Construíndo un novo xeito de facer política “porta a porta”

A onda expansiva do desprestixio para coa política e máis para cos seus representantes non deixa de medrar. Faino ao abeiro da fonda crise económica e máis do que Josep Ramoneda denomina como “cultura da irresponsabilidade” (El País, 30 de maio 2012) estendida, segundo sinala, pola “coroa, o Banco de España, o CGPJ, o TC, o propio sistema financeiro e o Goberno”, enumeración á que se podería engadir a acción cómplice de determinadas formacións políticas e máis de certas persoas que ostentaban e ostentan cargos públicos. O crecemento da desafección política é tal que vai camiño de asentarse no imaxinario colectivo o “todos son iguais” sen matices que nos conduce de xeito perigoso, en base a un argumentario demagóxico, populista e falso en ocasións, ao triunfo da antipolítica.

O crecemento da desafección política é tal que vai camiño de asentarse no imaxinario colectivo o “todos son iguais” sen matices

Estamos próximos, ou inmersos xa, no “caos” que Guillem López Bonafont define como o momento no que nos damos conta de que “a situación previa xa non funciona”. Pero tamén advirte que o caos por si só é a “fin de todo pero o comezo da nada” polo que é preciso dar o pasos adiante para que se cumpra o que segundo José Luis Sampedro acontece en toda crise: “afundimento do vello e nacemento do novo” (Le Monde Diplomatique, xuño 2012). Para logralo é necesaria a implicación da cidadanía e máis das formacións políticas dispostas a ir máis aló da refundación ou o parcheado do esgotado modelo vixente.

Sobre as formacións políticas recae a responsabilidade de adaptar as súas estruturas e mailo xeito de xestionar o público a unha nova cultura política asentada na creación colectiva (participación activa das mulleres e homes na vida política) e a horizontalidade fronte a verticalidade e o afastamento que presidiron até o de agora a relación cidadanía-política.

O camiño cara ao novo xeito de entender a política implica mudanzas nas propostas ideolóxico-programáticas

O camiño cara ao novo xeito de entender a política implica mudanzas nas propostas ideolóxico-programáticas das formacións, nas estratexias de comunicación e tamén nas de organización e mobilización.

É na comunicación e na mobilización onde cómpre incidir a curto prazo co fin de reforzar o contacto directo coa cidadanía e de realizar unha tarefa de pedagoxía para explicar a necesidade de cambio de modelo e ao tempo recuperar parte do prestixio perdido.

No relativo á comunicación boa parte dos esforzos pasan por configurar unha estratexia na que internet e as ferramentas que proporciona a rede sexan peza clave para unha maior participación da xente na política.

No que á mobilización se refire a proposta debe centrarse na posta en valor dun procedemento clásico de achegamento á cidadanía, o “porta a porta” ou canvassing na terminoloxía eleitoral anglosaxona. É unha das accións de marketing político máis antigas pero a súa eficacia segue vixente e continúa sendo unha táctica efectiva.

O “porta a porta” veu da man en ducias de ocasións no noso país de prácticas políticas caciquís mais non pode ser esta eiva, que é necesario recoñecer, denunciar e erradicar, un lastre para o emprego do canvassing como un instrumento para facer pedagoxía dunha nova cultura política arredor do país. Precisamente esta pode ser unha boa ocasión para limpar a súa imaxe.

O “porta a porta” pode ser empregado como unha ferramenta de contacto permanente coa cidadanía polo conxunto das formacións políticas

Tradicionalmente esta estratexia de comunicación directa asociouse sempre aos períodos de campaña eleitoral e á figura da candidata ou candidato principal da formación. Nunha época coma esta, de campaña permanente, de necesidade de respostas e alternativas ao que está acontecendo no político e máis no económico e cando se procuran liderados e referentes colectivos, o “porta a porta” pode ser empregado como unha ferramenta de contacto permanente coa cidadanía polo conxunto das formacións políticas e dos movementos sociais que comparten o obxectivo da búsqueda e construción de alternativas ao modelo vixente.

Non é doado pero é posíbel. O “porta a porta” esixe compromiso, preparación, esforzo e cooperación. Compromiso porque a xente que se sume a esta acción debe facelo convencida ao cento por cento de que hai que mudar o xeito de facer as cousas na política. Preparación porque hai que artellar e asumir unha mensaxe clara para ser quen de transmitila con éxito. Esforzo e cooperación porque hai que tecer unha rede de traballo en equipo a nivel comarcal (incluso parroquial) que facilite o achegamento ao conxunto da cidadanía xa sexa no barrio máis céntrico da Coruña ou na aldea máis dispersa do macizo ourensán. Tamén capacidade de escoita; de estar dispostas e dispostos a achegarse á xente; a coñecer a súa realidade; as súas demandas; a dar resposta ás súas preguntas; a ver como pechan a porta por non querer saber nada do que lles vas contar; ou a ofrecer argumentos de confianza diante das críticas a un xeito de facer política que lles virou a cara catro anos e só mirou para eles quince días.

Está claro é que a vitoria non virá con menos política senón con mellor política

A partida ao desprestixio e á desafección tan só se gaña dende o compromiso coa proximidade, co rendir contas, co ofrecemento ás persoas ás que se visita a ser axentes activos da transformación precisa. E dende logo o que está claro é que a vitoria non virá con menos política senón con mellor política.

O “porta a porta” para a construción dunha nova maneira de entender e desenvolver a política é un traballo de formigas, que pode levar tempo e traer un feixe de disgustos pero que paseniño irá deixando os seus froitos. Tan só é preciso que quen acredita na necesidade dun cambio de modelo teña a vontade de levalo a cabo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.