiza á figura dun home cuxa vida non foi incluída en Los topos (1977) de Torbado e Leguineche, título que popularizou esta denominación para os que viran a súa vida reducida a unhas dimensións fechadas ou mínimas para distinguilos así dos fuxidos. Asemade, Claudio Rodríguez Fer menciona frecuentemente a outros toupos que padeceron situacións similares ás vividas por Santiago Marcos. É, pois, esta a historia da vida dun poeta toupo, dunha familia unida e de máxima lealdade á súa memoria por parte de Claudio Rodríguez Fer; pero tamén é o reflexo das historias de moitos outros, que como a familia Marcos, son tan pouco lembrados ou incluso continúan ocultos, é dicir, esquecidos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.