Como figurar entre os máis ricos do mundo

As noticias sobre a recuperación económica non resultaban en absoluto esaxeradas. Os trescentos multimillonarios da lista Forbes aumentaron a súa riqueza en máis de 380 mil millóns de euros durante o pasado ano. Mariano Rajoy sabe de que fala cando anuncia que 2014 resultará un ano mellor, non como todos eses economistas sabichóns que o ridiculizaron pero non se decatan. Dinnos que xa vemos a luz ao final de túnel. Pero ao parecer algúns xa levan tempo torrándose ao sol que máis quenta.

Non deixa de resultar sorprendente o moito que se parece o capitalismo moderno aos contos de fadas. As cousas pasan porque si, a xente é rica porque si.

Para explicar semellante milagre da multiplicación dos millóns e dos millonarios, a versión oficial remítese á Bolsa. Que á vista dos resultados, non é un mercado de valores senón o lugar onde os soños se fan realidade. Non deixa de resultar sorprendente o moito que se parece o capitalismo moderno aos contos de fadas. As cousas pasan porque si, a xente é rica porque si, outra é pobre porque si e ao final os ricos sempre son máis felices, casan uns cos outros e comen perdices.

Se cre que pode converterse en Carlos Slim ou Warren Buffet xogando á Bolsa, mellor invista na Bonoloto. Terá máis posibilidades. Se devece por entrar na lista dos millonarios, debe seguir o seu exemplo e mostrarse disposto a facer o que eles fan. Esas cousas que non se poden contar moito en público pero que realmente os enriquecen.

Se devece por entrar na lista dos millonarios, faga o que eles fan: o primeiro, pagar soldos cada vez máis baixos para manter a súa marxe de beneficio, como fai Amancio Ortega

O primeiro é pagar soldos cada vez máis baixos en contratos cada vez máis precarios para manter a súa marxe de beneficio pase o que pase, como fai Amancio Ortega. Se pode instalarse en países onde a seguridade ou os dereitos laborais resulten unha extravagancia, mellor. Seguramente Karl Marx se equivocaba na teoría da plusvalía e esa idea tan antiga de que o beneficio do capital sae de explotar ao proletariado, pero parece claro que os capitalistas seguen crendo firmemente que tiña razón: a plusvalía hai que arrincarlla ao traballador.

O segundo consiste en promover a bos amigos no poder que faciliten posicións dominantes nos mercados ou eliminen os competidores. Tamén resulta moi conveniente que os gobernos sempre se mostren dispostos a botar unha man cos orzamentos do Estado se as cousas se tuercen. Sempre axuda ter un goberno presto a avalar os negocios dun, por disparatados e imposibles que parezan. Os réximes corruptos adoitan ser malos para a democracia, pero en cambio ofrecen excelentes prestacións para os negocios. Que llo conten a Adelson, un dos millonarios que máis progresaron. Ou a China, o réxime comunista dos cen millonarios.

Os réximes corruptos adoitan ser malos para a democracia, pero en cambio ofrecen excelentes prestacións para os negocios

O terceiro e indispensable consiste en non pagar impostos, algo definitivamente moi propio de pobres. Durante os últimos vinte anos, as rebaixas fiscais concentráronse de maneira sistemática no 5% da poboación máis rica. Vostede ou eu pagamos cinco veces máis impostos que Amancio Ortega, Juan Roig ou Emilio Botín. Ninguén chega a moi rico pagando relixiosamente os impostos que debería. Finalmente, resulta máis que conveniente que o soldo dos directivos quintuplique o soldo dos seus traballadores. Se viron os Soprano, xa saben por que.

Vostede preguntarase como é posible que eles gañasen máis e vostede menos se hai tanta crise, todos temos que arrimar o ombreiro e nos repiten unha e outra vez que vivimos tempos de sacrificios. Cuestionarase se se trata dun erro, ou mesmo se será a primeira dunha serie de boas noticias que farán que tanta riqueza pingue cara abaixo e algo dos miles de millóns de Bezos, Manuel Jove ou Villar Mir caian sobre os demais. Pero non se confunda. Funciona así. Ese é o segredo. Para que eles se embolsen eses trescentos oitenta e pico mil millóns extra, vostede ten que gañar menos. A ver se o imos pillando.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.