Coerción federal e referendo legal

O 10 de outubro o presidente da Generalitat fixo unha alambicada declaración de independencia (“Catalunya s’ha guanyat el dret a ser un Estat independent”; “la independència [...] és el camí que estic compromès a transitar”; “assumeixo  [...] el mandat que Catalunya esdevingui un estat independent en forma de república”) ratificada nun insólito acto privado posterior, onde os deputados separatistas asinaron un documento que proclama solemnemente: “Constituïm la República catalana, com a Estat independent i sobirà”. Antes, aínda na cámara, o presidente propuxera tamén “que el Parlament suspengui els efectes de la declaració d’independència per tal que en les properes setmanes emprenguem un diàleg”.

A proclamación da independencia, mesmo suspendida, supón unha crise constitucional extremadamente grave, que aboca o Estado a tomar medidas severas. O 11 de outubro, o presidente do Goberno de España envioulle ao presidente do Govern da Generalitat o requirimento previsto no artigo 155.1 da Constitución, que regula a chamada coerción federal (comparábel coa Bundeszwang do artigo 37 da Lei fundamental da RFA). O executivo catalán debe aclarar, antes do 16 de outubro, se foi declarada, mesmo implicitamente, a independencia de Cataluña; en caso afirmativo, o propio executivo debe revogar a declaración antes do 19, se non quere que o Senado autorice o Goberno de España a avocar competencias estatutarias, inhabilitar o Govern e disolver o Parlament. Non se pode descartar, dependendo dos acontecementos, o recurso ao artigo 116 da Constitución ou á Lei de seguridade nacional. Pero a coerción federal, alén de ineludíbel para o Estado, podería ser tamén o que máis buscan os secesionistas, cuxo control da axenda mediática global se vería reforzado coa imaxe épica das manifestacións masivas, da resistencia cidadá e da detención dos dirixentes revolucionarios.

Tomarmos partido polos independentistas ou polos unionistas é unha decisión lexítima, pero sitúanos automaticamente nunha lóxica bélica que só manexa o código binario vitoria-derrota e recorre a un arsenal do cal forman parte a mentira, a manipulación e a violación dos principios democráticos. Porén, esta lóxica brutal –na guerra vale todo–, alén de absurda –podemos gañalo todo, pero tamén podemos perdelo todo–, non é unha fatalidade e pode ser substituída pola lóxica do pacto, que apela á nosa madurez, á nosa responsabilidade e á nosa capacidade para xestionarmos a frustración.

As bandeiras ao vento, os discursos proféticos e as proclamas patrióticas inflaman os nosos sentimentos máis nobres, pero tamén ceiban as forzas máis irracionais e reaccionarias que criamos embridadas. Sabemos que a demanda dun referendo sobre o tipo de relación que Cataluña debe ter con España se cifra, nunha estimación moi prudente, en tres de cada cinco cataláns. Este dato, analizado fría e pragmaticamente, ofrécenos a clave para asegurarmos os alicerces da nosa convivencia pacífica. Aínda no dubidoso caso de que a coerción federal teña os efectos desexados, a longo prazo non haberá saída democrática ningunha que non pase por un referendo legal que lle dea á cidadanía catalá a posibilidade de manifestar se opta polo statu quo, por constituírse nun Estado federado ou por abandonar España.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.