Comunistas, socialistas, indignados, empoderados

O verán permíteme estar a ler Autobiografía de Federico Sánchez, de Jorge Semprún, un libro editado en 1977 co galardón do Premio Planeta. Non podo recomendar a súa lectura a ninguén que non estea moi interesado nos debates históricos da esquerda comunista, é un libro moi particular no que un militante comunista disidente da liña oficial do PCE axusta contas co estalinismo en xeral, co estalinismo no partido e con Santiago Carrillo en particular. Hoxe resúltanos difícil de comprender como ese libro, tan arduo e con tanta filoloxía leninista, puido ser elixido para un premio como o Planeta, unha grande operación de lanzamento anual dun título destinado a figurar nos aparadores das salas de estar de centos de miles de casas españolas. Supoño que o explica, por unha banda, a curiosidade da sociedade por esa pantasma da que nos previñan e coa que nos asustaban, "os comunistas" e, doutra banda, porque é un axuste de contas moi severo con Carrillo e a dirección do partido.

Como nos ocorre tantas veces a case todos, a imaxe do autor interfere na recepción da súa obra, e como a figura que ofreceu Semprún me resultou antipática, unha suficiencia e mesmo elitismo que tamén asoma reiteradamente no texto, pois perdera até agora este libro seu. Pero a súa lectura resúltame interesante e sorprendente porque atopo aí algo moi escaso, o relato da clandestinidade coa súa forza e as súas miserias e, viaxando no tempo, reencóntrome coa linguaxe do leninismo e as súas paráfrases. Nun artigo anterior, Como chegamos a isto, comentei aquí de que maneira o antifranquismo, ou sexa a clandestinidade, foi desprestixiado e estigmatizado a partir dos anos oitenta dentro dun proceso imperceptible para establecer o pensamento reaccionario dominante actualmente na sociedade española. Pero naquel 1977 da publicación dese libro, á esquerda comunista aínda se lle conservaba un respecto e expúñanse ao público todas as súas miserias. O propio Jorge Semprún cando escribiu o libro aínda participaba de posicións leninistas, cousa que imaxino que foi abandonando a partir de aí até ser ministro de Cultura dun Goberno de Felipe González.

O libro é un testemuño sincero, aínda que parcial, loxicamente, e as críticas que fai Semprún ao que foi o seu partido e ao estalinismo parécenme moi xustas e acertadas, mesmo insuficientes (naqueles mesmos anos eu mesmo facía a miña particular autocrítica e axuste de contas non só co estalinismo senón co leninismo). Con todo e con iso, a quen interesa xa todo aquilo? O libro é vellísimo, pura prehistoria.

Logo veu a historia, o antifranquismo negro, gris e amargo foi borrado e pasouse a unha época de alegría e de coloriños, os anos de González e Guerra, até Roldán e os GAL. A esquerda dese libro é unha esquerda afastada, incapaz de ser honrada e autocrítica consigo mesma e, polo tanto, incapaz de analizar con franqueza a sociedade e os procesos históricos que se viven. Claro que a esquerda que veu despois xa está agora tan envellecida como aqueloutra, sen que apareza un Jorge Semprún que faga un exame autocrítico semellante (que tería que dicir hoxe un militante socialista, e sen entrar en análises políticas, de figuras como Tony Blair, Schröder ou González beneficiándose dos intercambios entre a política e a empresa privada?). O que a socialdemocracia europea en xeral, e o PSOE en particular, ofreceron é a metade do que hai, a outra metade é obra do PP. Ninguén cre que o PSOE pretenda cambiar a sociedade en ningún sentido, tampouco ese partido o promete e, recordémolo, a esquerda é precisamente iso e non outra cousa.

E, como froito da crise, apareceron os indignados. Unhas xeracións que viron repentinamente truncadas as súas expectativas foron unha inesperada aparición cívica, o corpo atento a escoitar críticas e alternativas ao sistema que xa existían. Toda nova xeración ten tamén o seu folclore, o folclore indignado atopou a súa insignia nun libro cheo de xeneralidades dun ancián militante socialista francés, pero a mocidade sempre foi así e outros antes tivemos un libro vermello (que tamén nos chegou de París). Por outra banda, os anciáns venerables pero de rebeldía xuvenil sempre conservarán un atractivo para os mozos, e tanto ten que ofrezan consideracións interesantes como que prodiguen xeneralidades ou bobadas.

Na miña cidade, como en moitas outras cidades españolas, houbo mozos que imitaron aos da Porta do Sol e expresaron confusamente o seu cabreo e a súa disidencia con todo, expresaron que eles non formaban parte do xogo. O Goberno de Zapatero permitiu as acampadas e non enviou a policía, como pedía o PP, pero aqueles mozos xa estaban tan lonxe de ambos que non distinguían a uns dos outros. Non lles importaba interferir nas eleccións municipais condicionándoas, ao cuestionar dese modo ao Goberno e aos gobernos locais. Na miña cidade, unha señora que, tras a noite electoral en que gañou o PP e desaloxou á alianza de PSOE e BNG, comprobou que os mozos seguían acampados exclamou: "Oh. Pero se xa gañaron as eleccións! Por que seguen acampados?" A señora estaba dentro do xogo electoral daqueles partidos, pero os mozos das tendas non habían ir a votar e moitos nin se decataron, puxéronse en fóra de xogo voluntariamente. Estas cousas pasaron.

O tempo fixo o seu traballo e a política envelleceu. "Máis vale trabucarse co partido, dentro do partido, que ter razón fóra do ou contra o", dicía Carrillo, como pensabamos calquera militante comunista. "O que se mova non sae na foto", repetía Alfonso Guerra descendendo desde o sectarismo dos crentes fanáticos á miseria moral dos que reparten un botín. Os partidos máquina son vellísimos e descarados e neste tempo en que todo se mostra e nos custa crer as mentiras, apelan ao noso cinismo e aliméntanse del ou da nosa menesterosidade. É unha relación indigna.

As cabeceiras de prensa madrileñas, que pediron unánimes a dimisión de Zapatero, celebran ou contemporizan coas políticas de Rajoy, pero tamén invisten noutras carteiras de valores. En dous días consecutivos leo en El Mundo e El País senllos editoriais animando os novos dirixentes do PSOE, apostando por un cabalo que corra sen caer en "tentacións populistas" e demais e lle gañe a carreira a un poldro novo.

E por que apadriñan a ese cabalo e non a outros? Ah, eles saberán.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.