Coidado con sacar o BCE da Troika

Boas noticias para a zona euro. O Avogado Xeral do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE), o español (pero europeo no seu cargo), Pedro Cruz Villalón,  declarou que o programa de compra de bonos soberanos do Banco Central Europeo (BCE), máis coñecido como OMT polas súas siglas en inglés, podería ser legal, baixo certas condicións. O uso do condicional é importante porque a "opinión" do Avogado Xeral, un letrado que asesora ao Tribunal e que no 90% dos casos anticipa a sentenza, non é vinculante.

O TXUE, con sede en Luxemburgo, emitirá a súa sentenza no outono. Se segue a recomendación do Avogado Xeral, e finalmente o Tribunal Constitucional Alemán (que foi o que cuestionou a legalidade do OMT) acata o ditame, estariamos ante un paso moi importante para a definitiva "irreversibilidade" do euro. O OMT salvou a moeda única no momento máis crítico da crise, no verán de 2012, cando España (que era demasiado grande tanto para caer como para ser rescatada, too big to fail and too big to be rescued) tivo que pedir un préstamo ao Mecanismo Europeo de Estabilidade (MEDE) para rescatar o seu sistema bancario. No seu día, despois de declarar que o BCE ía facer todo o necesario para salvagardar a integridade do euro, Mario Draghi avisou que o OMT só se podía activar baixo certa condicionalidade. O país receptor tería que negociar un rescate financeiro co MEDE e someterse a un plan de reformas da Troika (é dicir, ceder parte da súa soberanía).

A estas condicións, o Avogado Xeral do TdJEU engade agora as súas, que levantarán bastante debate: 1) O uso do OMT ten que ser proporcional (un termo ambiguo que traerá un intenso debate entre economistas e xuristas); 2) O BCE ten que explicar ao detalle por que é necesario activar o OMT (isto é recomendable, pero ás veces un banco central non pode contalo todo); e 3) Se se activa o OMT, o BCE debe absterse de formar parte da Troika. Isto ten moito sentido. O BCE é a única institución responsable para a política monetaria (e nesta parcela os xuíces non deben entrometerse porque lles falta coñecemento e experiencia, argumenta Cruz Villalón), pero en materia de política económica o BCE non ten ningunha competencia, por tanto non pode sentar a negociar cos estados membros da zona euro en dificultades.

Con todo, esta exclusión pode traer problemas. As políticas monetarias, económicas e fiscais non son compartimentos estancos. Son máis ben ámbitos que se entrelazan. É por iso que o secretario do Tesouro e o gobernador da Reserva Federal de Estados Unidos vense con regularidade. O persoal do BCE (sobre todo agora que se converteu no supervisor bancario) é a institución que máis coñecemento ten sobre o sistema bancario de cada país. Pódese facer unha análise do estado da economía dun estado membro da Eurozona, e que hai que facer para mellorala, sen ter en conta o sistema crediticio? Seguramente non.

Por outra banda, o BCE durante esta crise (para ben ou para mal, as súas posicións pódense criticar), mostrouse como a institución máis abertamente europeísta da Troika. O FMI é unha institución internacional, e a Comisión Europa durante a crise estivo demasiado á orde dos Estados membros, sobre todo dos máis fortes, como Francia e Alemaña.

Está claro que o BCE non ten ningunha lexitimidade para decidir as políticas económicas dos estados membros da Eurozona, e iso hai que remedialo. Pero, tena o FMI ou a Comisión Europea? Tena o MEDE? Ou mesmo o Eurogrupo, formado polos ministros de economía e finanzas dos estados membros? A falta dun verdadeiro ministerio de finanzas europeo, que sería realmente quen tería a lexitimidade democrática para negociar os programas de reformas cos estados necesitados, o BCE (polo seu poder político e coñecemento técnico) tivo que encher, en parte e sen lexitimidade, ese baleiro. A solución non pode ser quitalo do medio sen crear algo máis lexítimo que o substitúa.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.