Con-ciencia: Antonio Casares Rodríguez

Coido que, tal e como nos acontece ás persoas,  calquera sociedade que persiga o seu consubstancial avance e progreso, precisa camiñar libre de medos, complexos e inseguridades que obstaculicen un futuro prometedor e/ou profeticen unha vía certa cara o fracaso. Neste sentido, penso que un dos antídotos máis potentes para superar este tipo de atrancos vén da man do imprescindíbel coñecemento e recoñecemento da propia historia, así como dos seus principais protagonistas masculinos e femininos, en todos os eidos do saber humano (científico, filosófico, literario, artístico, económico, político…)

Arremedando a famosa frase atribuída a Arquímedes, só a partir deste punto de apoio estaremos en condicións de “mover o mundo”. Engadiremos, así mesmo, que só a través do coñecemento do medio no que se vive, posuiremos a confianza precisa para construír o futuro desexado e acadarmos realmente a, tan maioritariamente invocada, “universalidade”.

Vén a conto, todo isto, polo descoñecemento masivo existente sobre unha figura sobranceira pertencente ao mundo das Ciencias, en Galiza, e máis especificamente da Ciencia aplicada

Ben sei que esta maneira de iniciar un artigo –que pretende ser divulgativo- soa a cansativa “predicación”, mais a medida que o tempo transcorre inexorábel, un non deixa de preguntarse como é posíbel que a estas alturas do filme, a sociedade galega persista(amos), con tanta contumacia, naquilo que Castelao caracterizaba coa expresión –referida e inflixida ao suxeito político “pobo galego”- “do dereito a ignorarse” … Vén a conto, todo isto, polo descoñecemento masivo existente sobre unha figura sobranceira pertencente ao mundo das Ciencias, en Galiza, e máis especificamente da Ciencia aplicada.

Antonio Casares Rodríguez, un científico galego que tivo unha relevancia vital para as ciencias experimentais, non só para Galiza, senón internacionalmente; tal é así, que moitos dos seus estudos e investigacións - así como as súas iniciacións en especialidades académicas diversas - serían pioneiras e abrirían campos novos para a época, sobre todo en relación coa súa aplicación á mellora da realidade económica e social. Porén, as investigacións sobre Antonio Casares Rodríguez son relativamente recentes e aínda queda moito por descubrir respecto da súa vida e obra.

Aproveitando o bicentenario do nacemento deste noso científico, poño mans á obra e ofrézovos, humildemente, unhas breves pinceladas sobre a vida e obra deste ilustre devanceiro

Así pois, aproveitando o bicentenario do nacemento deste noso científico, poño mans á obra e ofrézovos, humildemente, unhas breves pinceladas sobre a vida e obra deste ilustre (por instruído e frutífero) devanceiro. Todo isto, coa intencionalidade de redescubrirmos e recolocarmos xuntos unha peza máis dese mosaico histórico-científico galego que debemos reconstruír e que, sen dúbida, nos vai permitir un máis doado tránsito colectivo - firme e seguro- para un prometedor futuro no ámbito dos avances científicos, técnicos e humanísticos, en xeral. 

E agora, vaiamos ao substancial: Quen foi Antonio Casares Rodríguez? De realizarmos unha primeira ollada ao seu currículo académico, deduciríamos que o noso científico foi unha persoa cun alto grao de recoñecemento e prestixio no mundo académico universitario de Galiza, arredor da segunda metade do século XIX, á vista dos numerosos cargos que ostentou na Universidade de Santiago de Compostela: Catedrático de Química Aplicada ás Artes, de Historia Natural, de Química Xeral; Decano das Facultades de Filosofía, de Farmacia, de Química…, até Reitor da propia Universidade compostelá.

A ciencia, tiña interese para Casares, non tanto como simple actividade de erudición, senón como instrumento aplicado á realidade e destinada ao seu servizo

Resulta evidente que a formación académica de Antonio Casares era moi completa, tanto no campo das ciencias como das humanidades; mais a relevancia do noso científico reside -para alén da súa erudición- no seu intenso e incesante quefacer, ligado ao estudo; á tradución; á produción e publicación de obras científicas propias; ao seu interese e posta ao día nos avances máis importantes que estaban tendo lugar no mundo naquela altura e, sobre todo, por consolidar en Galiza a “experimentalidade” aplicada ás ciencias. Neste sentido, podemos dicir que Casares Rodríguez entendía a Química – e toda a actividade científica, en xeral- como ciencia aplicada; a Química como ciencia fortemente ligada á sociedade. A ciencia tiña interese para Casares, non tanto como simple actividade de erudición, senón como instrumento aplicado á realidade e destinada ao seu servizo, mediante a experimentación e análise daquelas características susceptíbeis de a converter en útil para a sociedade na que vivía.

O noso protagonista trazou como obxectivo dos seus traballos científicos a consecución de resultados satisfactorios para que os ourives poderen realizar mellor o seu produto; para que os labregos e gandeiros lograran tirar máximo proveito da terra, dos viñedos…; para que as investigación químicas fosen utilizadas con fins terapéuticos… Non esaxeramos, pois, se declaramos a Casares Rodríguez como “Pai da Química” en Galiza, así como o iniciador da actual I+D+i, nesta especialidade científica. Así mesmo, estamos perante un persoeiro de enorme estatura científica, con prestixio e recoñecemento internacional, na altura do segundo terzo do século XIX.

Non esaxeramos, pois, se declaramos a Casares Rodríguez como “Pai da Química” en Galiza, así como o iniciador da actual I+D+i, nesta especialidade científica

Procedamos, agora, a sinalar aqueles feitos significativos do intenso e extenso traballo despregado por Antonio Casares Rodríguez e que, exemplifican e avalan as afirmacións que vimos de realizar: No eido da docencia, tiña Casares, especial preocupación polo ensino a través da experimentación; de aí que fose un pioneiro en levar o seu alumnado ao laboratorio, a realizar visitas ao campo… Empeñado como estaba en ensinar a “facer ciencia”, a súa metodoloxía era eminentemente práctica. Así mesmo, a súa vocación docente conduciuno á tradución de numerosas obras estranxeiras, co fin de que o estudantado dispuxese dunha formación completa e actualizada.

Asemade, esa vocación foi a que o levou a escribir e publicar numerosos libros de grande utilidade para a docencia e que acadaron enorme repercusión: “Tratado Práctico de Analisis Química”, “Manual de Química General", que se converteu en manual de referencia na materia, en numerosas universidades españolas, ao longo de case 40 anos. En toda a súa obra e labor docente é significativo a súa tenacidade en poñer de relevo a aplicación práctica da química para a mellora das actividades artesanais, labregas, industriais, terapéuticas…, ligando o saber científico coa mellora da calidade de vida dos homes e mulleres do país.

Realizou multitude de análises de augas de Galiza, e o seu prestixio na materia acadou tal magnitude, que foi requirido en múltiples ocasións por outros territorios do Estado para realizar a antedita tarefa

Realizou multitude de análises de augas de Galiza, e o seu prestixio na materia acadou tal magnitude, que foi requirido en múltiples ocasións por outros territorios do Estado para realizar a antedita tarefa. No ano 1.851 conseguíu acender, no patio de Universidade de Santiago, a primeira luz eléctrica (con arco voltaico) que funcionou en España. Como anécdota que ilustra a repercusión de tal iniciativa, salientaremos o feito de aparecer referenciado este acontecemento nun extracto da novela A chispa máxica (1923), do escritor Armando Cotarelo Valledor, quen baixo o personaxe dun bibliotecario, alude a este fito histórico a través da coñecida frase “A noite está varrida da Terra”.

Foi pioneiro no campo da espectroscopía, como outra especialidade de análise en España. O seu traballo sobre o descubrimento dos metais Rubidio e Cesio en augas minerais significou un fito importante para a ciencia española. Este traballo data, con toda probabilidade de 1864 e, tendo en conta que Bunsen e Kirchoff inventan a técnica de espectroscopía en 1859, é clara a rapidez con que se afai cun espectroscopio e domina a súa técnica. Este espectroscopio (pertencente á Facultade de Química de Santiago, onde foi restaurado e utilizado no século XX, polo profesor Bermejo Martínez) aínda se conserva e pode atoparse no actual museo de Farmacia.

No campo da medicina cabe destacar varios feitos: O primeiro deles, dá conta da súa vocación docente e do seu grande sentido da responsabilidade, do que fai proba o feito de que ao ser designado profesor de futuros médicos, considerou importante realizar estudos na materia; de aí que con sesenta e tantos anos comezase a carreira de Medicina, na que acadou a licenciatura e o doutoramento. Por outro lado, ocupouse por introducir, tanto nas aulas como nos seus libros, todo tipo de avances médicos da época. Por último, salientaremos o feito máis relevante: Poucos días despois de que o éter e o cloroformo fosen usados como anestésicos por James Young Simpson (16 de novembro de 1847), Casares levou a cabo a súa síntese; analizou os seus efectos; probounos na súa persoa e chegou a conseguir que os médicos en Santiago os utilizasen, sendo, polo tanto Galiza o primeiro lugar de España onde se iniciou tal práctica.

Poucos días despois de que o éter e o cloroformo fosen usados como anestésicos por James Young Simpson (16 de novembro de 1847), Casares levou a cabo a súa síntese

Casares abordou traballos en mineraloxía, campo onde realizou a descuberta de dous minerais: a morenosita e a zaratita (aínda que esta última, non está admitida actualmente como especie mineral propiamente dita). Foi iniciador de actividades museísticas e de coleccionismo. Como anécdota, destacamos a súa participación, en calidade de especialista, nos traballos sobre os restos descubertos no subsolo da catedral de Santiago, sobre os cales realizou o seu ditame, en 1879.

Despois desta breve pincelada é evidente que Antonio Casares Rodríguez desenvolveu unha intensa vida científica, académica e de grande compromiso coa terra na que naceu e na que viviu. Reiteramos, máis unha vez, a súa inmensa cultura, espírito de traballo e tenaz procura da utilidade práctica ao saber científico, respecto da saúde e mellora da calidade de vida dos galegos e galegas, así como en relación coa rendibilidade e facilitación dos seus labores produtivos. Case podemos dicir que apenas existiron pólas da árbore da ciencia que non fosen por el abordadas: a anestesia, os adubos, a asepsia, as vacinas, o estudo e saneamento das augas (química aplicada á saúde)… Realizou amplas investigacións sobre nutrición animal; foi o introdutor, en Santiago, dos estudos sobre toxicoloxía, meteoroloxía  (de aplicabilidade para os labregos/as); estudo sobre os viños de Galiza e  tratamento químico das viñas… En definitiva, Casares Rodríguez focalizou a meirande parte do seu labor en aplicacións cara a medicina, a agricultura e a industria.

Antonio Casares Rodríguez desenvolveu unha intensa vida científica, académica e de grande compromiso coa terra na que naceu e na que viviu

Chegados a este punto e, á vista de que vivimos nunha época caracterizada pola competición, e onde semella que a notoriedade soamente é acadábel a través da inclusión e clasificación en determinados ranking (para maior gloria da infantil anglofilia), coido conveniente repararmos en certos feitos que delatan a magnitude da auto-ignorancia colectiva galega, aplicada, neste caso á figura de Antonio Rodríguez: A primeira anestesia realizada en España tivo lugar en Galiza; a primeira luz eléctrica con arco voltaico que funcionou en España foi en Galiza; o descubrimento de Rubidio e Cesio en augas minerais levouse a cabo en Galiza; o manual de química xeral máis estudado nas universidades do Estado, ao longo de case 40 anos, foi obra deste ilustre galego…

Sorprendidos/as? Non, non se trata de chauvinismo ou ánimo patrioteiro ningún. Trátase dunha infeliz constatación: o inquietante abraio sentido por mor de que tanta capacidade, entrega, intelixencia, imaxinación, espírito de traballo, mérito…, permanezan agochados tras unha ignorancia colectiva inadmisíbel. Porén … É cousa sabida: A ilustración de noso proporciona unha outra dimensión da realidade propia. Ánimo!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.