Nestes días de tantas promesas de algúns e silencios no recoñecemento do mal feito, para alimentar a esperanza eu quero, na miña condición de Picheleira, pedir catro desexos para esta Compostela de Santiago, tan maltratada e sufridora nos últimos 4 anos.
Quero que se erradique a pobreza, que se elimine con benestar e traballo, tanto a visíbel coma a invisíbel maioritariamente feminina, para facer asi de Santiago unha capital de xustiza.
Quero que se recupere a palabra, o dialogo, o escoitar e falar coas persoas, as institucións, os organismos; coa administración municipal, coas xentes da rúa, co común,co local e co mundo. Que Compostela volva ser un referente de consensos, de apertas, de risos, de diálogos. Que a afouteza e a autoestima dunha cidade, dun territorio ledo, culto, saudábel e vivo sexa o sinal de recoñecemento propio da capital da Galiza e universal por galego.
Quero que se fagan as vivendas de Xoán XXIII, para xente moza, en alugueiro, como símbolo e necesidade do público na cidade histórica, patrimonio da humanidade.
Quero que se abra xa a cafetaría da estación de autobuses, porque ademais de postos de traballo, que fan boa falla, as persoas que usan o transporte, moitas mulleres e persoas mozas teñen dereito a tomar un café, un anaco de tortilla ou o que consideren para paliar o duro traballo de viaxar no colectivo, non si?
Non vou pedir mais, que a cobiza rompe o saco, pero quero facer unha suxestión: se a cidade precisa un grupo de xente coñecida e famosa para a sua recuperación, xa existen e viven nela: unha das mellores deportistas do mundo, nun mundo tal difícil como é o fútbol para as mulleres. Un dos mellores panadeiros, que sabe moi ben empregar o tempo lento do levedo. Un dos mellores chocolateiros, continuador da sabedoría secular compostelá neste produto sólido e liquido. Un grupo de mozas, das mellores cantareiras e investigadoras da vestimenta, música e bailes tradicionais da Galiza, e así un longo etcétera de persoas que deixan o seu ronsel no mundo desde o camiño das estrelas, desde a Compostela universal.
Compre cavilar un chisco até o domingo e ter memoria, para que o que ocorreu nestes catro últimos anos na cidade e no concello sexa un pesadelo que non volva xamais.