Colgarse a medalla de Castelao

Imaxino a Castelao observando asombrado dende o Panteón a esperpéntica sombra que algúns intentan debuxar da súa figura. Un dos nosos galegos máis ilustres, defensor da República, loitador incansable contra o caciquismo e as vellas concepcións reaccionarias, admirador e potenciador da nosa lingua, convertido en produto comercial por aqueles que só se lembran do galego para facer pomposos e hipócritas discursos. De seguirmos desdebuxando así a súa figura, máis pronto que tarde a “marca Castelao” acabará nos carteis de publicidade dalgún Banco, ou de produtos “made in Taiwan”.

De seguirmos desdebuxando así a súa figura, máis pronto que tarde a “marca Castelao” acabará nos carteis de publicidade dalgún Banco, ou de produtos “made in Taiwan”

Despois están os que de verdade din o que pensan, como Gloria Lago, Presidenta de Galicia Bilingüe, que non dubida en cualificalo no seu blog coma “xenófobo”. A verdade é que a opinión daqueles que coma ela, aínda consideran que o galego só sirve para falar coas vacas, pois non me interesa demasiado, porque as vacas, ao igual que a nosa lingua e a figura de Castelao, na nosa terra para moit@s de nós son case “sagradas”.

Remove as entrañas que na entrega das medallas de Castelao o Presidente da Xunta reflexione acerca do que el considera “desafortunada República”, e que conclúa que a época máis escura e tenebrosa da nosa historia recente foi causa dos “caprichos da historia”. Como se a represión franquista que levou a moit@s a ter que abandonar a súa terra non fora polo golpe militar do 36, senón responsabilidade dos deputados aos se lle esqueceu colocar unha restra de allos na porta do Congreso.

É máis necesario que nunca poñer en valor o legado de Castelao, e salvagardalo daqueles que non o entenden, ou pretenden “moldear” a súa figura ao seu antollo

Cando se cumpren 30 anos daquelas desgarradoras imaxes, que mesturan emoción e tensión, nas que @s galegos recibían os seus restos, é máis necesario que nunca poñer en valor o legado de Castelao, e salvagardalo daqueles que non o entenden, ou pretenden “moldear” a súa figura ao seu antollo, daqueles que Pondal cualificaba coma  “salvaxes, duros e escuros”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.