Concha Murguía Egaña era filla do organista da Igrexa de San Estevo de Oiartzun, Domingo Murguía, de vella estirpe fidalga orixinaria de Astigarraga, lugar de sona polas sidrerías. Naceu o 29 de Xaneiro de 1806 no antigo hospital, onde moraban seus pais nunhas dependencias anexas, concedidas polo Concello para os seus funcionarios como era o organista. Hoxe o edificio é Biblioteca e Casa de Cultura de Oiartzun. Con nove anos trasladouse a vivir a Tolosa, pois o pai conseguira a praza de organista da Igrexa de Santa María na antiga capital foral de Guipúscoa.
Por iso, algúns historiadores como Vicente Risco sitúan trabucadamente o seu nacemento na vila tolosarra. Nela militará o pai no partido liberal-fuerista abandeirado polo Conde de Villafuertes, D. Ladislao Zabala. A invasión dos “Cen Mil Fillos de San Luis” en 1823, a pedido do incompetente e voluble rei Fernando VII, remata co Trienio Liberal e impón de novo o Absolutismo. Domingo Murguía e a súa filla Concha fuxiron cara Galiza. A filla ficaría e o pai volvería a Tolosa onde morreu pobre e doente, acollido na casa do Conde de Villafuertes. Concha casou co boticario Xosé Martínez e finou medio abandonada, de “una lesión del corazón que no le dió lugar a recibir sacramento alguno”, segundo consta na partida de defunción, el 13 de julio de 1854 en la calle de las Huertas, nº 14, en Santiago de Compostela".
O matrimonio Martínez-Murguía tivo dous fillos. Un deles, Manuel M. Murguía (1833-1923), foi un dos primeiros ideólogos do nacionalismo galego, farturento polígrafo, historiador, investigador, etnógrafo, novelista e primeiro presidente de Real Academia Galega. Casou con outra grande do Rexurdimento Galego, Rosalía de Castro, a quen empuxou a escribir e publicar libros como “Cantares Gallegos”, no que ela mesmo advirte no limiar o influxo dun vate vasco, Antonio de Trueba. Manuel M. Murguía recoñecería de xeito explícito que encetou a amar a patria Galega ó ver como a súa nai amaba a lonxana Patria Vasca, Terra, “na que nin se teme nin se mente”. Manuel M. Murguía xace nunha humilde e descoidada campa no fondal do cemiterio coruñés de San Amaro, na compaña do seus fillos Ovidio e Amara.
O 11 de novembro do 2000, día de San Martiño, a Irmandade de Centros Galegos de Euskadi e as Asociacións Culturais “Daniel Castelao”, de Pasaia, e a “Rosalía de Castro”, de Baracaldo, solicitamos da Deputación Foral de Guipúscoa e do Concello de Oiartzun a celebración dunha homenaxe a Concha Murguía. Ambas Institucións responderon afirmativa e xenerosamente da man de Luis María Bandrés, deputado de Cultura, e Xavier Iragorri, alcalde de Oiartzun. Colocouse na Casa de Cultura unha fermosa placa, conforme coa monumentalidade do lugar, en galego e éuscaro. En galego reza así:”Nesta casa naceu Concha Murguía Egaña (1806-1854), nai de Manuel M. Murguía, berce do nazonalismo galego”. As dúas institucións sufragaron tódolos actos e a edición dun libro da miña autoría sobre a estirpe vasca de Manuel Murguía.
Dende aquela efeméride celebramos tódolos anos por estas datas unha homenaxe a Concha Murguía. Este ano, os días 2, 3 e 4 de febreiro, interviñemos na celebración: a concelleira de cultura de Oiartzun, Iosune Cousillas, filla de Pedro Cousillas, natural de Corme, o poeta oiartzuarra, Antton Kazabon, as excelentes músicas Edurne Saizar, Oaihane Mitxelena e Haizea Lekuona, o documentalista Davide Cabaleiro, a bertsolari Ainhoa Aranburu e quen isto escribe. Participaron o grupo “Lartaun”de txistularis do pobo oiartzuarra e os gaiteiros do grupo”Trisquele” da Casa de Galicia de Donostia. Recitáronse sete poemas de Rosalía de Castro e de dous de Antton Kazabon, en galego e éuscaro. Finalmente agasallamos a Concha Murguía con unha ofrenda floral e gozamos dun excelente refrixerio, chamado “lunch” segundo os posmodernos, doado polo Concello, pois considera que aínda segue vixente o vello refrán latino: ”Primum vivere, deinde philosophare”.
Iosune Cousillas narrou a biografía de Concha Murguía e a do seu fillo Manuel M. Murguía, resaltando as vinculacións vascogalegas. Un servidor insistiu na personalidade de Castelao e as relacións cos nacionalistas vascos a través dos diferentes pactos do Galeusca. Pero o máis sobranceiro dos actos consistiu no descubrimento dos vascos da obra e figura de Rosalía de Castro. Descubriron unha faciana descoñecida súa: a reivindicativa, feminista, denunciadora da emigración e do avasalamento nacional e social de Galiza.
Tódolos participantes salientamos a solidariedade vascogalega e coincidimos en subliñar que dende unhas pequenas patrias, como a vasca e galega, pódese admirar a grandeza do universo, pois a súa riqueza atópase na variedade e non na uniformidade.
Moitos galegos, que residimos en Euskal Herría, non esquecemos a nosa patria orixinaria nin a nosas raigañas, pois perderíamos a nosa identidade e sen ela non se pode andar polo mundo. Somos a semellanza das árbores. Abrimos solidariamente as polas ós ventos da patria éuscara, pero o toro témolo ben chantado na nación fisterral. Amamos sinceramente esta patria adoptiva vasca que nos agasallou con fogar, agarimo, traballo e familia e apuntalou en nós a conciencia e a fachenda de sermos galegos de nación, arredando seudocomplexos de inferioridade.
Dende o 11 de novembro do ano 2000 e tódolos anos a finais de Xaneiro-comezos de febreiro os corazóns dos oiartzuarras e dos galegoseuskadianos latexan co mesmo ritmo da fraternidade, porque unha filla esgrevia do pobo arrolou no berce a un dos iniciadores do Rexurdimento da dignidade da nación galega, que coñece como ninguén o aguillón das traxedias, entre elas a emigración, denunciada decote polo noso bardo nacional, Manuel María.
Un sinxelo poema deste versificador aficionado non fai máis que salientar os valores da solidariedade e o agradecemento:
OIARTZUN: CORAZÓN E LATEXO DE EUSKAL HERRIA
Oiartzun, berce de Concha Murguía,
na ladeira do Urkabe agarimada,
fermosa terra, por todos ben louvada,
latexo e corazón de Euskal Herría.
Seu rexo vástago, Manuel Murguía,
ergueu do chan a Galiza desprezada,
casou ca groria galega máis sagrada,
lumieira acesa, a gran poeta Rosalía.
Os xebres galeuskadianos, noite e día,
lembrarán gozosos esta xornada
e seguirán como faro e como guía
a súa existencia, decote derramada,
coutando con vida exemplar a sangría
da súa amada patria, sufrida e aldraxada.