"Onde acaban as miñas competencias, comezan as miñas incumbencias" (José Angel Cuerda, exalcalde de Vitoria).
A cita da cabeceira, que tanto repetimos nos últimos meses, e que moitos lle apoñen ao exalcalde de Vitoria, a pesar de que el lla achaca a un mandatario suramericano, escoiteilla por primeira vez ao amigo Anxo Quintana hai cousa de vinte anos, cando a política municipal era realmente apaixonante.
É difícil encontrar unha definición que, en tan poucas palabras, plasme con tanta nitidez esa especie de arco da vella de cores e tonalidades que arremeda o lenzo das competencias e das incumbencias dos concellos do Estado
Paternidades á parte, é difícil encontrar unha definición que, en tan poucas palabras, plasme con tanta nitidez esa especie de arco da vella de cores e tonalidades que arremeda o lenzo das competencias e das incumbencias dos concellos do Estado. Unhas veces porque a vixente Lei de Bases non foi quen de precisalas; noutras circunstancias porque o lexislador –estatal ou autonómico- non se atreveu a cobrárllelas aos seus propios amos e acaba por llas empaquetar de balde á administración local; e noutras ocasións porque o Estado e as Autonomías, por mor das súas neglixencias e incompetencias, antes de aturar certos problemas, determinan declaralos de incumbencia municipal, arrebolando coa mulida para aliviar a carga e desfacerse da carrada.
Cómpre madrugar para entender a teimosía de determinados poderes mediáticos, que se fartan de gastar tinta para pórlles cara de verdade aos calotes do partido gobernante –reinante e recentralizador- empeñado en demonizar a acción política e a xestión dos representantes municipais
Por iso, cómpre madrugar para entender a teimosía de determinados poderes mediáticos, que se fartan de gastar tinta para pórlles cara de verdade aos calotes do partido gobernante –reinante e recentralizador- empeñado en demonizar a acción política e a xestión dos representantes municipais –mesmo dos que comparten militancia- acusándoos de desbaldir as arcas municipais, a pesar de contar cuns concellos con débeda insignificante e de pechar os exercicios con déficit “case cero”, logo de ter contribuído decididamente á mellorar a calidade de vida e o benestar da veciñanza sen que os seus alcaldes perdesen o tempo estudando o manual das competencias.
Agarrado coma un carracho ao sacrosanto principio da estabilidade orzamentaria, coa bendición constitucional dos dous grandes partidos, o señor Montoro quere convencernos de que imos deixar de gastar sete mil e pico millóns de euros, baseándose na bobada da reorganización das competencias, cando o que pretende é aforrar eses cartos, minguando a cantidade, a calidade e a universalidade de servizos que se prestan á veciñanza.
Aproveita a ocasión para “evitar que se leven a cabo políticas alternativas que sempre melloraron a calidade de vida da veciñanza”, como ben dicía hai uns días neste xornal o alcalde de Allariz, Paco García
E para non perder a viaxe, aproveita a ocasión para empurrar cara adiante o plan recentralizador do Goberno e desposuír os concellos da súa capacidade política, baleirándoos de competencias –ou asignándollelas ás deputacións- cumprindo asi a súa nova función de franquicias do goberno central e mesmo para “evitar que se leven a cabo políticas alternativas que sempre melloraron a calidade de vida da veciñanza”, como ben dicía hai uns días neste xornal o alcalde de Allariz, Paco García.
O que acontece é que o lema de “una administración, una competecia”, por moito que pareza o principio incuestionable, non deixa de ser unha parvada máis do señor Montoro, produto da estulticia desta saga de gobernantes que nos toca padecer. Pois non é posible –nin desexable- que os concellos se doten de competencias configuradas en termos de compartimentos estantos, por escasas e limitadas que resulten, despois da irremediable reforma da lei de réxime local que pretenden levar a cabo. Por certo, xa aparece bendecida no Boletín das Cortes do 4 dos correntes, sen que ningún deputado se molestase en trasladar algunha das emendas da FEGAMP.
O lema de “una administración, una competecia”, por moito que pareza o principio incuestionable, non deixa de ser unha parvada máis do señor Montoro, produto da estulticia desta saga de gobernantes que nos toca padecer
Mais tampouco sería razoable –nin saudable- desposuír os concellos da súa mínima capacidade competencial para que os cidadáns, na súa condición de veciños, queden desprotexidos do acceso a gozar dos moitos e importantes dereitos conquistados en forma de servizos municipais.
Vaia! que hoxe por hoxe, a pesar das trécolas do ministro do ramo, non nos vai quedar outro remedio que darlle a razón a Joan Subirats: A quen se lle pode ocorrer en plena lóxica de goberno multinivel, con competencias cruzadas dun senfín de administracións en cada espazo territorial, postular esa simplista idea de “unha competencia, unha administración? (El Pais, 23-02-2013).