Os focos estarán claramente fixados nos apoios definitivos por parte do terceiro en liza, Sergio Fajardo (23,73%) cuxos votos rivalizan claramente con Petro no cometido de mobilizar o voto das esquerdas e do centrismo
Os resultados da primeira rolda das eleccións presidenciais en Colombia dan a entender o difícil e labiríntico camiño do proceso de paz acadado en 2016 e as controversias suscitadas dentro da sociedade colombiana sobre a súa fraxilidade, o cal implica observar con incerteza o avance deste proceso. A vitoria de Iván Duque (39,14% dos votos), crítico frontal deste acordo, por riba de Gustavo Petro (25,08%), principal defensor do mesmo, anuncia unha segunda volta electoral, prevista para o próximo 17 de xuño, no que o proceso de paz servirá de termómetro político para dirimir quen será o substituto do actual presidente Juan Manuel Santos, principal impulsor deste acordo de paz. Un aspecto, a paz, da que non está desvinculada a crítica situación na veciña Venezuela, con especial incidencia no escenario colombiano pola presenza dun éxodo masivo de venezolanos e pola pretendida simpatía manifestada con anterioridade por parte de Petro co “chavismo”.
De cara á segunda volta, a chave estará nas respectivas negociacións das alianzas entre Duque e Petro. Así, os focos estarán claramente fixados nos apoios definitivos por parte do terceiro en liza, Sergio Fajardo (23,73%) cuxos votos rivalizan claramente con Petro no cometido de mobilizar o voto das esquerdas e do centrismo. Con menor pero non menos relevante impacto están os votos de Germán Vargas Lleras (7,28%) e Humberto de la Calle (2,08%).
A participación electoral (53,31%) nun padrón de mais de 36 millóns de votantes rexistrados, a mais elevada desde 1998, da conta igualmente da contrastada polarización latente na sociedade colombiana de cara os seus representantes políticos, así como un nivel de frustración a ser tomado en conta. Por tanto, e a falta de agardar cal será o nivel de participación electoral de cara á segunda rolda, o próximo presidente colombiano gobernará nun contexto determinado pola inexistencia de grandes maiorías.
A nivel de votos rexionais, a vitoria de Duque é incontestable: obtivo a maioría en 23 dos 33 departamentos a nivel nacional, por só catro (4) de Petro, establecidos estes principalmente na fronteira con Ecuador.
A paz ante o final da política tradicional
Unha lectura nestes comicios ten que ver co ascenso de partidos e movementos alternativos moi ligados aos seus respectivos líderes e candidatos, destronando así a preponderancia da política tradicional vinculada aos partidos históricos colombianos, os partidos Conservador e Liberal
Unha lectura de importancia nestes comicios ten que ver co ascenso de partidos e movementos alternativos moi ligados aos seus respectivos líderes e candidatos, destronando así a preponderancia da política tradicional vinculada aos partidos históricos colombianos, neste caso os partidos Conservador e Liberal.
A excepción dos liberais, que presentaron a Humberto de la Calle como candidato, os partidos que historicamente representaron o tradicional bipartidismo colombiano entre liberais e conservadores víronse claramente superados por candidaturas alternativas de novos partidos e movementos.
Neste sentido, as eleccións 2018 anuncian unha recomposición histórica do campo político colombiano, un aspecto que xa viña anunciándose desde 2002 coa vitoria de Álvaro Uribe Vélez. Neste sentido, Duque (Partido Centro Democrático), Petro (Coalición Petro Presidente), Fajardo (Coalición Colombia) e Vargas Lleras (Coalición Mejor Vargas Lleras), os que acadaron a maioría do sufraxio, concentraron en total 18.418.493 votos (93% dos votos), dos 19.636.714 de votantes que finalmente decidiron acudir ás urnas electorais.
Os case tres millóns de votos de diferenza de Duque (7.596.893) por riba de Petro (4.851.124) evidencian a polarización existente na sociedade colombiana tanto de cara a un acordo de paz transfigurado trala súa derrota no referendo de outubro de 2016, así como da posibilidade de que un candidato esquerdista como Petro chegue ao Palacio de Nariño para converterse no substituto de Santos, principal impulsor do acordo de paz coa guerrilla das FARC. Un dato que non deixa de seren relevante é que Petro obtivo a maior votación histórica para a esquerda colombiana (25,08%), converténdose así no primeiro candidato de esquerda que pasa a unha segunda volta en Colombia.
Petro obtivo a maior votación histórica para a esquerda colombiana (25,08%), converténdose así no primeiro candidato de esquerda que pasa a unha segunda volta en Colombia
Paralelamente, a opción Duque, directamente ligada ao do ex presidente Álvaro Uribe Vélez, visiblemente o principal detractor do acordo de paz de Santos, confirma a fortaleza do “uribismo” como o principal expoñente da dereita en Colombia, desbancado así a outrora hexemonía dun partido Conservador en horas baixas. Paralelamente, o triunfo de Duque confirma a histórica hexemonía da dereita na sociedade colombiana.
As posicións de Duque e Petro co respecto ao Acordo de Paz de 2016 están claramente marcadas. Amparado no “uribismo”, Duque defende a seguridade por riba do proceso, unha paz sen concesións nin impunidade. Toda vez, Petro pretende ampliar o alcance da mesma, aspecto que reforza esta forte polarización que, polo momento, outórgalle vantaxe a Duque.
En febreiro pasado, a Comisión de Verificación dos Dereitos Humanos en Colombia informou que o acordo de paz entre o goberno de Santos e as FARC só está cumpríndose nun 18,4% do acordado en setembro de 2016, cando o mesmo foi asinado. A opción Duque mobiliza por tanto ese amplo sector da sociedade colombiana que observa con desconfianza un acordo de paz que terá a súa fase vital na próxima presidencia, toda vez comecen a verificarse o desarme e a desmobilización e a necesaria reconciliación.
As posicións de Duque e Petro co respecto ao Acordo de Paz de 2016 están claramente marcadas
Con Duque e Petro dominando a nova representatividade entre a dereita e a esquerda colombianas e as posicións encontradas en torno ao proceso de paz, a segunda volta anuncia recomposicións políticas importantes. Neste sentido, coñecer a quen apoiará a centroesquerda de Fajardo será a chave principal que defina cal candidato, Duque ou Petro, finalmente chegará á Casa de Nariño.
Outro dato de importancia ten que ver coa presenza de dúas mulleres como acompañantes das respectivas fórmulas electorais de Duque e Petro. Isto anuncia un feito histórico na política colombiana: que a próxima vicepresidencia da República estará en mans dunha muller, neste caso a definir entre Marta Lucía Ramírez (con Duque) ou Ángela María Robledo (con Petro)
O efecto Venezuela
Se o acordo de paz supón o tema estratéxico que dominou estes comicios, a crise venezolana é claramente o segundo aspecto de relevancia, e que terá unha maior incidencia e impacto de cara á segunda volta electoral.
A razón pode explicarse a que Colombia é o país que acolle o maior número do imparable éxodo venezolano dos últimos dous anos. Toda vez, Venezuela xa forma parte ineludible dentro da axenda política colombiana, en particular ante os notorios contactos do “chavismo” con sectores de esquerda colombianos así como as propias FARC, e do “uribismo” con sectores opositores venezolanos.
Por tanto, neste aspecto, as posicións está moi encontradas entre Duque e Petro, aínda que este último matizara recentemente os seus apoios de antano ao “chavismo”. A controvertida reelección presidencial de Nicolás Maduro a semana pasada en Venezuela tivo unha repercusión inmediata na veciña Colombia de cara a estes comicios presidenciais. Neste sentido, tentando probablemente de minar potenciais votantes para Duque a acadar votos centristas, Petro marcou un claro distanciamento co respecto a Maduro e o “chavismo”, criticando este modelo principalmente na súa vertente económica.
Petro marcou un claro distanciamento co respecto a Maduro e o “chavismo”, criticando este modelo principalmente na súa vertente económica
Estímase que en Colombia viven uns 800.000 venezolanos, algúns deles en forma ilegal. Practicamente a diario, o éxodo de venezolanos cruzando a fronteira colombiana para buscar alimentos e produtos de primeira necesidade ten recreado situacións de emerxencia humanitaria que inflúen nas con frecuencia difíciles relacións bilaterais entre Bogotá e Caracas.
No foco deste asunto está a discusión sobre a natureza do modelo venezolano e as súas implicacións de cara ao contexto electoral colombiano. E como no acordo de paz, as posicións entre Duque e Petro incrementan esta polarización, aínda que o propio Petro manifestara recentemente un notable distanciamento cara o “chavismo”.
Por outra banda, o declarado apoio das FARC (novembro de 2017) á revolución bolivariana e ao presidente Maduro é un factor que gravita sensiblemente nas opcións que poda ter Petro na segunda volta electoral. Isto ten que ver coa retirada da candidatura das FARC liderada por Timoshenko en marzo pasado, aspecto que implicou un traslado de votantes favorable a Petro.
Diversos sectores da opinión pública colombiana e a nivel hemisférico atizan constantemente coa perspectiva de que, con Petro na presidencia, Colombia eventualmente proseguirá o camiño de Venezuela instaurado dende a chegada do “chavismo” ao poder en 1999. Paralelamente, Maduro aposta porque un eventual triunfo de Petro permita abrir unha fenda aperturista no seu marcado illamento internacional. Polo contrario, con Duque na presidencia, se reforzarán aínda mais os lazos de Bogotá con Washington, con influencia directa no illamento de Maduro.
Con todo, non é exactamente factible, por non dicir improbable, que Petro eventualmente reproduza en Colombia un modelo similar ao venezolano. A hexemonía política da dereita, neste caso con Duque e o “uribismo” controlando a maioría do Congreso tralas eleccións lexislativas de febreiro pasado, e os contrapesos institucionais que tradicionalmente definen a política colombiana, determinarán en gran medida as decisións políticas de Petro co respecto a Venezuela, e que xa se están observando nas súas recentes declaracións de distanciamento co respecto ao “chavismo”.
Duque e Petro intensificarán a polarización política instalada nos derradeiros tempos na sociedade colombiana
Calculando todas estas opcións de cara a segunda volta, Duque e Petro intensificarán a polarización política instalada nos derradeiros tempos na sociedade colombiana, e que definirá unha próxima presidencia politicamente atada e dependente destes acordos postelectorais. Unha próxima presidencia na que o proceso de paz e a situación de Venezuela serán temas vitais e ineludibles, con enfoques igualmente polarizados e incluso matizados por parte dos candidatos electorais para a segunda rolda.
Publicidade