Construíndo alternativa, sendo nós mesmas

“EnMarea naceu como espazo plural e diverso, onde todas sumáramos para conseguir transformar a nosa realidade. Naceu para mudalo todo, para remover os marcos, non para adaptarse a eles. Precisamos desa mestizaxe, esta pluralidade, ese compromiso colectivo”. Totalmente de acordo. Aí está a forza, aí está a capacidade de rebelión, aí está a oferta á sociedade de chegar a ser unha alternativa real ao partido popular.

Esta declaración de obxectivos acompañouse na asemblea de EnMarea en Vigo duns procedementos de toma de decisións, duns métodos de gobernanza e duns estándares éticos cos que nos presentamos á sociedade. Se queres cambiar ‘todo’ terás que demostrar que és diferente nos feitos e non só de palabra.

EnMarea foi un paso máis na creación deste movemento, partindo do 15M, da efervescencia de AGE, da chegada ao poder municipal das Mareas e da posibilidade real, por primeira vez, de formar un grupo parlamentario galego no congreso. EnMarea é un paso máis no proceso de confluencia da esquerda nacional galega, decidindo en Vigo ser unha organización, un movemento de persoas, que non unha coalición de partes, dispostas a traballar xuntas cunha proposta social de ruptura do sistema, cuns valores democráticos, éticos, de igualdade, feministas e cun marco nacional galego.

Mudalo todo cara dentro implica ser transparentes, evitar protagonismos innecesarios, evitar xerarquías, escoitarnos, respectar, coidarnos. Mudalo todo cara fóra é presentarnos ante a sociedade de modo diferente tanto no goberno como na oposición, con muliplicidade de voces, solidarias, participativos, cumprindo os estándares éticos e de procedementos democráticos que ofrecen de nós  o retrato dunha organización política única, ser un grupo que busca máis ser parte dun movemento social de cambio de sistema que unha estrutura pechada en si mesma.

É máis necesario que nunca fortalecer este espazo social e político ante a falta de liberdade de expresión, ás ameazas individuais, ao crecemento da desigualdade e a ocupación do poder a peito descuberto pola herdanza do franquismo.

EnMarea está medrando, collendo forza pero é vulnerable. A súas posibles debilidades están na súa fortaleza. Na medida en que te ofreces como modelo de cambio social, se incumpres os estándares éticos, os coidados internos ou os teus valores de transparencia, estás facilitando o ataque do partido popular e das forzas que están afogando á sociedade.

Non oín ningunha voz de EnMarea dicindo que Paula Quinteiro rompese retrovisores, nin que os seus acompañantes fosen protagonistas de actos vandálicos na noite santiaguesa. Esas son palabras do  PP e de Mariano Rajoy. 

Pero EnMarea precisa, máis unha vez, demostrar que é unha organización diferente, que non permite que ningunha das persoas que a representan fagan un uso dos seus cargos (deputada neste caso) para intereses particulares. Non podemos copiar comportamentos dos partidos do sistema. Paula Quinteiro equivocouse; non pode utilizar o seu cargo de deputada para defender a unha persoa ante a investigación duns actos vandálicos. Non podemos darlle esa vantaxe ao partido popular, que lle permita agochar, na crítica política, as súas miserias.

O intento de converter ao grupo parlamentario de EnMarea nunha suma de partes, a utilización deste caso para suturar as feridas crónicas do partido morado galego e ao mesmo tempo presentarse como grupo diferenciado fronte a EnMarea, o intento de restarlle lexitimidade aos órganos de dirección que as inscritas de EnMarea votamos e acordamos non é algo que estea facendo a dereita mediática nin o partido popular. Son obxectivos políticos dunha parte de EnMarea.

Ante esta situación, a única opción é a consulta ás bases. As persoas inscritas en EnMarea temos que poder opinar e decidir como nos queremos presentar á sociedade, con que estándares éticos e de procedementos queremos formar parte dun movemento de cambio social.

A consulta ás bases sobre a posible dimisión de Paula Quinteiro, polo uso da súa acta de deputada para un asunto particular, é un paso máis na construción da alternativa, sendo nós mesmas, cos valores acordados na asemblea de Vigo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.