Dende cativos, todos consumimos fast fashion ou moda rápida, e a pesar de levar usándoa dende sempre, ignoramos o seu impacto tanto a niveis medio ambientais coma socioeconómicos, obviamos e normalizamos datos da ONU coma que esta representa a segunda industria máis contaminante ou a explotación laboral que supón principalmente a mulleres e nenos en países subdesenvolvidos.
Climaticamente, esta é responsable do 20% das augas residuais e do 10% das emisións de carbono a nivel global, tendo en conta os prognósticos ambientais que todos coñecemos, podemos ver que non é unha opción coherente seguir con este estilo de compra.
Ademais, non é só o prexudicial que é ambientalmente senón tamén o ritmo de consumo que levamos, desde o ano 2000 ata o 2014 aumentou un 60% o noso consumo téxtil, agora é moito máis alcanzable comprar e reflíctese nuns datos que pouco axudan ao movemento ecoloxista.
Afortunadamente, existen solucións para o problema. A primeira, ser conscientes do que compramos e da súa cantidade. Realmente necesitas 3 pantalóns vaqueiros iguais ou varias camisetas do mesmo estilo? Aplícache a primeira das 3 R e reduce.
Seguindo cos 3 alicerces do ecoloxismo falamos de reutilizar e de reciclar, comprar roupa de segunda man ou intercambiala con amigos é unha forma de renovar o teu armario sen contribuír máis á pegada ecolóxica. En canto a reciclar, non apures tanto a tirar a túa roupa, se é por desencanto, lévaa a unha institución benéfica que lle de unha segunda vida xunto aos máis necesitados, e se é por defectuosa, proba a arranxala ou a levala a unha costurería antes de tirala.
O outro gran problema deste tipo de moda como menciono no primeiro parágrafo son as condicións laborais dos traballadores e o perfil destes, se te fixas na etiqueta dunha peza de moda rápida, o país onde se fabrica seguramente vulnere dereitos humanos constantemente, teña un salario mínimo ridículo no caso de telo, faga recortes en seguridade para abaratar a produción e mire cara a outro lado á hora de perseguir a explotación infantil.
Un claro exemplo do perfil habitual destas fábricas é o que se nos presenta no documental The True Cost, onde Shima, unha nena de 12 anos entra a traballar nunha das numerosas fábricas de moda rápida en Bangladesh. Esta, participa na creación dun sindicato para reclamar parte dos numerosos dereitos laborais dos que é privada ao que lle responden na fábrica a base de golpes.
A de Shima é tan só unha das miles de historias de pésimas condicións laborais dentro da industria da moda rápida, unha industria explotadora e despreocupada polo medio ambiente que debemos mudar cara ao xusto e sostible, a responsabilidade é de todos, actúa.