Compostela: As caras dos alcaldes mudan; as políticas do PP, non

O actual alcalde de Santiago, Agustín Hernández, vén de anunciar xunto á súa sucesora á fronte da Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, unha operación inmobiliaria en Santiago que desvirtúa por completo o proxecto existente de dotar á zona histórica de Compostela dunha promoción de vivendas de protección pública para xente nova en réxime de alugueiro.

Haberá que agardar a coñecer a literalidade do convenio e dos pregos do concurso público para saber con claridade do que estamos a falar pero, co xa anunciado, pódese ver ás claras que en Santiago, nos últimos tempos, mudan as caras dos alcaldes pero o que non cambian son as políticas do Partido Popular. A primeira operación urbanística de Agustín Hernández como alcalde, lamentabelmente, lembra demasiado aos “proxectos” que no seu día tiña Conde Roa para Santiago.

Antecedentes

Na confluencia entre a rúa Xoán XXIII e a Costa Nova de Arriba, ao carón da Biblioteca Pública Ánxel Casal e a tan só 350 metros da Praza do Obradoiro, o Instituto de Vivenda e Solo (IGVS) conta cunha parcela en propiedade de 1.603 metros cadrados valorada en 2,9 millóns de euros.

En 2003 a Xunta de Galiza e o Concello de Santiago, chegan a un acordo para adicar dita parcela á construción de vivendas de protección oficial. O proxecto inicial pretendía construír 40 vivendas (31 estudos e nove apartamentos de dúas habitacións) pensadas para mozos e mozas de menos de 35 anos e en réxime de alugueiro por un tempo máximo de dez anos e sen dereito a compra. Tentábase así, evitar a especulación nun entorno moi apetecíbel para elo e, sobre todo, introducir vivenda protexida na malla urbana como elemento de cohesión social e de valorización da propia figura de vivenda protexida que, na maioría das ocasións, queda relegada á periferia das cidades.

Tentábase evitar a especulación nun entorno moi apetecíbel e introducir vivenda protexida na malla urbana como elemento de cohesión social

A Xunta de Galiza durante o bipartito convocaría un concurso de ideas para a escoller o mellor proxecto posíbel para un ámbito especialmente sensíbel. Finalmente, resolveríase en novembro de 2009 xa con Feijóo en San Caetano, pero non se chegaría a materializar.

En setembro de 2010, o IGVS pediría licenza ao Concello para executar o proxecto e en febreiro de 2011, os técnicos municipais emitirían un informe desfavorábel no que apuntaban a unha serie de deficiencias (en principio subsanábeis) que tería que corrixir a Xunta para se poder validar o proxecto por parte do Concello. Nunca máis se volveu a saber nada disto até hoxe.

A proposta do PP: Vivenda pública á periferia, vivenda de luxo no centro

O executivo do PP sempre alegou falta de recursos (o custo estimado era de 2,6 millóns de euros) e que tecnicamente non era viábel o proxecto, para non realizar a actuación programada.

Pola contra, agora o Partido Popular, sorpréndenos cunha operación consistente nunha permuta desa parcela por outras parcelas (de valor moito inferior) que o IGVS ten no SUNP-12 de Lamas de Abade a través dun concurso público. A empresa adxudicataria de dito concurso deberá construír dous bloques (un de 12 e outro de 24 vivendas) de promoción pública nun prazo máximo de 30 meses. Unha vez concluídas esas vivendas, a empresa adxudicataria terá a titularidade da parcela de Xoán XXIII e a posibilidade de edificar vivenda libre nela.

Onde había un proxecto que “non era viábel” cando se falaba de vivenda pública, agora que se fala de vivenda libre de luxo, hai un proxecto “viábel”

Anunciaron a bombo e platillo esta actuación como unha “grande operación”. Si que o é. A pregunta é: para quen?  Este será un moi bo negocio para un promotor inmobiliario privado, pero non é un bo negocio para Santiago.

Onde había un proxecto que “non era viábel” cando se falaba de vivenda pública, agora que se fala de vivenda libre de luxo, hai un proxecto “viábel”. Onde había un solar público para vivenda pública, agora haberá un solar privado para vivenda privada. Onde había vivenda protexida no centro histórico, agora se converte en vivenda pública a catro quilómetros do seu emprazamento inicial, ás aforas da cidade.

Non é promoción pública de vivenda. É un negocio.

Di Agustín Hernández que esta operación é importante porque aliviará a lista de perto de 600 persoas que actualmente figuran no Rexistro de Demandantes de Vivenda en Santiago. Tarde piou Agustín…

Non deixa de ser curioso, que quen propoña agora esta solución sexa precisamente quen non fixo nada mentres puido facelo. A actual concelleira de urbanismo Teresa Gutierrez foi a Directora Xeral do do IGVS e Agustín Hernández o Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas do que depende a política pública de vivenda da Xunta de Galiza durante anos nos que este proxecto “durmía” nos caixóns dos seus despachos.

Non deixa de ser curioso que quen propoña esta solución sexa quen non fixo nada mentres puido

Non deixa de ser curioso, que a menos de seis meses das vindeiras eleccións municipais, se manifeste tanta preocupación pola vivenda pública cando o que fixo o PP estes anos foi en dirección radicalmente oposta. En primeiro lugar, renunciando -por motivos ideolóxicos- aos dous principais instrumentos cos que o Concello podía actuar neste ámbito, tanto coa eliminación de EMUVISSA (empresa pública de vivenda e solo municipal) como adicando practicamente a totalidade do orzamento inversor do Consorcio de Santiago a investimentos en propiedades da Iglesia católica en detrimento doutras liñas de actuación como as de rehabilitación e axudas á vivenda.

Non é a primeira vez que o PP tenta consumar operacións inmobiliarias máis ca dubidosas en Santiago. A presión política e social conseguiron paralizalas e haino que volver conseguir

En segundo lugar, por consignar cero euros consecutivamente nos orzamentos da Xunta de Galiza durante os últimos catro anos para vivenda de protección en Compostela. Nin que dicir que tamén votarían en contra no Parlamento de Galiza de todas as propostas que desde o Bloque Nacionalista Galego temos feito ao respecto.

Non é a primeira vez que o PP tenta consumar operacións inmobiliarias máis ca dubidosas en Santiago. Desde o intento de pelotazo urbanística na Finca do Espiño, pasando polo intento de reducir o parque público de Galeras para o aproveitamento dun parking privado ou o intento de peche da feira de gando de Amio para outros usos da instalación e a zona. Nin que falar da nova ordenanza de terrazas que ten permitido auténticas atrocidades no espazo público dunha cidade Patrimonio da Humanidade. En todos eses casos, o BNG plantoulles cara. A presión política e social, conseguiron paralizar as súas pretensións. Haino que volver conseguir.

Compostela precisa doutra política pública de vivenda e dun goberno que prime os intereses da súa veciñanza sobre o rendemento urbanístico duns poucos. Tamén o conseguiremos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.