O histórico anuncio por parte do goberno colombiano e a guerrilla das FARC de acordar a partir deste 23 de xuño un “cese ao fogo e de hostilidades bilateral e definitivo”, implica observar o final do conflito armado mais prolongado do hemisferio occidental, con mais de cinco décadas de confrontación. Con todo, este contexto ven precedido pola conxunción e confluencia de múltiples intereses hemisféricos por parte de diversos actores involucrados, gravitando dentro da dinámica das novas relacións establecidas entre Washington e América Latina que se albiscan na etapa post-Obama. Neste escenario cobra un peso específico a diplomacia cubana como epicentro desde 2012 das conversacións de paz colombianas, un factor que ven enmarcado polas expectativas estratéxicas contidas na apertura con EEUU e, colateralmente, coa evolución que a nivel internacional está adquirindo a necesidade de resolución da interminable crise venezolana.
A importancia do evento evidenciouse coa presenza de mandatarios internacionais na Habana, acollidos polo anfitrión, o presidente cubano Raúl Castro. No asinamento do cese ao fogo na capital cubana estiveron presentes obviamente o presidente colombiano Juan Manuel Santos e o actual líder das FARC, o comandante “Timochenko”. Pola súa banda, a presenza do secretario de Estado estadounidense John Kerry, do secretario xeral da ONU, Ban Ki Moon e dos presidentes de Venezuela e Chile, Nicolás Maduro e Michelle Bachelet, estes últimos como os máximo representantes dos países garantes do proceso de paz, deben necesariamente explicarse como un fait accompli da nova etapa que xurde nas relacións hemisféricas post-Obama.
A presenza de Maduro é significativa precisamente polos avatares dunha crise venezolana que estaba sendo simultaneamente discutida no marco da Asemblea Xeral da OEA en República Dominicana prevista o mesmo día da firma do cese ao fogo colombiano na Habana.
Nun momento en que a oposición venezolana avanza na consecución das firmas necesarias para solicitar o referendo revogatorio contra o mandato de Maduro, un día antes do histórico acontecemento na Habana, o presidente venezolano recibiu en Caracas a Thomas Shannon, subsecretario de Estado para Asuntos Políticos do goberno de Obama, no que debe interpretarse como a vontade de Caracas e Washington por concluír, cando menos momentaneamente, a crispación nas relacións bilaterais rexistradas desde 2010, coas respectivas retiradas de embaixadores.
Por tanto, a diminución da tensión con Venezuela, toda vez a súa crise logre canalizarse por mecanismos de diálogo e consenso dentro dos organismos hemisféricos, é un factor cada vez mais imprescindible para Washington, metabolizado no proceso aperturista coa Habana que tense agora fortalecido pola histórica pacificación colombiana.
Paralelamente, nesta delegación internacional tamén foron convidados o presidente dominicano Danilo Medina, en calidade de presidente da CELAC, así como o seu homólogo da República do Salvador, Salvador Sánchez Cerén, país que como Colombia viviu as penurias do conflito armado na década de 1980, na que o propio Sánchez Cerén foi testemuña a través da súa militancia na anterior guerrilla da FMLN, hoxe partido gobernante. Precisamente, a transición post-conflito salvadoreña ten rexistrado a súa particular influencia na prosecución dos camiños da pacificación en Colombia.
En perspectiva simbólica de calado histórico, a presenza salvadoreña na firma do cese ao fogo do conflito colombiano na Habana supón para Cuba e EUA un aspecto de peso estratéxico, que fortalece as perspectivas do novo momento polo que están transitando as relacións hemisféricas. Con isto, péchase un capítulo tráxico da historia contemporánea latinoamericana, como foi a guerra civil salvadoreña (1979-1992), enmarcada na confrontación da “guerra fría” a nivel hemisférico e que contou con implicación directa por parte cubana e estadounidense.
A comitiva internacional presente na Habana completouse cos actores garantes do proceso de paz colombiano, sendo estes o ministro de Exteriores de Noruega, Borge Brende, o delegado especial estadounidense par ao proceso de paz, Bernie Aronson, e o seu homólogo da Unión Europea, Eamon Gilmore.
Debuxando o “día despois”
Para Colombia, o momento que se abre tralos acordos da Habana supón un aspecto decisivo para cimentar o espiñento camiño da reconciliación e da paz. O compromiso de cese ao fogo definitivo por parte de Santos e “Timochenko” permite avanzar no terceiro punto da axenda do proceso de paz iniciada en 2012, na que se inclúen igualmente o desarme e o acordo de garantías de seguridade.
Neste derradeiro apartado debe tomarse con especial atención o aspecto subscrito neste comunicado sobre “a loita contra as organizacións criminais responsables de homicidios e masacres”, así como aquelas que “atenten contra os defensores dos dereitos humanos, movementos sociais ou políticos, incluíndo ás organizacións criminais consideradas como sucesores do paramilitarismo e das súas redes de apoio, e a persecución das condutas criminais que ameacen coa aplicación destes acordos e da construción da paz”.
Resta por tanto observar cómo transitarán as negociacións en materias chave como a xustiza de paz, particularmente no relativo aos crimes cometidos polos actores involucrados (Forzas Armadas, guerrillas, paramilitares, carteis do narcotráfico, etc) e o inevitable e non menos complexo proceso “post-conflito” de reinserción civil e incluso política dunhas organizacións guerrilleiras que deixan as armas para transitar na política do novo escenario colombiano.
Outro aspecto, mais concernente ao presidente Santos, terá que ver coas consecuencias que en materia política e comunicativa se abren para o seu goberno ante a inevitable reacción dunha opinión pública colombiana receosa ante diversos aspectos deste acordo. Particularmente importante será a reacción de líderes políticos como o ex presidente Álvaro Uribe Vélez, que mantén unha posición recalcitrante e intolerante con calquera tipo de acordo coas FARC e que poden complicar o necesario consenso público que necesita Colombia para transitar por esta nova etapa.
Mais de cinco décadas de conflito deixaron un desolador panorama de 200.000 mortos, 45.000 desaparecidos e mais de seis millóns de desprazados que fan de Colombia un dos países a nivel mundial con maior número de desprazados internos. Todo isto sen menoscabar as secuelas morais e psicolóxicas que ten deixado este lonxevo conflito armado, principalmente nas rexións do rural colombiano, metabolizado polos avatares do narcotráfico nun país que nos derradeiros anos ven rexistrando salientables melloras económicas que deben ampliadas de cara a maiores conquistas sociais.
A ansiada noticia que durante décadas agardaron os colombianos está inevitablemente circunscrita a unha dinámica de intereses e relacións que van, ida e volta e incluso colateralmente, entre Washington, Bogotá e A Habana. E que só sexa un feito casual que o mesmo día que se anunciaba o cese ao fogo bilateral e definitivo, a selección colombiana de fútbol quedara eliminada en semifinais da Copa América Centenario que actualmente se celebra en EUA.