Como lograr a igualdade dende as autonomías? Dereitos LGTBI, feminismo e Galicia

Manifestación do Orgullo LGTBI na Coruña, nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Galiza Contrainfo

Trala aprobación da lei trans o pasado ano e a sonada proposición de lei impulsada por Vox e admitida polo PP a trámite para abolir a lei trans madrileña, xurdiron tantas dúbidas como artigos para resolvelas sobre as competencias en materias de igualdade e dereitos LGTBI das autonomías. 

Trala aprobación da lei trans o pasado ano e a sonada proposición de lei impulsada por Vox e admitida polo PP a trámite para abolir a lei trans madrileña, xurdiron tantas dúbidas como artigos para resolvelas sobre as competencias en materias de igualdade e dereitos LGTBI das autonomías. Que significaba iso da lei trans de Madrid? O do feminismo e as trans non era cousa de Irene Montero? Eliminaba iso en Madrid os avances da lei trans estatal? O de Madrid explicouno, tan ben como sempre, Noemí López Trujillo en Newtral.

É preciso destacar que todas as leis, tanto autonómicas como estatais que concernen a estas materias sustentan aínda unha concepción binaria do xénero que non se corresponde coa realidade social nin coas reivindicacións dos colectivos LGTBIQ e as ramas non trans-excluíntes dos feminismos (en definitiva, os feminismos).

Aquí imos falar de Galicia: que leis temos? Que función cumplen? En que se diferencia doutras leis autonómicas ou da lei estatal?

Primeiro de nada, é preciso ter en conta que Galicia ten, como en tantos outros ámbitos, tamén no LGTBIQ características e necesidades propias, adaptadas á nosa realidade. O envellecemento da poboación, as diferencias entre as realidades queer urbanas e rurais- con iniciativas tan rompedoras como o Agro Cuir, sobre a que invito a indagar- ou a sucesión de gobernos conservadores na Xunta de Galicia durante a práctica totalidade da historia democrática do Estado son só algúns dos fenómenos que fan da comunidade LTBIQ do noso país unha comunidade con dinámicas, demandas e historia propias, se ben integradas en moitas ocasións co movemento LGTBIQ do Estado en tanto que comparten as máis basicas das reivindicacións. Reflexan as leis esta realidade?

A lexislación LGTBIQ galega

A primeira pregunta que hai que responder é que si, as comunidades teñen oportunidades e ferramentas para lexislar en materias de igualdade de xénero e LGTBIQ+

A primeira pregunta que hai que responder é que si, as comunidades teñen oportunidades e ferramentas para lexislar en materias de igualdade de xénero e LGTBIQ+. Por suposto, hai quen argumenta- con parte de razón- que isto pode xerar desigualdades entre as diferentes autonomías. Se ben isto pode levarnos máis a concluir que o Estado debe lexislar para garantir estos dereitos en todo o territorio que a pedir o fin das autonomías, que como xa dixemos pode ter diferentes demandas e necesidades que o goberno autonómico, polo de agora, non fixo moito en paliar.

As diferentes comunidades autónomas teñen diferente lexislación en materias de igualdade e dereitos LGTBIQ. Algunhas teñen lei trans e non LGTBI ou, como é o caso de Galicia, unha lei LGTBI, mais non unha lei trans. A resolución da lei pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galicia publícase no DOG o 14 de abril de 2014. A resolución da lei inclúe as razóns que as motivan, citando en primeiro lugar que o artigo 14 da Constitución, ese que di que todos somos iguais ante a lei, non cita a discriminación por orientación sexual, aínda que a xurisprudencia o inclúe na discriminación “ por cualquier otra condición o circunstancia personal o social”. Recollen, pois, que baixo a esixencia do Estatuto de Autonomía de Galicia a promover a igualdade entre os individuos, nace esta lei. Cítanse tamén numerosas declaracións internacionais sobre a materia. Se ben non debemos menospreciar a explicitación da orientación sexual e identidade de xénero como motivos de discriminación, porque ben sabemos aquilo de que verba volant, scripta manent, hai que aclarar que este é o punto principal da lei, que non supón avances moito maiores na materia. 

Agora imos ó que vos interesa: quen votou isto? A lei foi promovida polo PSdeG e aprobada cos votos do PP, PSdeG e BNG e abstención de AGE e o Grupo Mixto por non considerala suficientemente esixente. Antes de ser aprobada, a lei pasou por unha enmenda do partido de Núñez Feijoo, presidente naquel momento. Esta enmenda supuxo a transformación do nome da lei e o recorte dun par de artigos referentes á visibilización do coletivo, que sería un paso áis aló do recoñecemento; a eliminación das sancións por acoso que non infrixisen o código penal; ou a esixencia de criterios clínicos para as operacións de reasignación de xénero, é dicir a patoloxización das identidades trans, contra as declaracións da OMS citadas na propia lei que rexeitan o tratamento das identidades trans como unha enfermidade. Esta lei, nin ningunha outra, tipifica como delito as terapias de conversión. 

 

Que se pode facer dende as autonomías, logo?

A igualdade de xénero e os dereitos LGTBI non son un ámbito de actuación localizado, senón que deben abordarse de maneira transversal

A igualdade de xénero e os dereitos LGTBI non son un ámbito de actuación localizado, senón que deben abordarse de maneira transversal. Estamos acostumades a escoitar esta expresión, agora imos entender que significa. As comunidades autónomas poden lexislar ou instaurar medidas que promovan a igualdade e dereitos LGTBIQ dende as diferentes consellerías: sanidade, educación, traballo, asuntos sociais… Ou crear consellerías de igualdade, dedicadas a elaborar traballando da man doutras consellerías medidas para  promover estes valores e dar pasos para alcanzar a consecución dos dereitos que se reivindican. No caso galego non existe unha consellería específica de igualdade, senón que vai ligada á consellería de traballo  (Consellería de Emprego e Igualdade). 

A Consellería de Emprego e Igualdade sería a encargada actualmente das medidas para a igualdade. Os seus ámbitos de actuación poden consultarse na web, pero afórrovos a busca: emprendemento feminino, corresponsabilidade e conciliación, construíndo igualdade, contra a violencia de xénero, sensibilización social e boas prácticas. Non obstante, sabemos ben que non é o ámbito laboral o único no que se sufren violencias, aínda que as cifras de persoas que saen do armario neste entorno sexan escalofriantemente baixas (un 72% non o facían en 2020 segundo o Proyecto Europeo Avanzando en la gestión de la diversidad LGBT en el sector público y privado (ADIM)).

Outras consellerías inclúen medidas, máis ou menos eficaces ou acertadas, nesta dirección: a Consellería de Facenda e Administración pública, o pasado poutubro publicábase o Protocolo da Xunta de Galicia de actuación fronte ao acoso e as violencias sexuais e psicolóxicas no traballo; da Consellería de Política Social e Xuventude nacen os centros de servicio de atención á saúde sexual Quérote+, nos que se ofrecen servizos psicolóxicos, probas de VIH, embarazo e outras ITS, preservativos… 

Servizos públicos para persoas LGTBIQ: O cara a cara e o día a día

As leis semellan ás veces case fóra do noso alcance e é complicado sen os coñecementos nada accesibles para informarse saber de que maneiras son útiles para nós. Os servizos Quérote+ precisan dun momento de atención. Este é un servizo público e no que a asistencia é de balde e, non obstante, descubrín numerosas veces en conversas con amigues e, sobre todo, amigas, que non coñecían a súa existencia ou non pensaban que puidesen axudalas máis aló das probas de embarazo: dúbidas, apoio psicolóxico, información, etc. Aproveito para lanzar unha petición de maior incentivación e publicidade deste servizo.

Para un artigo sobre o VIH o pasado decembro intentei falar cunha das traballadoras do servizo, mais ten que facerse previa autorización da Xunta e nunca obtiven sequera unha resposta negativa ás miñas peticións- que foron numerosas. Tiven a sorte, iso si, de entrevistar para un traballo de clase a unha das súas traballadoras cando me atopaba na universidade e dende aquí, dou fe que persoas moi válidas e amables traballan no servizo, todas elas especializadas en asuntos relacionados coa sexualidade. A páxina web leva unha semana caída cando escribo isto. Con sorte, funciona cando se publique. Quérote+ elaborou ademais unha guía de fichas para desenvolver nos centros educativos, como parte do plan Proxecta+.

 

A Axenda 2030 e a Xunta de Galicia: O Plan Proxecta+

O Plan Proxecta+ xorde da Consellería de Cultura e Educación “dirixida a fomentar a innovación educativa nos centros a través de programas educativos que fomenten o traballo cooperativo, interdisciplinar e competencial pero que ademais estean comprometidos coa consecución dos obxectivos de desenvolvemento sostible da Axenda 2030"

O Plan Proxecta+ xorde da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades “en colaboración con diferentes organismos, dirixida a fomentar a innovación educativa nos centros a través de programas educativos que fomenten o traballo cooperativo, interdisciplinar e competencial pero que ademais estean comprometidos coa consecución dos obxectivos de desenvolvemento sostible da Axenda 2030.” A web prosigue enumerando os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible ós que están vencellados os programas do plan, a saber: “igualdade e educación afectivo-sexual, movilidade sostible, educación patrimonial, hábitos de vida saudables (alimentación e vida activa e deportiva), desenvolvemento sostible e concienciación medioambiental, ciudadanía mundial, etc.” Et cetera.

A ficha técnica enmarca o programa Quérote+ no ámbito da saúde, educación e igualdade (se ben non se aborda a educación sexual en ningún dos programas específicos de Proxecta+ que parten das consellerías de sanidade nin educación, a pesar de que é esta última a promotora do plan). Este programa pretende cumprir co terceiro, cuarto e quinto Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da Axenda 2030: saúde e benestar, educación de calidade e igualdade de xénero. Aínda que non conten con programas específicos, a Consellería de Sanidade ten na súa web, un artigo no que explican terminoloxía e describen o que se consideran violencias LGTBIfóbas. Non obstante, a saída do armario en consultas médicas é tamén pouco frecuente e as violencias máis sutís e simbólicas, difíciles de materializar nunha reclamación ou queixa formal. “Tras dicir que era lesbiana, o médico de cabeceira titubeou durante trinta incómodos segundos e proseguiu sen mirarme á cara o resto da consulta, que foi inusualmente curta”. De novo, moi doado de detectar para quen ten a alarma de seguirdade instaurada no cerebro dende que soubo quen era; difícil de demostrar ante quen non a ten e non pode comprender. 

Para enterarse dos diferentes recursos que unha ten ó alcance en materias de igualdade, existe un perfil da Xunta nas redes sociais, @igualdadegalicia, con información sobre os diferentes recursos e programas.

 

Que di o Observatorio LGTBIQ de Galicia?

Curiosamente, a busca do Observatorio Galego contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero só dá como resultado as noticias da súa conformación e dunha reunión coa Consellería de Emprego e Igualdade no ano 2021. Non obstante, tirando de novo de hemeroteca, o 22 de outubro de 2018 publicábase no DOG o decreto da súa regulación e creación dende a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. Non consta, non obstante, dunha páxina web que nos poda informar de maneira menos tediosa de en que consiste. A motivación da súa creación é “establecer un diálogo coas asociacións, organizacións e colectivos LGTBI que teñan un interese lexítimo na loita contra a discriminación por razón de orientación sexual ou identidade de xénero” e constituír un “foro de estudo e proposta” para a inclusión de todas as persoas “con independencia da súa identidade sexual ou de xénero ou da súa orientación sexual e que poida axudar no desenvolvemento das políticas públicas orientadas a garantir os dereitos das persoas LGTBI”. Imos ó allo: quen forma este observatorio? A Xunta, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), as tres universidades galegas, os sindicatos UXT, CCOO, CDIF e CIG e a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG). Como pouco, fainos levantar unha cella. E con motivo. A pesares da existencia deste observatorio, para recurrir a datos autonómicos sobre os delitos de odio e as agresións a persoas LGTBIQ en Galicia hai que acudir ós informes elaborados polo Observatorio Coruñés contra a LGTBIfobia, proxecto da asociación ALAS A Coruña.

Este proxecto cita como seus colaboradores ó concello da Coruña, a FELGTB, o Observatori contra l’homofobia, SOS Racismo Galicia, Observatorio madrileño contra la homofobia, transfobia, bifobia e o Observatorio del Campo de Gibraltar contra Delitos LGTBIfóbicos. Se ben xurdiu como iniciativa para a cidade en 2017, inspirado nos doutras comunidades como Cataluña e Madrid, foi ampliando a súa cobertura e fai a súa labor agora en todo o territorio autonómico. Admiten, iso si, que teñen maiores dificultades para recoller casos nas provincias de Lugo e Ourense (algo que ver con esas diferencias urbano/rurais das que falabamos?). O pasado informe de 2022 detectaba como algúns dos maiores problemas a violencia LGTBI contra as persoas migradas e migrantes e contra as persoas trans e os problemas de saúde mental que sofren as persoas do colectivo. Reivindican maior financiación e recursos en todos os ámbitos necesarios para poder facer fronte a estas violencias. Animo a ler o informe completo para facerse unha idea máis ampla da realidade LGTBIQ galega.

Por que atender ás medidas autonómicas?

Se ben necesitamos unha regulación estatal que impida as violencias LGTBIQ e garanta os dereitos de todas as persoas do colectivo, non hai que restarlle importancia a como as lexislacións autonómicas poden, ás veces, facer de salvavidas cando eses dereitos non están contemplados na lexislación española. Non pode acadarse a felicidade cando non se ten asegurada a vida. Iso si: acadarémola. Custe o que custe

Apuntaba Ana Pardo de Vera, moi sabiamente, en Saldremos de Galicia, episodio do pódcast Saldremos Mejores no que foi entrevistada sobre o panorama político galego e a chegada das eleccións que “o androcentrismo e o patriarcado en Galicia son moi fortes”. Invitaba “a ver fotos do poder galego reunido: cofradías, pescadores, Xunta de Galicia, asociaciones de agricultores… : homes, homes, homes”. Recalcaba, non si, “que as figuras feministas son poucas, pero as hai e nelas está a esperanza”. A esperanza feminista e tamén a esperanza LGTBIQ, en parte.

Madrid, La Rioja, Andalucía, Aragón, Canarias, Cantabria, Castilla-La Mancha e a Comunitat Valenciana prohíben as terapias de conversión nas súas leis autonómicas. A lei estatal as prohíbe tamén. Non obstante, non están contempladas no Código Penal, como piden asociacións como No es terapia, xa que, como apunta noutro artigo Noemí López Trujillo en Newtral, dende a existencia destas leis non se deu ningunha sanción efectiva. En Galicia, ata a aprobación da lei trans estatal este mesmo ano, nin sequera estaban contempladas como infraccións nin eran sancionadas de ningunha maneira. 

Se ben necesitamos unha regulación estatal que impida as violencias LGTBIQ e garanta os dereitos de todas as persoas do colectivo, non hai que restarlle importancia a como as lexislacións autonómicas poden, ás veces, facer de salvavidas cando eses dereitos non están contemplados na lexislación española. Só a consecución da igualdade de dereitos pode levarnos onde en realidade debemos ir: á reflexión sobre o noso ocio, a maneira en que conformamos lazos afectivos, a exploración do noso desexo, á sanación de traumas interxenaracionais… Todas estas cousas que atopamos de maneira escasa e exclusiva nas artes, deben ser o obxectivo último de debate. Non pode acadarse a felicidade cando non se ten asegurada a vida. Iso si: acadarémola. Custe o que custe.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.