Confluír

Cúmprese un ano dende que un pequeno grupo de persoas nos xuntamos, preocupadas pola falta de protagonismo de Galicia no debate político, convencidas de que é no coñecemento das nosas fortalezas como sociedade e na nosa capacidade para poñelas a traballar, onde podemos atopar a base para superar o deterioro actual das nosas condicións de vida e a construción dun futuro de benestar, e comprometidas na necesidade dunha revolta cívica para conseguilo. E iniciamos un proceso de debate e acumulación de forzas que deu lugar ao que hoxe é Somos Nós.

Ao inicio do proceso, nos pequenos grupos de debate, no xantar que celebramos en Lestrove, nas conversas e correos con persoas do máis diverso, na presentación da asociación en Xornalismo, xunto coa coincidencia sobre o diagnóstico, primaba un certo pesimismo e desconfianza: 'de acordo co que decides pero que se pode facer? que podemos facer? como se concreta esa idea da revolta cívica?'. Nos últimos meses, esa sensación foi mudando. A derrota do PP o 24M, sobre todo na Coruña e Santiago mostra novas posibilidades de éxito electoral para fórmulas organizativas de acción cidadá, a quen os partidos ceden o protagonismo e prestan apoio e colaboración. Fórmulas novidosas que ilusionan e mobilizan o voto e a esperanza da xente na posibilidade dun cambio, que fan xurdir diversas iniciativas cívicas a prol dese cambio, como mostra a exitosa convocatoria cidadá do 25 de Xullo.

Ante as xa próximas eleccións a Cortes nun meses, ábrese unha oportunidade de facérmonos con instrumentos que melloren a nosa calidade de vida, que nos permitan desenvolver esta nosa forma propia de estar no mundo

Ante as xa próximas eleccións a Cortes nun meses, ábrese unha oportunidade para avanzar neste camiño, de facérmonos con instrumentos que melloren a nosa calidade de vida, que nos permitan desenvolver esta nosa forma propia de estar no mundo. Moitas voces coinciden sobre o instrumento que procuraría a Galicia ese protagonismo na vindeira lexislatura estatal: un Grupo Galego no Congreso e no Senado. Somos Nós presentamos en Xullo unha proposta de obxectivos políticos para este desexado grupo parlamentar, que sume nunha maioría de cambio e superación do réxime obsoleto do 78 cunha voz galega, e faga efectiva, nese ou calquera outro escenario, a mellora da nosa capacidade de decidir sobre as cuestións relevantes que nos afectan.

Unha candidatura nacional que acade os votos precisos para constituír ese grupo parlamentar só é hoxe posible por medio dun proceso de confluencia de base individual, protagonismo cidadá e apoio partidario, ampliando e mellorando os procesos que levaron aos éxitos do 24 de Maio e o 25 de Xullo, para que abrangan todo o país e recollan, sen exclusión, todas as galegas e galegos que vemos esta oportunidade e queremos aproveitala.

Unha candidatura nacional que acade os votos precisos para constituír ese grupo parlamentar só é hoxe posible por medio dun proceso de confluencia de base individual, protagonismo cidadá e apoio partidario, ampliando e mellorando os procesos que levaron aos éxitos do 24 de Maio e o 25 de Xullo

Nestes meses tivemos ocasión de debater, compartir e colaborar, persoas de diversas e ningunha militancia sobre os 'para que' e os 'como' da confluencia. Asinamos manifestos e participamos de plataformas e xornadas, vimos a dirixentes de partidos e colectivos ser quen de superar, non só a diversidade ideolóxica e organizativa, tamén agravios e desconfianzas. É a responsabilidade a que move o proceso, a conciencia de que vivimos un momento histórico e son espazos de encontro e non dificultades o que compre aportar. A confluencia aliméntase da participación, negociación e confianza. O que hai uns meses semellaba utópico está hoxe na nosa man.

Esta fin de semana dúas novas convocatorias, dous novos chamados á confluencia, aos que tamén vou e animo a participar para contribuír a esta necesaria unidade de acción. O sábado no encontro cidadán por unha marea galega e o domingo no banquete de Conxo 2.0 do grupo pola unidade, convocante deste 25 de Xullo. Ámbalas dúas con visión e obxectivos se non idénticos, extraordinariamente semellantes, cos que moitas nos sentimos ilusionadas. Alicerces, con outros, do movemento social que precisamos e que o luns seguiremos construíndo xuntas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.