Comentarios sobre a vitoria de Cameron no Reino Unido

O pasado xoves 7 de maio tiveron lugar as eleccións lexislativas ao Parlamento Británico. En contra do prognosticado polas enquisas, que auguraban un empate entre os laboristas e os conservadores, a vitoria foi finalmente para estes últimos, acadando unha maioría absoluta de 331 escanos dos 650 que compoñen a Cámara dos Comúns en Westminster e dándolle un éxito inesperado ao Primeiro Ministro en exercicio David Cameron.

Os outros triunfadores da noite foron os nacionalistas escoceses do SNP, que acadaron 56 dos 59 escanos que se repartían na súa circunscrición electoral, confirmando neste caso o previsto polas sondaxes.

A outra cara da moeda foi para os laboristas, que perderon 26 deputados, e para os liberal-demócratas, que viñan de gobernar en coalición cos conservadores e que foron os que recibiron o voto de castigo pola súa acción de goberno, pois pasaron de 57 a só 8 representantes en Westminster.

Por último, os antieuropeos do UKIP, que foran a primeira forza nas eleccións europeas de maio do 2014, quedaron con 13% dos votos e tan só un escano, que non foi tampouco para o seu líder, Nigel Farage.

Cómpre salientar que o sistema electoral británico non é coma o español ou o francés, pois elixe a un deputado en cada circunscrición, e o candidato que leva máis votos, aínda que sexa un máis có segundo, queda co escano, namentres que os sufraxios dos outros candidatos pérdense.

Destes resultados pódense tirar varias conclusións:

  • As enquisas erraron estrepitosamente, pois prevían un empate técnico entre os 2 grandes partidos. Só atinaron co SNP. (Tamén se pode argumentar que a previsión dun resultado axustado animou ós votantes conservadores a mantérense fieis ó seu partido e apelou ó suposto voto útil)
  • A acción do goberno bipartito, cos seus recortes, subas de taxas universitarias, etc, só penalizou ó socio menor (os liberal-demócratas), efecto que sucede a cotío nos gobernos de coalición.
  • David Cameron converteu en baza electoral os bos datos macroeconómicos que está tendo actualmente o Reino Unido, cousa que tamén pretende acadar en España Mariano Rajoy, coa diferenza de que os británicos teñen unha taxa de desemprego inferior ao 6% e un PIB medrando por riba do 2%.
  • Produciuse a consolidación do SNP coma o partido de referencia en Escocia, con máis do 50% dos votos e máis do 90% dos escanos, e tamén se consolidou Nicola Sturgeon como líder do partido trala dimisión de Alex Salmond coma xefe histórico do partido. Existían dúbidas de como lle afectaría ao nacionalismo escocés a vitoria do NON no referendo de setembro do 2014, pero conseguiron mellorala súa implantación e substituír aos laboristas (que levaban 30 anos sendo maioritarios) como o partido que mellor representa os intereses territoriais e sociais da Escocia.
  • O líder laborista, Ed Milliban, cuestionado sobre o seu liderado no partido, confirmou que non era o candidato axeitado, e máis xogando coa vantaxe do desgaste das medidas impopulares que tomaron os 2 partidos gobernantes, o que na teoría o deixaba nunha mellor posición de saída
  • Cameron, presionado polo UKIP,  prometera convocar un referéndum para saír da UE no 2017, fenómeno xa alcumado como “Brexit” (Britain+exit). O feito de acadala maioría absoluta vaino forzar a ter que cumprila súa promesa, cuestión que o vai deixar nunha incómoda posición nas reunións cos seus colegas europeos. Por outra banda isto tamén pode axitar de novo o proceso independentista na Escocia,  pois paradoxalmente o SNP está a prol da pertenza á UE e atoparía neste asunto un novo argumento para separarse do Reino Unido.
  • O éxito inesperado do Partido Conservador, responsable da vaga de recortes e políticas de austeridade, vaise converter nun referente para outros partidos gobernantes en Europa, nomeadamente os conservadores en Portugal e España, que van afrontar procesos electorais este ano.
  • Haberá que ver como reacciona o núcleo duro da UE ante a onda de antieuropeísmo que se agarda por parte do partido de Cameron unha vez referendado masivamente polas urnas.
  • O sistema electoral británico é moi pouco proporcional, pois permite que o UKIP teña máis de 3 millóns de votos pero só 1 deputado (infra-representado) ou que o SNP, con pouco máis do 50 % dos votos en Escocia se faga con máis do 90% dos escanos (sobre-representado).
  • A cultura política do Reino Unido fai que cando un candidato é claramente derrotado demite automaticamente, como aconteceu cos líderes laborista (Milliban) e liberal demócrata (Clegg). Noutras latitudes teñen que vir tsunamis para ver dimitir a un político.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.