Na Arxentina, colimba é un termo común e popularmente aceptado para facer referencia á prestación militar obrigatoria. Mesmo o dicionario da Real Academia Española define aquela expresión (f. Coloq. Arg. Servicio militar). Desde 1902 todos os varóns nados naquel país latinoamericano víronse na obriga de realizar o servizo militar cando acadaban a idade de 18 anos. Ao fin, a colimba foi derrogada na vida civil arxentina en 1995, cando desapareceu o carácter obrigatorio da participación cidadá na instrución castrense, e, deste xeito, os colimbas pasaron a mellor vida. Pero, que ocorreu e cal foi o papel dos soldados que realizaban o servizo militar obrigatorio entre 1976 e 1983, o período da ditadura militar arxentina?
Cal foi o papel dos soldados que realizaban o servizo militar obrigatorio entre 1976 e 1983, o período da ditadura militar arxentina?
Un ano antes do golpe militar do 24 de marzo de 1976, a presidenta María Estela Martínez de Perón convidou ao estamento armado a participar na chamada “loita antisubversiva”. Logo, chegou a desfeita e o trebón e case 300.000 arxentinos que cumprían instrución militar convertéronse en testemuñas involuntarias do terror que asolou o país durante os oito anos de goberno ditatorial. Aqueles soldados tiveron coñecemento de primeira man dos crimes de Lesa Humanidade: a súa non desexada participación en operativos militares levounos a ser, con todo, colaboradores incómodos en asaltos a vivendas, detencións ilegais, desaparicións forzosas, roubos de nenos, torturas e asasinatos. A planificación e execución dos masacres por parte de diferentes destacamentos militares e policiais contou tamén coa inconsciente e aterrorizada presenza dos colimbas.
Pasados tres anos do golpe militar, en 1979, un xornalista preguntou ao tenente xeneral Jorge Rafael Videla – artífice do golpe de Estado xunto a Emilio Eduardo Massera e Orlando Ramón Agosti –, entón presidente da Arxentina, sobre “o problema dos desaparecidos”. O ditador respondeu: “É unha incógnita, é un desaparecido. Non ten entidade, non está”. E rematou: “Nin morto nin vivo, está desaparecido”. O cálculo máis optimista fala de 30.000 incógnitas, 30.000 persoas que non están nin mortas nin vivas, senón “soamente” desaparecidas.
Hoxe, o Museo Sitio de Memoria ESMA acolle, ademais do propio museo, a Secretaría de Dereitos Humanos da Arxentina e a sede de Aboas e Nais de Praza de Maio. Malia as tentativas da estrema dereita arxentina por desvirtuar o sitio, cualificándoo de “lugar de desmemoria”, a Unesco acaba de declarar as instalacións como símbolo do consenso contra a ditadura e, sobre todo, Patrimonio Cultural e Natural Mundial
Para levar a cabo con éxito os operativos que culminarían nos asasinatos e as desaparicións era preciso contar cunha infraestrutura material e humana. Así, a ditadura puxo en funcionamento preto de 700 centros clandestinos de detención, tortura e execución. Un deles, talvez o máis coñecido, é unha antiga instalación militar que ocupa 17 hectáreas preto da Avenida do Libertador, en Bos Aires: a Escola de Mecánica da Armada. Se hai na Arxentina un lugar que simbolice o terrorismo de Estado ocorrido entre 1976 e 1983, ese sen dúbida é a ESMA. Hoxe, o Museo Sitio de Memoria ESMA acolle, ademais do propio museo, a Secretaría de Dereitos Humanos da Arxentina e a sede de Aboas e Nais de Praza de Maio. Malia as tentativas da estrema dereita arxentina por desvirtuar o sitio, cualificándoo de “lugar de desmemoria”, a Unesco acaba de declarar as instalacións como símbolo do consenso contra a ditadura e, sobre todo, Patrimonio Cultural e Natural Mundial. Toda unha vitoria.
As razóns deste avance innegábel pola memoria e a xustiza, así como nas condenas xudiciais a desatacados represores, son múltiples e variadas. E algunha delas está moi ligada aos antigos colimbas dos que falabamos con anterioridade. Así, unha campaña iniciada en 2010 animaba aos vellos soldados que realizaron a prestación militar obrigatoria a declarar sobre as súas vivencias nos anos da ditadura. O convite para narrar aqueles horrendos feitos represivos tivo como lema “O servizo miliar xa non é unha obriga; o silencio tampouco”. Os responsábeis da campaña entenderon axiña que se atopaban ante unha fonte de información extraordinaria. Pouco a pouco, os antigos soldados comezaron a falar e o relato resultou estarrecedor. Foron moi poucos os declarantes, apenas un 10%, pero os progresos acadados foron fundamentais para conquistar os obxectivos de verdade, xustiza e reparación marcados desde a fin da ditadura.
O convite para narrar aqueles horrendos feitos represivos tivo como lema “O servizo miliar xa non é unha obriga; o silencio tampouco”. Os responsábeis da campaña entenderon axiña que se atopaban ante unha fonte de información extraordinaria
Un dos primeiros casos destapados polos colimbas está relacionado co asalto a un fogar de militantes montoneros. Aquel 3 de setembro de 1976 un grupo de militares asasinou aos pais e dous irmáns dunha bebé de seis meses que foi raptada e aínda hoxe está sendo buscada por toda a Arxentina. Por outro lado, sen as declaracións dos ex colimbas, as investigacións sobre a causa dos avións da morte de Campo de Maio nunca houberan prosperado. Aqueles voos clandestinos planificados e executados polo Exército remataron, o pasado ano, na condena de catro altos xefes militares do Batallón de Aviación 101.
Outro xuízo soado foi o que levou ao cárcere a membros do Rexemento de Mercedes, condenados por montar un xigantesco operativo represivo nunha casa da barriada bonaerense de San Andrés que funcionaba como imprenta clandestina do Partido Revolucionario dos Traballadores-Exército Revolucionario do Pobo (PRT-ERP), unha guerrilla de ideoloxía trotskista. O relato pormenorizado dos colimbas tamén foi a base para detallar a planificación e participación de militares e policías no masacre da quinta A Pastoril, onde oito militantes de esquerda desapareceron e outros sete foron asasinados.
Os antigos colimbas seguen convidando aos seus compañeiros para que falen e expresen aquilo que “viron, escoitaron ou uliron” mentres estaban baixo as ordes dos mandos. Todo un exercicio de memoria e de xustiza
A cúpula militar arxentina foi condenada en diferentes xuízos e indultada en 1985 baixo o pretexto da “pacificación nacional”. Con todo, desde 2003 as leis de punto final foron declaradas nulas e as investigacións e os xuízos aos represores da ditadura foron reabertos. Ata hoxe, case 1.200 criminais foron condenados e, na actualidade, quince casos fican abertos.
O exemplo de Jorge Rafael Videla resulta esclarecedor: acusado de crimes horrendos (secuestros, homicidios, torturas e roubos), en 1985 foi condenado no xuízo ás Xuntas Militares á pena de reclusión perpetua e indultado en 1990 polo presidente Carlos Menem. Detido novamente anos despois, Videla ingresou no cárcere de Marcos Paz, onde faleceu nunha cela en maio de 2013.
Os antigos colimbas seguen convidando aos seus compañeiros para que falen e expresen aquilo que “viron, escoitaron ou uliron” mentres estaban baixo as ordes dos mandos. Todo un exercicio de memoria e de xustiza.