Como un pan

Medidas de seguridade adoptadas na Coruña para os concertos das Festas de María Pita © Concello da Coruña

“y no hay nadie tampoco en la casa
sino este pan abierto en un plato”. Gabriela Mistral

 

Aconteceu que houbo unha pandemia e pasamos dous meses confinados entre catro paredes e o medo. Ás oito da tarde, dende as nosas gaiolas, aplaudíamos ao persoal sanitario e nos saudábamos de balcón a balcón como raras veces facemos ao atoparnos pola rúa. 

Mentres o sector esfórzase por demostrarnos que a cultura pode e debe ser segura, a postura ambigua e ata contraditoria dalgunhas administracións (con numerosas cancelacións de última hora) xera incertezas e dificultades entre o propio sector á hora de programar, e, o que é peor, desconfianza na cidadanía

Un veciño, cada noite, pinchaba os éxitos dos 80 e outra animouse a cantar ante un patio de butacas improvisado con fiestras. 

No illamento, a cultura volveu ser o que sempre foi, latexo común. Xunto a sanitarios e sanitarias, xunto a caixeiras, transportistas, agricultoras ou gandeiros, os fraternais rostros que dende o ordenador lían poemas, pinchaban discos ou agarimaban unha guitarra, mantivéronnos a salvo do medo. A cultura, ademais, fíxonos libres dentro desas catro paredes. Porque iso é a cultura, o fío entre o niño e o voo. O ingrávido no grávido. 

Dixeron que desta crise sairíamos mellores, pero, por momentos, a sensación é que esquecemos rápido. Nesta nova normalidade de retorno zigzagueante á actividade, recuperado o contacto, quen se acorda da cultura que nos acercaba? 

Un exemplo dese esquecemento son as imaxes do “escrache” durante a presentación do festival Revenidas en Vilaxoán. Isto a pesar do evidente esforzo para facer de “Revenidas en conserva” un formato de cultura segura. Un festival que, a pesar das moitas dificultades, mantén o seu compromiso coa contorna, coa veciñanza e cos profesionais dun sector que está a sufrir severamente as consecuencias desta crise. Celebrar un festival hoxe non é capricho nin lucro, senón un exercicio de resistencia e apego. 

Máis alá do contexto actual, deberíamos reflexionar sobre a influencia que teñen as políticas de “cultura gratuíta”, que promoven moitas institucións, na concepción de cultura que se vai formando a sociedade

Mágoa que, mentres o sector se esforza por demostrarnos que a cultura pode e debe ser segura, a postura ambigua e ata contraditoria dalgunhas administracións (con numerosas cancelacións de última hora) xera incertezas e dificultades entre o propio sector á hora de programar, e, o que é peor, desconfianza na cidadanía. É o caso da Xunta de Galicia ao restrinxir a un máximo de 60 persoas o aforo en grandes espectáculos nalgunhas zonas do país. Ilustrativas as palabras do tenor Carlos Álvarez lamentándose por “venir en un avión lleno para cantar en un teatro vacío”. 

O arbitrario dalgunhas decisións, como a asimilación de certas actividades culturais co “ocio nocturno” provocou que, dende marzo, as salas de concertos só puideran abrir durante uns días do mes de xullo, o que está a desencadear o peche dalgunhas salas emblemáticas no conxunto do Estado. 

Pero, máis alá do contexto actual, deberíamos reflexionar sobre a influencia que teñen as políticas de “cultura gratuíta”, que promoven moitas institucións, na concepción de cultura que se vai formando a sociedade. Entre as súas consecuencias pode estar unha invisibilización do traballo cultural e do propio sector (oculto tras a entidade da institución que moitas veces acapara un excesivo protagonismo) e as persoas que forman parte do mesmo. A consecuencia última é unha diminución do valor percibido da propia cultura. 

Existe unha parte da cidadanía incapaz de entender que prazas, auditorios e teatros son os centros de traballo de moitas persoas. Esas que durante o confinamento nos mantiveron a salvo dos nosos medos. Cando ninguén había na casa, a cultura, pan aberto no prato

No polo contrario se sitúa a estigmatización das traballadoras e traballadores culturais por mor do relato de “sector subvencionado” que se constrúe dende posicións políticas conservadoras e reaccionarias. Iso a pesar de que a industria cultural supuxo o 3,2% do PIB durante o último exercicio e ten un evidente impacto no sector turístico. 

Afortunadamente e, en paralelo, xorden tamén correntes de simpatía reivindicando o papel da cultura na nosa sociedade e a protección do tecido humano e creativo que a fai posible. O propio sector comezou estas últimas semanas a mobilizarse e reivindicar algo que durante a pandemia parecía evidente, que a cultura é un ben de primeira necesidade. Pero é importante avaliar o porqué, e que parte lle corresponde ao relato que se constrúe da cultura dende as institucións, dos escraches á cultura, cando non nos imaxinamos algo así en fábricas ou superficies comerciais. Existe unha parte da cidadanía incapaz de entender que prazas, auditorios e teatros son os centros de traballo de moitas persoas. Esas que durante o confinamento nos mantiveron a salvo dos nosos medos. Cando ninguén había na casa, a cultura, pan aberto no prato. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.