Xa sei que é unha obviedade empregar o título do famoso filme de Woody Allen para resumir a recente historia das extintas caixas de aforro galegas. Si é obvio, máis por obvio que resulte nada expresa mellor tal despropósito que enriqueceu a uns poucos, estafou a moitas persoas e deixou a este país sen o seu sistema financeiro.
Agora unha sentenza semella facer xustiza ao ditar prisión para aqueles que foron todopoderosos noutro tempo. Condecorados por economistas e políticos, gabados e temidos por gobernos elixidos democraticamente son a expresión dunha época onde conviviron o peor do elitismo caciquil financeiro cos estertores daqueles mozos sobradamente preparados dos anos noventa. Todos tan listos… e cos traxes tan ben pranchados e as gravatas perfectas que non podían prexasiar nada bo. Tan listos que fundiron un sistema financeiro completo, se indemnizaron a si mesmos de xeito millonario e estafaron as e os pequenos/as aforradores no timo das preferentes e outros produtos tóxicos.
No entanto, manteño a palabra “semella” porque o certo é que por exemplarizante que se queiran vender a entrada en prisión dalgúns dos antigos xestores das caixas, ao sair terán os cartos agardándoos como noutrora fixeron os foraxidos do lonxano oeste ou os piratas do Caribe. Asemade non deixo de matinar en todos os que hoxe están fora dos focos repletos de cartos ou tranquilos nos seus postos sen ter asumido ningunha responsabilidade política ou social. Só dous exemplos, José Luís Méndez até o de agora só perdeu o título de fillo predilecto da Coruña ou Núñez Feijóo que xa ninguén lembra que era Presidente de Galiza e do PP durante todo proceso de fusión e venda das antigas caixas. Incluso, creo ter visto fotos de Feijóo brindando con cava en Monte Pío con algún dos que hoxe están no cárcere.
Nn deixo de matinar en todos os que hoxe están fora dos focos repletos de cartos ou tranquilos nos seus postos sen ter asumido ningunha responsabilidade política ou social. Só dous exemplos: José Luis Méndez e Núñez Feijóo
Falo en termos de crenza e non de certezas firmes porque todo o que rodea as caixas móvese máis no ámbito do exotérico que dos datos empíricos sobre os que extraer conclusións fiábeis. Así, de non ser por ter participado na Comisión parlamentar de investigación sobre a desaparición das caixas dubidaría incluso da súa existencia. Comisión que logo de noventa horas de comparecencias e miles de folios de documentación o PP decidiu crionizar para que nunca elaborara un ditame e así evitar envialo á Fiscalía e…nada… non pasou absolutamente nada. Así pasados varios anos, o que poderíamos tildar como grande fraude democrático, nin tan sequera atopa unha triste liña de lembranza na prensa galega. Unha Comisión convertida no inicio do verán do 2013 nunha especie de teatro mediático no que Feijóo perseguía lavar a súa imaxe política, coa habilidade que o caracteriza, para poñer distancia coa perda do sistema financeiro galego. E todo o que isto significa en termos de promoción industrial e económica.
Así, pasados os anos, a día de hoxe aínda non sabemos se fallaron os mecanismos de control, vésaxe o Banco de España, ou estes estaban ao servizo de eliminar as Caixas de aforros como demandaba o selecto club da banca privada europea. Non sabemos se toda a normativa impulsada a raíz dos acordos de Basilea polos gobernos de Zapatero e Rajoy pretendía axudar a resolver o problema da solvencia das caixas ou acrecentalo para poder vendelas despois. Como de feito se fixo, logo de sanealas con cartos públicos. Eses mesmos que se eliminaron dos orzamentos de sanidade, educación os servizos sociais porque viviamos por riba das nosas posibilidades. Non sabemos como as Caixas galegas dispoñendo dunha cantidade inxente de depósitos, máis do 50% dos aforros dos galegos e galegas, chegarona unha situación ao borde da intervención logo de acometer operacións de delirio expansivo con ruinosas apostas inmobiliarias como a de Seseña. Non sabemos se as carísimas Auditorías de cunsultoras que acaban contratando aos políticos que non entran nas compañías electricas só responden ao antigo dito de “quen paga manda” ou teñen algún valor fundado no rigor contábel. Non sabemos con exactitude que foi da Obra social e cultural das caixas.
Foi un espolio as persoas e un espolio a nosa nación, seguramente o maior nos últimos séculos. Mais como cada vez temos máis turismo e chove menos podemos estar en paz
Por último, non sabemos se todo foi unha montaxe para ser fieis ao dogma neoliberal de “salvar sempre primeiro ao sistema financeiro a costa das persoas”. Lonxe fica a tese de Marx segundo a cal o valor reside na forza de traballo para imporse o capitalismo financeiro que fuxe de tal interpretación e vive na ensoñación da creación de riqueza sen traballo. A privatización das Caixas é un episodio máis. Episodio que no estado español implicou o gasto de 200.000 millóns de euros públicos desde o 2009. En Galiza foron 9.000 millóns, isto é menos do 5%, por se alguén aínda nos vende algún favor. Por certo, NGB foi vendida logo a prezo de saldo para xa ter agora grandes beneficios. Feijóo tiña moi claro que non podía ser convertida nunha Banca pública galega, chegados a este punto o público só está para rescatar as perdas do privado.
A entoación do réquiem polas nosas Caixas ten dous matices, foi un espolio as persoas e un espolio a nosa nación, seguramente o maior nos últimos séculos. Mais como cada vez temos máis turismo e chove menos podemos estar en paz ao saldar con dous anos de cárcere un dos episodios máis brutais do capitalismo financieiro que esmaga persoas e pobos.