Como xerar unha Gran Recesión

Como consecuencia do estouramento dunha enorme bulla inmobiliaria, a economía española sufriu unha profunda perturbación que deu lugar a unha crise financeira e ao desmoronamento de todo un sector económico, aquel ligado ás actividades da construción. Sen dúbida, isto por si só abonda para que calquera economía se vexa mergullada nun período de penalidades económicas que só se supera logo dun período de reestruturación económica. Agora ben, a cuestión que se suscita é por qué esta crise está a ser tan profunda e duradeira. Por que este período está a durar unha eternidade.

Para saír da crise é preciso reafectar os factores produtivos, que as empresa falidas caian e novos negocios adaptados ás novas circunstancias xurdan

No libro Great Depressions of the Twentieth Century, editado en el 2007 por T. Kehoe e o premio Nobel E. Prescott, analízanse as grandes depresións acontecidas na América do Norte e en Europa occidental nos anos trinta, tamén as acontecidas nos anos oitenta na América Latina, así como outros episodios noutras datas e lugares. Observando a experiencia histórica, Kehoe e Prescott conclúen que son as deficientes políticas gobernamentais as que prolongan e aprofundan as crises, ata convertelas en profundas depresións. A razón é que a intervención pública traba o proceso de destrución creativa indispensábel para que unha economía rexurda fortalecida da crise económica. É dicir, para saír da crise é preciso reafectar os factores produtivos, que as empresa falidas caian e novos negocios adaptados ás novas circunstancias xurdan.

Catro grandes liñas de política económica transformaron a recesión que sufriron os Estado Unidos durante o mandato do presidente Herbert Hoover na tan tristemente famosa Gran Depresión: o aumento dos aranceis, as medidas legais que fortaleceron a capacidade de presión do sindicatos, o aumento de impostos e a política monetaria restritiva. Por certo, recomendo a lectura do libro Los señores de las finanzas: los cuatro hombres que arruinaron el mundo escrito por Liaquat Ahmed e que foi Premio Pulizter 2010. O autor argumenta que foron os erros das políticas gobernamentais, en especial das políticas monetarias implementadas polos banqueiros centrais (os señores das finanzas do título), as que exacerbaron a crise que derivou na Gran Depresión.

Se lles conto todo isto non é porque padeza dun súbito ataque de nostalxia histórica, mais porque acredito en que en España está a acontecer algo semellante. A profundidade e duración da crise que soportamos explícase en grande medida polo erróneo das políticas económicas aplicadas.

O goberno español, e non só este, certamente, reaccionou nun primeiro momento aplicando políticas keynesianas de incremento do gasto público (lembre o famoso e vilipendiado Plan E) que non tiveron o desexado efecto de reanimar a procura agregada. Todo o contrario. Contribuíron a deprimila expulsando o investimento privado e provocando un aumento da poupanza das familias e unha consecuente redución do consumo. A situación aínda se agravou mais debido ao incremento do premio de risco, consecuencia da debilidade das finanzas públicas e da previsíbel socialización das débedas privadas.

Nos primeiros anos da crise asistimos a un sorprendente aumento dos salarios reais ao tempo que o desemprego galopaba desbocado

A pésima lexislación laboral impediu que as condicións laborais e salariais do factor traballo se axustasen ás novas circunstancias. Ante isto a economía española reaccionou destruíndo masivamente emprego, en vez de axustarse vía salarios. Proba disto é que nos primeiros anos da crise asistimos a un sorprendente aumento dos salarios reais ao tempo que o desemprego galopaba desbocado. O incremento do desemprego supuxo un enorme aumento do gasto público debido ao incremento das prestacións. Consecuentemente, maiores problemas para as finanzas públicas.

A insistencia en salvar as entidades financeiras en problemas atrasou a reestruturación do sistema financeiro e agravou os problemas de débeda pública

A insistencia en salvar as entidades financeiras en problemas retrasou a reestruturación do sistema financeiro e agravou os problemas de débeda pública. Entidades insolventes permaneceron no mercado por mor do soporte público. Isto levou a un problema informacional, os prestamistas internacionais eran incapaces de discernir quen estaba excesivamente contaminado polos activos tóxicos inmobiliarios. Negáronse entón a emprestar, tanto aos bos como as malos. E, como unha consecuencia, non houbo crédito. A expectativa, logo confirmada, de socialización das débedas da banca (das caixas de aforro, fundamentalmente, non se esqueza, mediatizadas polo poder político) agudizou os problemas das finanzas públicas.

De facto, ao estar rescatados, tecnicamente España é un país quebrado

A desconfianza cara a economía española percorreu como unha pantasma todo o planeta. Ninguén quería ver os seus capitais comprometidos nun país que podía quebrar, mesmo abandonar o euro! De facto, ao estar rescatados, tecnicamente España é un país quebrado. Ademais, ante a expectativa da salvataxe a banca non sacou masivamente ao mercado os activos inmobiliarios que posuía pois esperaba que a devaluación que estes experimentaron sería tarde ou cedo asumida polo estado. Así, os prezos dos activos inmobiliarios non baixaron abondo como para que o mercado se recuperase e, consecuentemente, a actividade e emprego no sector da construción.

En definitiva, se non padecésemos unha patética lexislación laboral, se tivésemos controlado a tempo o gasto público sen embarcarse en ineficaces políticas de estabilización keynesianas e se tivésemos deixado que o mercado realizase a imprescindíbel purga das empresas ineficientes, outro galo cantaría.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.