Enténdense as voces críticas que lembran o quebranto dos 8.000 millóns para o Estado, que recordan a posibilidade de ter agardado ata 2017, que razoan sobre a lóxica de ter mantido o carácter público actual da entidade ou que lamentan a perda de galeguidade do banco. Enténdense tódalas posturas acerca do tan lamentable proceso seguido, primeiro, por Caixa Galicia e Caixanova, e máis tarde por Novagalicia Banco, nestes últimos anos. Pero onte era onte e hoxe é hoxe. As análises e as presións que non se fixeron no seu momento, están caducas arestora.
Onte era onte e hoxe é hoxe. As análises e as presións que non se fixeron no seu momento, están caducas arestora
Porque onte a maioría das apostas concentrábanse na adxudicación da entidade a Caixabanc ou, en todo caso, a un banco español. Co cal Novagalicia Banco finaría esluída na organización adquirente. E o noso país perdería de vez a única entidade con opcións de prestar un servizo financeiro autóctono de certa relevancia. Tal circunstancia propiciaría ademais unha auténtica sangría de postos de traballo, directos e tamén indirectos, de funestas consecuencias tanto para a economía galega no seu conxunto como para as familias afectadas. Este era onte o escenario máis probable.
Novagalicia Banco subsistiu á catástrofe anunciada. O país mantén a sede dunha entidade financeira forte que, ademais, promete compromiso social e plans de expansión
E hoxe o País amence cunha opción alternativa que semella un soño. E déitase con ese soño confirmado e cumprido: Novagalicia Banco subsistiu á catástrofe anunciada. O país mantén a sede dunha entidade financeira forte que, ademais, promete compromiso social e plans de expansión. As empresas e os cidadáns seguirán dispoñendo dun referente financeiro autóctono. Os traballadores conservan os seus postos de traballo e mesmo albiscan a recuperación das súas lexítimas ambicións profesionais. E as familias non han de soportar o custo brutal dun horizonte de emigración. Mesmo, se nos poñemos a imaxinar, podemos pensar nun futuro onde o capital venezolano chegue a irmandarse co capital galego para reforzar a estrutura do banco.
Por tales motivos, eu celebro a adxudicación de Novagalicia Banco a Banesco coma un triunfo estimulante do País. E brindo polo futuro desta nosa entidade e, tamén, dos seus traballadores que, xusto é recoñecelo, levan uns cantos anos facendo gala exemplar de serenidade e estoicismo ante un panorama que, ata onte, se presentaba realmente sinistro.