Común denominador

A recente admisión a trámite no Congreso dos Deputados dunha ILP a prol de declarar a tauromaquia como Ben de Interese Cultural trouxo a colación unha fonda polémica entre a cidadanía porque, a pesares de que o texto non saíu completo nos medios de comunicación, si que transcendeu nas redes sociais.

As enquisas, entre elas a elaborada polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, institución nada sospeitosa de ser antitaurina, subliña que só o 8,5% da poboación do Estado asistiu a un festexos taurino durante o periodo 2010-2011

Como exemplos, unha exposición de motivos que ben podería servir para calquera proposta lexislativa durante o franquismo, onde menciona as touradas como “patrimonio histórico y cultural común de todos los españoles” De todos e de todas? As enquisas, entre elas a elaborada polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, institución nada sospeitosa de ser antitaurina, subliña que só o 8,5% da poboación do Estado asistiu a un festexos taurino durante o periodo 2010-2011, unha porcentaxe inferior ao anterior estudo, que era do 9,8% en 2006-2006. Se en menos de cinco anos existe unha perda substancial de asistencia as touradas é porque a cidadanía está non só menos interesada, senón tamén máis preocupada porque un espectáculo de tortura animal poida formar parte da suposta cultura común.

Tampouco pode esquecer un as declaracións de Salvador Victoria, conselleiro de Presidencia da Comunidade de Madrid, quen dixo que esta ILP era un paso para "es un paso para impedir que haya lugares con manifestaciones culturales prohibidas". O mesmo cargo público que chamou golpistas ás decenas de miles manifestantes do pasado 23F. Pouco máis se pode comentar dun elemento que defende a violencia cara os animais e a falta da liberdade de reunión nunha mesma expresión.

Non só ataca competencias, pretende de facto unha remoción dos parlamentos autonómicos, senón que tamén propugna que a tauromaquia sexa BIC, con todo o que iso conleva

Estamos por tanto ante un común denominador que non só ataca competencias, que pretende de facto unha remoción dos parlamentos autonómicos, senón que tamén propugna que a tauromaquia sexa BIC, con todo o que iso conleva. Entre a recepción do 1% do IVE, a chamada porcentaxe cultural ata facilitar aos menores a cultura taurina, isto é, amosar a rapaces de 9, 10 ou 12 anos como se mutila, martiriza e mata un herbívoro como parte dun espectáculo, xaleado por unha masa homoxénea.

Nese contexto aparece a Fronte Antitaurina do Parlamento galego, un espazo ao que adhiren 25 deputadas e deputados de AGE, PSdeG e Bloque Nacionalista Galego cun explícito compromiso abolicionista

E nese contexto aparece a Fronte Antitaurina do Parlamento galego, un espazo ao que adhiren 25 deputadas e deputados de AGE, PSdeG e Bloque Nacionalista Galego cun explícito compromiso abolicionista. A caverna taurina e a prensa “ultracentrista” xa botaron o berro no campo. Moléstalles, pícalles e amólalles que cargos electos poidan decidir “libremente” a prol da abolición das touradas, e por iso cualifican a súa posición de “totalitarismo”, “nazismo”, “liberticidio”. Un argumento pobre, como todas as súas posicións en defensa da tauromaquia. Porque resulta estraño que un deputado poida defender a tauromaquia en base á liberdade pero non se aplique a mesma máxima para o deputado que rexeita isto. Estes medios foron os mesmos que durante o periodo de recolla de apoios da iniciativa protouradas entregaban pregos de sinaturas co xornal. Sen dúbida un soporte fundamental para unha actitude tan ideolóxica como nociva para o desenvolvemento psicosocial das persoas.

No territorio galego tan só o 0,8% asistiu a unha tourada. Unha afección marxinal que sen embargo percibe miles de euros das arcas públicas

Volvendo á última enquisa do MECD, no territorio galego tan só o 0,8% asistiu a unha tourada. Unha afección marxinal que sen embargo percibe miles de euros das arcas públicas. Para adaptar instalacións, mercar mobles, serigrafiar camisetas e toda clase de mercadotecnia taurina. Con todo, pretenden que sexa declarado tamén Patrimonio Inmaterial da Humanidade, declaración que compete á UNESCO. Postos a pedir, por que non?

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.